Mostrar mensagens com a etiqueta Raúl Asegurado Pérez. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Raúl Asegurado Pérez. Mostrar todas as mensagens

29/12/11

Posición e marco de referencia. Cuestións internas (II): lexitimidade e transparencia.

Raúl Asegurado no seu Blog dun irmandiño.

A lexitimidade é algo que se gaña, que no momento presente nunca está adquirida por contaxio do pasado, e por tanto en períodos reflexivos hai que telo presente para mirarmos o rumbo tomado e as decisións que son acaídas para non perder este valor, moitas veces esquecido.
Unha organización colectiva debería facerse unha serie de preguntas sobre a súa acción e a súa incidencia no campo no que traballa, porén, unha organización política debe diagnosticar os puntos fortes e febles da súa capacidade de incidencia institucional e social, a viabilidade do seu proxecto, e o que é máis importante a súa identidade propostiva e constitutiva. Nestas claves tentaremos afondar brevemente neste artigo, comezando por isto último.

Lexitimidade e identidade. É facilmente comprensíbel que o factor que máis determina a lexitimidade dun coletivo é a súa identidade, identificada en que ideas propón e a vixencia delas, así como por quen está composto, é dicer, o suxeito colectivo no que se encarna.
Nunha nación sen estado, dentro dun contexto de dominación capitalista, a lexitimidade dun proxecto de esquerdas emancipador por si só non está lexitimado se tras del non existe un suxeito antagónico ao discurso ultraliberal, e por tanto, na fronte hai que analizar dúas cousas, a incidencia que se fai nas institucións e a permeabilidade da organización aos colectivos e persoas que no seu facer social lexitiman o discurso da emancipador da esquerda. Quero dicer, que unha organización con ideais ou propostas discursivas antagónicas co sistema de dominación que nas institucións cohabitan comodamente cos suxeitos opresores (representantes dos grandes intereses privados), non está lexitimada. Tamén pode darse, como se dá, o caso en que representantes públicos da fronte con ideas antagónicas ao discurso imperante (nomeadamente comunistas), usan a fronte como trincheira de posicionamentos máis ou menos de esquerda mais substitúen o suxeito social por suxeito de clase política, están novamente ilexitimando o que facer discursivo da esquerda.
O BNG neste senso ten dúas feblezas de lexitimidade: a tipificación política dentro das institucións e o enclaustramento organizativo. A potencialidade fica nas clases pasivas orgánicas; a militancia do común que na sociedade encarna o suxeito social da esquerna nacional galega e que organizativamente deron un paso cara a atrás polo enrocamento da clase política dirixente e pola orfandade das súas demandas nas institucións, é a militancia de base, o corpus social, onde o BNG pode novamente lexitimarse; porque esta é realmente a súa constitución social, non a clase dirixente (institucional ou política).

Lexitimidade e incidencia. Se non se recupera a identidade a incidencia que se faga serán fogos de artificio. A incidencia non virá determinada pola ación direita nas institucións, que tamén, senón no acrecentamento discursivo da hexemonía social nas clases subalternas (en termos gramscianos, recollido nunha achega anterior). Esta e só esta, será a incidencia lexitimadora da esquerda emancipadora e soberanista. Nesta lóxica, a apertura de portas da fronte a sectores políticos e sociais excluídos ou á militancia de base cansa e inactiva será o primeiro síntoma dunha incidencia na sociedade que poña en liza un valor lexitimador que actualmente é importantísimo: a transparencia.

Lexitimidade e transparencia. A transparencia toca innumerábeis factores de lexitimidade; a transparencia organizativa pon en valor unha democracia interna horizontal e participativa, por tanto recupera o asemblearismo e todo o que iso conleva. A transparencia económica pode desvelar a non lucratividade dun proxecto político común, e por tanto o verdadeiro interese da clase dirixente, ademais de adquirir un compromiso coa súa militancia que determine as condicións materiais da liberdade do proxecto político. A transparencia nos procesos de eleicións de candidatas ou representantes orgánicas é un compromiso con toda a sociedade galega. O uso do censo de militantes que está actualmente a desenvolver o “aparato” é unha agresión ás máis básicas normas de xogo, determinando un oscurantismo férreo en todo o proceso e denigrando o valor máis evidente da transparencia. Ou isto muda ou a lexitimidade pérdese, e non só para a militancia de base, senón ante a cidadanía galega no seu conxunto.

23/12/11

Posición e marco de referencia. Cuestións internas: asemblearismo.

Raúl Asegurado no seu Blog dun irmandiño


Se o proceso asemblear no que estamos inxeridos vai determinar o marco de referencia onde vai dirixirse o futuro do BNG, hai cuestións de posicións internas que determinarán de forma inequívoca se o proceso que se encete levará ou non a un proceso que rache as dinámicas que abordei na achega anterior; e isto ten un senso superlativo en cuestións que determinen o valor que se lle dea á militancia de base, aos seus dereitos e os seus deberes.

