Mostrar mensagens com a etiqueta Paula Vázquez Verao. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Paula Vázquez Verao. Mostrar todas as mensagens

18/08/10

Xenocidio galego: a súa expresión en Sober.


Esta foi a lembranza que o Encontro Irmandiño de Sober tivemos para as vítimas do fascismo na nosa localidade o día 7 de agosto, no marco do I Encontro de Verán do EI. Está escrito un tanto esquematicamente, pois foi exposto a modo de presentación con diapositivas.

* Paula Vázquez Verao

En primeiro lugar, queremos mandar un saúdo para os actos da homenaxe popular a Moncho Reboiras que se está a celebrar neste momento en Imo, no 35 aniversario da súa morte.

Hoxe, en Sober, máis que unha lembranza das persoas que sufriron morte a mans do fascismo no ano 36, queremos aproveitar para falar do que, cada vez máis, se denomina xenocidio galego; queremos intentar dar algunhas claves para entender por qué o sucedido no 36 en Galicia foi un xenocidio - para o cal recomendaremos un libro de recente publicación [MÍGUEZ MACHO, ANTONIO; Xenocidio e represión franquista en Galicia. Ed. Lóstrego, 2009] - e exemplificalo co que sucedeu en Sober.



10/08/10

Introdución ao acto do EI en Sober.


Este foi o texto intrudutorio á conferencia de Beiras sobre a crise que tivo lugar en Sober - que comeza a respirar tras calcinarse lentamente durante dous días por "lume forestal" - o pasado 7 de agosto, e que non puido ser lido por falta de tempo, mais, como dixemos alí, colgámolo aquí, reiterando tanto o agradecemento ás persoas asistentes coma o convite a participar na III Asemblea Nacional do EI.


Tendo en conta que isto é un acto político, que nos atopamos en pleno verán e hai mil festas por toda a parte, podemos considerar que estamos hoxe aquí moita xente en Sober participando do acto central do I Encontro de Verán do Encontro Irmandiño, xente que seguramente acudistes por vir escoitar a Beiras, pero non só, ou iso agardamos, senon tamén para informarvos sobre as orixes, manifestacións e posíbeis alternativas a esta crise que vivimos.

Haberá quen pense que a atracción que exerce o irmán Xosé Manuel é suficiente para mover montes de xente polo país adiante, mais todo indica que, ademais do factor Beiras, hai algo no ambiente que fixo que centos de persoas ateigasen as charlas sobre a crise de Bueu, Caldas, Vigo… Sober. Que é iso que está “blowing in the wind”? Pois que as xentes do común xa ventan a que se lles vai caer enriba, a que xa está caendo, algo que as mentes lúcidas xa levan anos advertindo, tamén aquí, na Galiza, como, por exemplo, Xosé Manuel Beiras no debate do Estado da Nación titulado Quince Anos Perdidos, da lexislatura 2003-2004, ou no discurso do Día da Patria de 2000, hai case exactamente dez anos, discurso que lembrou o compañeiro Antom nun artigo publicado no blog revoltairmandinha que recomendamos, por certo, e que dicía, en parte:


18/03/10

Crónica persoal e modesta dun Consello Nacional excepcional

* Paula Vázquez Verao


Para o Encontro Irmandiño, o BNG, en continuo declive dende dende hai case dous lustros, está necesitado de reflexionar sobre a realidade da Galiza actual para trazar as liñas estratéxicas que permitan continuar no proceso de emancipación nacional e iniciar a recuperación nas próximas municipais. Restablecer a credibilidade da fronte nacionalista esixe, en primeiro lugar, cumprir coa legalidade estatutaria, respectar as normas básicas de convivencia democrática que nos dimos, e non suspendelas por "situacións excepcionais".

O Encontro Irmandiño tivo razón nos seus argumentos ou, polo menos, estes foron plantexados con veracidade e non construíndo o discurso segundo conveña á decisión que se quere adoptar, como parece que fixo a UPG.

O cerne do asunto é que para o comunismo patriótico todo vai ben mentres que no EI se fai outra análise do momento político que leva á conclusión de que é preciso un profundo proceso de reflexión acerca dos erros do nacionalismo galego e un exercicio de resintonización ca sociedade, de xeito que a Asemblea Nacional que se propón non é, dende logo, "para mirármonos o embigo durante tres meses", senón, precisamente, para saír da nosa charquela, na que se pode estar algo quente, pero na que tamén crían os bechos e apodrece a auga. Mirar para o embigo é o que propón a UPG: seguir nesta louca fuxida cara adiante no convencemento de sermos a vangarda das loitas sociais do noso país - ben advertiu Beiras na súa intervención: ¡a ver se imos confundir os intereses das clases traballadoras cos intereses do partido que teoricamente as representa e estes cos da súa clase dirixente! -.

* Ler o artigo completo aquí.

08/03/10

Feministas somos tod@s!

* Paula Vázquez Verao


O movemento feminista, os feminismos, é radical por definición, cuestiona as bases dunha civilización que, como dixo Engels, supuxo a "derrota histórica universal do sexo feminino"; busca redefinir o mundo, detectar esa ideoloxía patriarcal presente en todo, esa opresión que todas sentimos algunha vez. É unha revolución.

Indo ao cerne da cuestión, cales son esas bases da sociedade que os feminismos queren escachar?

Na historia humana, a subordinación da muller aparece avanzado o Neolítico, cando a natureza deixa de ser a gran nai dadora de vida e pasa a considerarse terreo perigoso que o home pode, e debe, dominar; cando aparece a sociedade urbana, de explotadores e explotad@s, no Próximo Oriente Antigo, e se desenvolven os primeiros imperios. Así, a subordinación da muller ao home vén da man do triunfo da lóxica da dominación. O dominio, o poder, a propiedade, o matrimonio, a escravitude... Ser feminista, por tanto, é algo máis que reclamar a igualdade de mulleres e homes, que non é pouco: ser feminista é, irrenunciabelmente, tratar de eliminar todas as opresións por razón de sexo, nación, clase... En fin: construír unha nova civilización. E ese cambio colectivo só ha de darse cun cambio persoal, como acertadamente reclamou o feminismo dende os anos 70.
Fixemos esa transformación persoal nas organizacións políticas que nos dicimos, precisamente, transformadoras?

Sen menosprezar a importancia dos cambios legais, estatutarios, encamiñados a fomentar a participación política das mulleres e facelas visíbeis, coma as listas paritarias nos procesos organizativos e electorais, unha forza política que di asumir a loita feminista sería aquela que rexeitase de plano os valores patriarcais da lóxica da dominación, como son a confrontación ata a derrota do adversario en lugar da búsqueda do consenso, a anulación do diferente polo mero feito de selo, a utilización de distintos raseiros á hora de valorar o traballo político de homes ou mulleres, a uniformización das mulleres ou o menosprezo por aquelas que, coma compañeiros masculinos, teñen un traballo creativo e orixinal.
É nese cambio persoal, e, xa que logo, colectivo, onde temos moito treito por andar. Se estamos de acordo en que a loita feminista non remata aínda que se acade a igualdade legal sobre o papel nun Estado (pensemos en Suecia, por exemplo, onde seguen a morrer ducias de mulleres cada ano vítimas da violencia machista), por que nos conformamos na política cos legalismos e non acometemos decididamente no noso xeito de actuar ese cambio radical que o feminismo preconiza, esa revolución aínda pendente?

Concretando algo máis, propoñemos dende o EI as seguintes cuestións a debater polo nacionalismo galego no eido do feminismo, froito das reflexións da Rolda de Rebeldía:


- unha formación