Nos últimos tempos, na dinámica interna do BNG instaurouse por unha maioría simple unha mutación estatutaria que determinou un cambio no proprio ADN da fronte; a cuestión das delegadas e delegados, xustificado por unha hipotética mellora de calidade democrática na cal en procesos previos a unha Asemblea Nacional, as militantes asistentes deberían “gañarse” en procesos comarcais a delegación de representación das ideas e das persoas para poder asistir, e así afondar no debate interno, e por outra banda, garantir un número de asistentes que permitisen facer unha asemblea dinámica, reducindo o número real de militantes congregadas/os.
Ben, este posicionamento racha coa lóxica do poder horizontal da esquerda social das últimas décadas en todo o planeta. Os procesos abertos, transparentes e a tentativa do empoderamento da sociedade civil como resposta ás agresións desta fase do capitalismo, por parte dos diversos e diferentes movementos sociais antisistémicos, son resposta á inmobilidade e usurpación da soberanía nacional, e por tanto, resposta a unha dinámica de usurpación da mesma democracia; tentando outorgar á cidadanía un valor protagónico na construción social que está sendo continuamente castrada polos poderes económicos e co consentimento das forzas políticas exercentes.

Isto levado ao contexto dunha nación sen estado cobra un valor de vital importancia. Antes desta posición adoitada hai un lustro na dinámica interna do BNG, a fronte exercía unha dobre responsabilidade ante a sociedade nacional (non só nacionalista) galega: por unha banda a fronte atuaba como unha organización política plural das diversas sensibilidades e trasladaba ás instancias públicas (institucións) o seu facer político, mais alén diso, o BNG por outra banda, era una aparato de Estado indispensábel para esta sociedade (cidadanía), pois non contaba con outra forma de representación soberana.
Se afondamos nesta segunda concepción do que era a fronte, de forma esquemática e rápida, podíamos dicer, que as/os militantes do BNG eran cidadás/áns libres que participando de forma direita en forma de sufraxio universal nunha asemblea nacional determinaban a composición do Consello Nacional, que viría en termos estatais a seren o Parlamento; un Parlamento aberto a todas as sensibilidades e que impulsaran o propósito común da fronte, a liberación social e nacional, a emancipación galega.

Ao mudarse a concepción da/o militante, antes como cidadá/án, agora como medio para conseguir unha delegación, lévamos a poder participar dun proceso asembleario só a través dun sufraxio censitario. Un sufraxio censitario que determina varias cuestións:

1. Xa a/o militante do BNG non é un cidadá/án libre para poder exercer os seus dereitos e asumir as súas obrigacións en primeira persoa (pois pode ser que un vaia en delegación de varias persoas, ou o peor, que outras/os non poderán nin sequera asistir ao órgao máximo de decisión soberana aínda sendo militante).

2. A proporcionalidade da delegación non determina a liberdade, nin sequera na cuestión dunha proporcionalidade 1:1, é dicer, un militante un delegado, pois a militante deberá pasar por un rexistro censatario non universal, senón que indignamente terá que, alén de ser militante, estar inscrito por vontade persoal e controlado polo aparato para poder exercer o sufraxio. E esta é unha cuestión republicana indispensábel da liberdade como non-dominación; non vale, para a tradición republicana, que haxa un tirano benevolente, un tirano que decida permitir o sufraxio pois coa existencia do tirano existe a capacidade da dominación, e a liberdade non é un “favor” da tiranía, é un dereito universal de toda a cidadanía no seu conxunto.

3. Na cuestión da proporcionalidade absoluta, de ser un/ha militante un/ha delegado/a, créase un censo previo á asemblea, que o aparato, e nomeadamente a UPG neste caso, poderá antes da celebración da mesma asemblea ter un mapeo da situación que se pode dar nesa asemblea. Como comentaba o outro día un compañeiro, a UPG unha semana antes da celebración da Asemblea Nacional do BNG intuirá o escenário posíbel e tentará amañar coas contas que faga posíbeis pactos que garantan as súas aspiracións.

Ou volvemos a unha concepción asemblearia, que aposte por valores republicáns de liberdade, ou o proceso de rexeneración non é posíbel. Ou volvemos a dotar ao BNG do valor indispensábel que para unha nación sen estado é ter un aparato de Estado, ou converteremos ao BNG nunha forza clásica, tradicional, típica e por tanto colaboracionista co sistema de dominación, por que? Porque para unha nación sen estado, as prácticas internas, as posicións e mecanismos de artellarmento son resposta ás agresións que a cidadanía nacional galega recibe en todos os campos nos que traballa e se desenvolve, ou non será un mecanismo orgánico que anteceda ao proceso de emancipación.

Esta asemblea nacional, debería ser sen delegadas/os, como todas; nesta tentativa o Encontro Irmandiño impuxo dentro da “lei vixente” a maior cota de liberdade posíbel, a proporcionalidade 1:1, e decidimos participar nela, sendo conscientes de que non é suficiente, debemos dotar novamente a toda a militancia da igualdade e liberdade imprescindíbel para así poder artellar, asumindo a total responsabilidade da construción común, o valor da fraternidade.

24/12/10

Orfandade política (IV).

* Raúl Asegurado Pérez


Unha das máis evidentes conclusións que tiramos da RdR (Rolda de Rebeldía), á vez que unha das dificultades, era en afirmar que a esquerda social era política; non no sentido partidario pero si no senso definitorio da súa acción, custábanos aceitar a diferenciación entre esquerda social e esquerda política, mais usámolo como pretexto de referencia, aínda que non nos gustou, un ano despois, seguimos sen saber como denominar de forma integradora a unha e outra. Repito, que o que era evidente era que a esquerda social era política.
Na relación entre esta, que constituiría o novo suxeito político e o referente político, como xa expliquei na primeira aportación desta serie de artigos, emerxeu un sentimento de orfandade; hai outros paradigmas -dentro da esquerda social-; uns que afirmarán que nunca sentiron estar “apadriñados”; outros repetirán que non é necesario ter un referente político; tamén se dirá que sentimento de “orfo” implica ser-fillo-de e por tanto, dependente-de… Pois ben, o que estamos a dilucidar é se un suxeito político sen (ser) referente político é unha debilidade ou non.
Ao meu modo de ver, hai razóns polas que se pode afirmar que isto sería unha debilidade:
A cesión dun poder real. Hai un ano escoitei a B. Cassen en Oleiros, convidado por Altermundo afirmar como unha das debilidades dos Foros Sociais fóra non introducir a vontade política no seu seo, e como era preciso en moitos casos para poder construír as demanadas que se verquían neles, a participación das institucións públicas, porque en moitos casos eran a elas ás que se referían moitas das demandas ou denuncias.
Emanando do enunciado anterior, un pode preguntarse, como podemos repolitizar a economía sen participar da política?
Para iso claro que hai que respeitar a relación en plano de igualdade das organizacións sociais e políticas, referidas a diferentes esferas do poder social. En alusión á argumentación do orfo como filla/o-de-alguén, o que se ten que ter claro é que nesta relación de orfo, o importante é o filla/o, o filla/o pode ter nai-pai ou estar orfo, pero a nai-pai sen fillo…, non é (unha aclaración disto é Galiza non Se Vende e a súa valoración por parte do BNG-UPG). Hai que ser filla/o pra concebir a paternidade.
A necesidade de defender unha cohesión da pluralidade discursiva, noutras palabras, hai que defender un mundo onde caiban moitos mundos con máis estratexias que cada “mundo” se salve como poida. Hai que tomar unha defensa común dos intereses colectivos e plurais desde o poder lexislativo.
Neste momento, o referente político tórnase imprescindíbel para pretender unha hexemonía da esquerda no senso gramsciano. A práctica dunha humildade propositiva, que permita pasar da denuncia e da protesta ao anuncio de alternativas políticas reais.
Necesidade de rematar cos malos ou bos governos e comenzarmos a falar do Bo Governo, de obrigar a facer boas prácticas nas institucións políticas, como a transparencia financeira, a participación cidadá, etc…
A reciprocidade entre a responsabilidade política e a civil, sen un referente político que salvagarde como activo supremo o suxeito político que é esquerda social, esta só poderá defenderse sen desenvolver a súa potencialidade propositiva.
É por isto, que certamente a cidadanía política é a responsábel da construción social da realidade, no sentido máis estritamente republicano da atención da “res pública” por parte das vontades individuais, non sería outra cousa que a reconquista da dimensión comunitaria da persoa. Esta é a dinámica política da esquerda social. Unha esquerda social que debe atender-se e preocupar-se pola súa cohesión e a súa dimensión constitutiva para seren; porque o momento no que vivimos, ou fai un exercicio de aprofundización nas súas esixencias ou será aniquilada como suxeito político e sustituída por un “modo de vida” invidivualista. Por tanto:
-          A esquerda social ou é presencia activa, ou non será. (Ten que achegarse ao discurso da realidade da vida cotiá e das persoas do común).
-          A esquerda social ou é dinámica, ou non será. (Adaptándose e respondendo a cada circunstancia, propoñendo solucións e entrando en contradición consigo mesma na práctica de alternativas).
-          A Esquerda social ou é materialista, ou non será. (A realidade concretiña, o acontecemento como lugar de partida, cos pés no chan).
-          A esquerda social ou é consciente, ou non será. (sociopoliticamente formada, partillando coñecemento e aprofundando nunha ampla dimensión, cunha consciencia da súa identidade nacional por proxección internacionalista).
-          A esquerda social ou é transcendente, ou non será. (Manter o pulso do materialismo co utópico, amar imposíbeis e ir sempre alén das derrotas e vitorias).
-          A esquerda social ou é comunicación, ou non será. (Saír de si mesma, dos seus “lugares” definitorios, comprender diferentes análises e experiencias, autoxestionaria no compromiso de facerse a si mesma, desprendida e entregada cara a novos horizontes).
-          A esquerda social ou é independente ou non será. (Sen ser correa de transmisión e sen pretender que o referente político o sexa dela, aceitando as diferentes esferas do poder social e mantendo unha tensión que impulse o avance das conquistas).
-          A esquerda social ou é cohesión desde a pluralidade, ou non será. (Heterodoxa).
-          A esquerda social ou é militante, ou non será. (Nun continuo proceso de unificación e integración progresiva das esferas conquistadas polo ultraliberalismo).
-          A esquerda social ou é republicana, ou non será. (No senso da responsabilidade civil das vontades individuais).
 Agora, resolvimos o conflito da orfandade política? Penso que non, penso que é un proceso, onde tanto a esquerda social como as vontades colectivas que traballan por un proxecto político en consonancia con esta, deben facer un traballo conxunto, de diálogo e de achegamento, xogando cos tempos e os ritmos e planificando conxuntamente un idearium discursivo integrador; e aceitando aquela premisa da internacional de que ningún dereito sen obriga e ningunha obriga sen dereito en ámbalas esferas do poder social. E coa paciencia necesaria polas dores, tanto de parto coma de encetar momentos de “soltar lastre” de prácticas xa non acaídas.

14/12/10

Orfandade política (III).

* Raúl Asegurado Pérez


No que se deu a coñecer como socioloxía do coñecemento por Max Scheler no primeiro terzo do século XX, por certo que era filósofo non sociólogo…, inténtase non só tratar das variacións empíricas do coñecemento nas sociedades, senón tamén os procesos polos que calquera “corpo de coñecemento” chega a quedar establecido socialmente como realidade, noutras palabras, debería tratar de captar os procesos polos cais o coñecemento humano desenvólvese, transmítese e subsiste nas situacións sociais, e realízase por unha maneira tal, que unha realidade xa establecida cristalízase para a persoa da rúa. É dicer, en definitiva, que vou a aventurar-me de forma moi sistemática a facer unha aproximación á construción social da realidade dunha colectividade política, a do BNG, comezando pola dinámica interna do mesmo.
Para isto ben váliome coma guieiro do índice da obra de P. L. Berger e T. Luckmam que trata esta temática nos seguintes eixos: os fundamentos do coñecemento na vida cotiá, a sociedade coma realidade obxectiva (institucionalización e leximitación) e a sociedade coma realidade subxectiva (realidade e estructura social); un terreo árido e denso que tratarei de facelo o máis sinxelo sen caer en obviedades subxectivistas. A ver se o consigo. O punto de partido imos collelo nun acontecemento, que como diría Mounier, é o auténtico mestre interior.
O acontecemento é a eliminación do asemblearismo no seo do nacionalismo organizado no BNG, sendo coñecedor de moitos outros momentos, uns que se poderían encadrar en procesos e outros en detonantes puntuais, desde que un é consciente (e a consciencia non é só no que participei senón da asimilación dos procesos anteriores por información transferida desde varias subxectividades) no BNG existe unha dinámica de crítica interna amplamente asimilada e compartida (que non sempre ten que ser aceptada) pola súa interrelación entre a masa social e a instancia política. Esta tensión sempre existente como digo, tivo procesos e tivo momentos críticos que podería enumerar mais por espazo e porque seguro que non citaba todos, prefiro non facer, tamén porque de seguro a maioría pode citar os que para cada un/ha foron máis importantes.
Mais cal é a diferencia entre todos estes procesos e o “acontecemento” ao que refiro?, o máis importante é que con el, a realidade, como constructo social deste colectivo muda definitivamente, e témome, para sempre.
A retirado do asemblearismo non só é o que de facto e por observancia simple un pode tirar coma conclusións: a imposición da minoría de idade para a militancia, a creación da “clase política” interna, a anulación de respostas disonantes e o control dos fluxos críticos, a laminación dunha xeración que xenerosamente comprendera o senso dun proxecto común, a creación dunha “masa” necesitada de “vangarda”, a salvagarda da clase política, a imposición da dinámica de poder interno na horizontalidade organizativa, etc… A retirada do asemblearismo trae consigo unha nova realidade social para o BNG, un novo posicionamento interno e externo (a ver se consigo centrarme hoxe só no interno) que interactúa na vida cotiá da súa masa social na linguaxe, na institucionalización (organismos e actividades, tradición, “roles”) e na lexitimación (o universo simbólico, nova conceptualización da política e a nova organización social para o mantemento dos universos simbólicos). É dicir, coa ruptura co asemblearismo ráchase cunha tradición (co seu discurso conceptual e simbólico), ráchase cun modo de interacción (entre as forzas políticas ANTES existentes do seo do BNG e os “non adscritos”), créanse uns novos roles (por exemplo, a disciplina do delegado) e todo elo cun proceso de institucionalización e lexitimación que mudan de forma taxante a visión desta organización da sociedade na que está inxerido, e é aquí, na súa dinámica interna, onde muda a realidade creando xa un discurso consecuente e consoante co discurso oficial do imperio. E non digo nin que o BNG no seu conxunto nin as partes que o integren, Máis Galiza e a UPG sexan ultraliberais, senón que a súa interpretación da realidade coincide, ou coma se di no mundo postmoderno, “se isto é o que é, é o que hai e todo o demais son tonterías e non nos podemos saír d-aí”.
E un pode aceptar que o discurso do imperio está socialmente estendido e aceitado pola masa social, que para a maioría da cidadanía os partidos políticos teñen unha lóxica na lexitimación das relacións entre a cidadanía, os dereitos, o benestar e incluso e economía. Pero o BNG no seu seo mantiña vivo o dereito de cidadanía, incluso negado aos cidadáns e cidadás na sociedade, porque internamente un/unha era cidadán ou cidadá e por tanto responsábel en primeira persoa da política, non da política do colectivo, senón na praxe política individual partillada nun proxecto común (republicanamente isto chámase fraternidade), e podía mal que ben levar unha e mil veces unha emenda que non saía adiante, que construía socialmente alternativas e que internamente eran acicate para a organización (fra-ter-ni-da-de), non eran vistas xamais coma “plataformas inimigas” e/ou “perturbadoras” do nacionalismo…, e unha cantidade de cuestións que só poden ser entendidas no trato da militancia coma menores de idade e por tanto negados a ser, desde abaixo, realmente a vangarda (único lugar real da vangarda: ABAIXO), o motor que impulsaba aos responsábeis políticos da organización a tomar certas medidas que distorsionaban a melodía dos poderes oficiais. Agora entóase a mesma melodía, porque melodía e ritmo non é o mesmo, aceito que haxa ritmos diferentes, pero melodía? A mesmiña.
Este é o novo escenàrio, que pretendín debuxar coma nun bocexo, da orfandade política, xa avisada por ex-militantes do BNG hai un par de anos (incluso un lustro) e que desde o bipartito constato nos diferentes lugares nos que me movo, internos e externos. Porque nada ten que ver nin as escisións internas, nin a perda de correlacións de forza, nin sequera o respeito ou non ás minorías internas; senón que é un proceso, ao meu modo de ver, consciente por parte da UPG e de Máis Galiza e persoalmente dos seus líderes Carlos Aymerich e Francisco Rodríguez, para configurar un proceso de construción social da realidade social e política do nacionalismo que resposta, témome, a intereses de salvagarda dun patrimonio concreto (simbólico) nun marco de realidade totalmente diferente ao existente. E, coma me di moitas veces en reunións un amigo, “un aviso a navegantes”, a realidade é cambiante, pero tamén se constrúe, sexamos conscientes ou non. E non é o mesmo, quéirase ou non.

06/12/10

Orfandade política (II).

* Raul Asegurado Pérez


Artigo tirado do blogue pessoal do autor. A ilustraçom é um quadro de Thomas Kennintong intitulado Orphans.



A orfandade política á que me referín no anterior artigo tamén podemos avaliala por factores xa menos sociolóxicos, e si máis vitais. Serían aqueles que por unha banda constitúen o plano máis subxectivo e que están determinados polo posicionamento do observante respeito do obxervado. Neste caso, a vivencia en primeira persoa da orfandade política, así como as consecuencias que estas teñen na práctica  dinámica interna do BNG.


Agora, ao pretender situarme dentro do conflicto que vivo dentro do nacionalismo organizado, mais que falar de orfandade en si, tal vez sería máis acaído falar desde unha perspectiva republicana, da vivencia da perda de liberdade política militante dentro do BNG, e por seguir cun símil, sobre a vivencia da violación dentro do matrimonio. Entendendo por matrimonio o acordo colectivo, unha institución social (BNG), na que se crea un vencello de unión entre as partes (militantes-organizacións-proxecto común).


Por situarnos brevemente na pouca importante vivencia biográfica, que non consiste niso, senón en exemplificar, comecei a militar dentro do nacionalismo organizado a finais dos noventa, da man dun bo amigo, e concretamente en Esquerda Nacionalista, e cando xa daquela falabamos da perda de relación entre o BNG e as organizacións sociais de base, lembro perfeitamente por boca do que creo era o seu responsábel de organización frases como: “ídevos todos jipis de merda”, “facedes discursitos para a galería pero nada de política de verdade”, aos máis novos dedicábanos frases moito máis paternais comentando cousas de “estanvos enganando”, “deixádesvos engaiolar coma borregos por xentes populistas”… Teño que recoñecer que non entendía moito da trascendencia do que estabamos falando nin comprendía (e aínda me custa) saber dos perigos que podía contraer unha organización política como a que anelábamos  para EN, o que foi que, na asemblea nacional (falo de memoria) de 2001, e no proceso comarcal posterior, unha porcentaxe moi elevada de  mozos militantes, fomos convidados a deixar a organización ou pedíusenos direitamente que a abandonásemos. Eu fun un deles.


A partires de entonces, a miña militancia no BNG foi do que se coñece como “non adscrito”, e puiden observar como unha e outra vez tentaban manipular a miña/nosa posición, por tanto a miña actitude foi bastante pasiva organicamente (non politicamente, nunca o foi), até que, sen saber moi ben por que nin como, a alguén se lle ocorreu propoñer que o BNG deixara de ser asembleario. Eis aquí a miña volta novamente a un activismo orgánico un pouco máis activo. Que será motivo da terceira entrega (explicando co símil da violación).


Se vou a unha dinámica externa, da vivencia da orfandade política, isto vese nas interaccións que desde o activismo social, ou militancia, puiden percibir desde aqueles anos da mocidade. Facendo unha pequena reseña biográfica, lémbrome que a miña interacción coas clases sociais máis marxinais foi de voluntario (actividade que faciamos desde a miña educación católica nun colexio de frades de Santiago), na cociña económica; despois deste primeiro contacto a acción voluntaria carecía de sentido sen comprender por que e como se vivía e formaba esta colectividade esquecida continuamente, o primeiro contacto coa realidade foi o que despois nunha sucesión de madurez e de análise social (estudei traballo social e socioloxía para intentar impregnarme de realidade e de mecanismos analíticos e transformadores, non valeron para case nada disto…) levoume a formar parte do “foro de debate e acción” que naceu inicialmente para criticar a débeda externa e logo tivo unha continua presencia en Compostela cando a invasión de Afganistán (por certo que nesta etapa mesturada coas primeiras accións estudantís foi cando entrei en contacto por primeira vez co independentismo organizado, lémbrome de que nós faciamos unha concentración silenciosa para protestar pola guerra de Afganistán cando as organizacións independentistas querían tamén no Toural facer unha manifestación berrando consignas antiimperialistas, ao final entendímonos todos e todas, e gardo boas relacións daquel entón).


Despois participei no movemento estudantil Anti-Lou, unha auténtica escola de activismo e onde fixen boas amizades que viñan de tradicións políticas-sociais moi diversas; a constitución do Foro da Inmigración de Compostela, novamente lugar de experimentación coa verdadeira realidade para un mozo de apenas 21 anos. Traballei no Tempo Libre, comecei a miña vida laboral nun centro de protección de menores (eido ao que sigo vencellado laboralmente), coñecín e puxemos en práctica a primeira asociación de banca ética deste país AIS O Peto, colaborei puntualmente co comercio xusto (Panxea). Anos máis tarde, hai menos dun lustro, coñecín a moita xente que impulsarían o FSGal; xentes diversas de diferentes experiencias sociais e políticas e co descubrimento dos procesos altermundialistas na Galiza, (xa coñecía ben a experiencias doutros lugares como a Zapatista) volvín a ter unha nova fase na miña madurez social.


Teño que dicir, que nesta segunda parte, da vivencia política desde o activismo social, creo que a orfandade foi sempre un síntoma, lémbrome de intentar achegar resolucións a Esquerda Nacionalista sobre a débeda externa e sentir coma dicía o outro, predicar no deserto, o mesmo cando, tras coñecer a iniciativa da Renda Básica levei (levamos) unha emenda totalmente republicana sobre a renda mínima e máxima dos liberados do BNG a unha asemblea nacional, e fun respostado por unha parlamentariña coa seguinte argumentación “esta emenda é máis acaída nunha entorna sindical que nunha política”. Perdimos a votación, claro. Agora que me lembro, penso que eu nunca gañei unha votación política! (hahahah, tería que facer memoria disto, pero creo que estou no certo; salvo a alcaldía en Teo nas últimas eleicións…). E digo síntoma porque, por exemplo, lémbrome de que na LOU, o éxito do movemento estudantil (penso eu) foi que os que estabamos traballando nel tiñamos claro que non podíamos vencellar o traballo a ningunha sigla, os caf, meu, fer (creo que era daquela), tardaron en comprender o por que disto pero finalmente aceitáronno, e o éxito foi claro. E que traballo político implicou isto? Eu coma daquela era militante de Galiza Nova, tiven que falar con dirixentes da mesma (lémbrome perfectamente en que cafetería da Rúa Nova de Compostela foi) para que comprenderan o esforzo que tiñamos que facer para sumar, e que a participación destas remataría por dividir ao estudantado, e así foi, no primeiro descoido que tivemos, tentaron apropiarse do traballo feito. Por isto digo que foi un síntoma, a orfandade política desde unha perspectiva social, era un síntoma do proceso de separación que se está a dar entre a política e a sociedade, entre a política e os centros reais de toma do poder, entre a política e a economía que determina a condición de vida de todas e todos…

01/12/10

Orfandade política (I).

* Raúl Asegurado Pérez.

Artigo tirado de aqui.


Hai pouco escoitei falar da orfandade política, e da necesidade de asimilala para poder construír alén dela, alén da perda, alén da dor. Foi en boca dunha muller, como non podía ser doutra maneira, para describir metaforicamente unha situación dramática e complexa dunha forma tan esclarecedora e sinxela.
Comecei a reflexionar sobre isto, e penso que hai dúas formas de entender o concepto de orfandade política, un referido á clase política e outro referido á organización política, un e outro fan referencia ao suxeito político; e un e outro ben determinado polo capital social, entendéndoo como a confianza en sentido horizontal (entre a sociedade civil) e vertical, coas institucións públicas. A orfandade por parte da sociedade civil fronte á clase política determínase con dúas variábeis, a confianza que a cidadanía ten nesta clase así como nunha confluencia hexemónica do sentir que ela comparte respeito das acións desta.
Eis neste aspecto onde non hai moita diferenciación respeito das diversas opcións políticas que existen no país, o PSdeG, o PP e o BNG coas súas accións de gobernanza estiveron todos no mesmo rol de exercitar un poder desde e para arriba, sen criar ningún espazo de apertura nas súas decisións, non hai unha opción política que goberne obedecendo ou que cree canles participativos.
Orfandade respeito da clase política xa que hai unha homoxenización cada vez maior dos papeis representados, na construción do discurso da acción política dos partidos galegos, e isto é algo recente. O BNG tivo unha percepción por parte dos cidadáns dalgo “diferente”, sobre todo nas formas, que permitiron crear un discurso social distinto, hoxe, o camiño levado polo BNG de converterse nun partido clásico (contracorrente dos sectores máis avanzados no ideario da esquerda de todo o planeta) xustifica un dos elementos da nacente orfandade política que vive o país. Mais iso non é todo. Outro elemento central é o esclarecemento dos centros de decisión do poder. A crise actual evidenciou por enésima vez, que os centros do poder político residen nas grandes corporacións, fundamentalmente nas financeiras, e non nos partidos clásicos. As axendas políticas estiveron marcadas non polos idearios nin polas prácticas de goberno ideolóxicas de cada quen senón polas simples necesidades económicas dos bancos e das caixas deste país. Os valores do desenvolemento, da creación de riqueza, dos reaxustes laborais, etc…, responderon evidentemente ás directrices financeiras e nada tiveron que ver as ideoloxías políticas. Hoxe a esquerda política que non sexa capaz de nin sequera mencionar a necesidade de decrecer, distribuír e limitar a riqueza, rachar coa lóxica que nos trouxo a esta realidade socioeconómica, non é unha esquerda política, é unha esquerda de discurso feble e sen liderazgo social. A confluencia das Caixas e o beneplácito unánime do Parlamento galego, non fai máis que subliñar o apuntado. O capital non ten patria, non existe o capital galego se non existe unha política nacional que conflúa nun discurso propio, salvo dentro da lóxica ultraliberal de seren colonias-nacións do capitalismo actual. É dicir, en positivo, só cabe un atisbo de construír unha política nacional se ela determina o capital por e para unha cidadanía galega, e antepón a súa realidade (a da sociedade civil) para que o capital producido sexa ferramenta de uso por e para todas e todos.
A orfandade entendida referente á organización política ten senso na capacidade ou incapacidade desta de vehiculizar a participación cidadá na súa toma de decisións, e nun discurso feble, nos seus propios militantes. A retirada do asemblearismo no seo do BNG é unha nova evidencia do camiño tomado: 1. Para se converter nun partido de corte clásico que permita a acción nas institucións sen distorsionalas. 2. A potenciación da profesionalización da política, a creación no seu seo da “clase política” e 3. En determinar internamente os papeis, afundindo calquera intención de forzar á clase política a tomar decisión que non están nos estándares pactados pola esfera económica-política. A militancia deixa de ser o “lazarillo colectivo” que guía a súa clase política para ser o elemento que ten que defender o que a clase política determina coa súa acción.
A orfandade política, ten que ser asimilada polo suxeito político para proxectar como, ou ben, vivir sen tutelas da clase política ou para construir un novo fogar onde a maioría de idade, a lei civil non supeditada á lei familie, para poder nas instancias públicas levar un discurso distinto, un contradiscurso político que sen medos hexemonice unha espranza social que hoxe está orfa. E só orfa no entendemento da confianza cos axentes políticos, non na construción social.

22/11/10

L de liberdade?

* Raúl Asegurado Pérez
Con L de Liberdade?
O grupo municipal do partido popular d´A Coruña fixo unha moción no seu Concello solicitando o uso do topónimo de La Coruña con L de Liberdade! :D cando menos é inxenioso.
O L pódese usar de forma Lúcida ou coma unha Lousa que tente Lapidar de forma Letal unha Lingua á que se pretende Liquidar por entendela como un Lastre para os fins Liberais da construción do imaxianrium uniformizador colonial, nese caso, a Liberdade estaría de Loito.
Coma unha vangarda Lazarilla, o PP promúlgase defensor dun cego povo, vaia diagnose de partida. O povo cego, que non se decata da imposición do galego –nunha contorna que ningún estudo sociolingüístico respaldaría (e vaian vostedes a investigar por que falo da socioloxía de “dios” agora)- precisa da Liberación dos dereitos socavados por un estado de excepción que pretende o monolingüismo da cidadanía, impoñéndoo. O discurso é sen dúbida Limitado mais ten Lindes de proxección. O discurso constrúese en base a unha idea positiva Liberdade, aceitada comunmente, baleirada de contido e usándoa simplesmente como contrapunto doutra idea, a non imposición.
A Liberdade como non imposición daría como resultante a Libertinaxe social, cousa que desde o Liberalismo conservador non estaría moi ben visto, porque non é o mesmo a non imposición que a non dominación, antítese verdadeira da Liberdade. E iso imos tentar aclarar, que non é igual impor que dominar.
A imposición dunhas normas de xogo non é o mesmo que a dominación dunhas normas de xogo, as normas de xogo non dominan. A capacidade de dominar está na posibildade ou non de determinar as leis (neste caso, leis culturais), por tanto, nun estado democrático –que non coñezo- residiría na soberanía nacional, as leis non teñen esa potestade de dominar pero si deben ser impostas, que non quere dicir que non se poidan modificar. Modificáronse as leis no 36 co franquismo, o problema non eran as leis, senón en quen as ditaminaba, quen dominaba e quen era dominado, igual aconteceu no 78 até hoxe. Cando a lexislación cultural non é do gusto de quen pinta, entón entra en xogo a tradición político-cultural de cada quen, para tentar a súa modificación.
Eis a cuestión histórica da tradición cultural; a cultura galega é tradicionalmente unha cultura da paz, da convivencia e lamentablemente de submisión, non hai cabida na nosa historia cultural para o adxetivo de impositiva, colonial nin dominadora; cuestión que non acontece na historia cultural española, eis por isto, que na fase histórica cultural onde formalmente poderíamos falar dun intento de restitución cultural, os defensores da cultura española, na que tamén está integrada (historicamente) a tradición fascista, atribúelle á cultura galega atributos propios. A defensa da lingua galega non ten atributos fascistas, o combate contra a lingua galega historicamente si ten desde a cultura española atributos fascistas; nin paga a pena, por coñecidos, aprofundar moito neste tema, abonda con citar: séculos escuros e franquismo para situarnos.
Partido Popular e PSOE veñen da tradición cultural española, é entendíbel que desde as súas coordenandas sitúen a defensa idiomática nos eixes de imposición e agravio. É por tanto acaído dicer: ao César o que é do César. A Coruña é A Coruña, igual que Ourense é Ourense, que Fontiñas é Fontiñas, que Arteixo é Arteixo, etc… Tamén é certo que por seren como somos, aos defensores de La Coruña, de Orense, de Arteijo, de Fuentecitas, etc… nunca lles daremos atributos nin trato de “terroristas” como aconteceu por exemplo en Euskadi co ataque PP-PSOE ao diario Egunkaria (que tras pasar por prisión, trato de terroristas, torturas etc… tiveron que ser absoltos case un lustro despois). É dicer, aplicarán unha cultura fascista cando pretendan loitar pola uniformización cultural do Reino, e nós para eles seremos “terroristas” por atemorizar o estatus quo do dominante en territorio dominado, sería máis romántico o uso da terminoloxía romana de “bárbaros/as”.
De bárbaro a fascistas, seguiremos combatendo, iso si, eiquí, na Galiza, cunha cultura irmandiña, por tanto, fraterna, non por tal, menos combatente.

13/05/10

A fraternidade e a economía.

* Raúl Asegurado

O sistema financeiro capitalista é unha das máis tenaces ferramentas de dominación que posúe a lóxica ultraliberal. Nos estados nacionais estas encádranse principalmente no sistema financeiro, nos bancos e caixas.

As primeiras son aquelas que, segundo a lóxica capitalista, tentan maximizar os beneficios económicos sen ningún tipo de pudor, e as segundas son as que, con máis pudor, intentar aumentar os beneficios económicos e amosar unha acción social que xa nada ten que ver con garantir e repartir os excedentes dos aforros entre a clase traballadora Hoxendía, como nunha mesa redonda que compartín cun dirixente e xestor da obra social dunha das caixas do noso país, as caixas son un suxeito económico que atende ás necesidades sociais cun orzamento maior que a propia administración, a súa acción social é maior que de calquera departamento de servizos sociais de calquera concello. Así de clariño o dixo. O que non dixo é quen determina esas necesidades sociais, se ben, pódese facer estudos empíricos sobre a renda e establecer rendas sociais (ou complementos) para aqueles suxeitos que non chegan a un determinado número, ou simplesmente implantar unha redistribución dos beneficios e artellar unha pequena renda básica para o conxunto da cidadanía; se ben isto podería ser así, as caixas de aforro determinan a súa inversión da obra social en parámetros que nada teñen que ver coas necesidades obxectivas de determinadas clases sociais e aplican a lóxica de respostar a necesidades dunha sociedade capitalista e dos seus (anti-)valores. Aparte disto, as caixas non renden contas aos seus clientes do uso que fan dos cartos, é dicir, ningún cliente pode determinar en que quere (ou en negativo) en que non quere, que se invistan os seus cartos. As caixas galegas invisten en industria contaminante, armamentística, etc..., e isto tamén é parte (in)direita da súa obra social.

Sen pretender encerellarme explicando polo miúdo tanto o dito até agora como o proceso de fusión das caixas, si quero apuntar dous elementos, por unha banda, os procesos de fusión das caixas leva parello unha atomización dos seus servizos e da súa presenza na sociedade, por tanto non representarán intereses concretos da sociedade que as constitúe (caixas laborais, caixas rurais, caixas industriais, caixas...), o seu proceso de atomización fai que se dilúa a responsabilidade social que teñen (tiñan) cos seus clientes máis próximos, e desta circunstancia tírase unha consecuencia, o proceso de desaparición das caixas levará a un balieramento de contido social por un principio economicista da eficacia (eficacia en termos capitalistas de maximización de beneficios) polo que co tempo a lóxica capitalista levará a súa desaparición e absorción polo entramado bancario convencional, como así aconteceu en Italia, país de nacemento dos montes de piedade, onde agora a piedade financeira, está no monte... ou nas cooperativas de crédito.


Eis aquí onde emerxe o principio da fraternidade, no seu senso republicano, onde a sociedade civil organizada debe facerse responsábel, nun proceso de empoderamento e liberdade, para crear estruturas que dean resposta ás súas arelas. Se entendemos a economía como un elemento vertebrador das sociedades, é imprescindíbel que a cidadanía tome partido na posesión de estruturas económicas bancarias que resposten ás súas demandas. É por tanto nesta lóxica en que se move todo o entramado do coñecido mundo da banca ética, é nesta lóxica por que en Italia, a Banca Populare naceu e creceu, é nesta lóxica por que no territorio español estase a construír o proxecto Fiare tendo xa no noso país a asociación promotora FiareGz, é por que naceu hai máis dun lustro AIS “O Peto” como ferramenta de construción dunhas relacións económicas fraternas que de forma testemuñal e militante permitan sacar parte dos aforros do sistema bancario tradicional, é nesta lóxica onde se encadra a solidariedade entre asociacións en COOP57.

Ante a nova ofensiva do capitalismo neoliberal de tentar atrincherar a súa lóxica en todo o sistema financeiro (incorporando o 100% da acción das caixas de aforro, se é que algo aínda non estaba...) cabe a resposta de crear unha banca en mans da cidadanía, unha alternativa fraterna. Mans á obra.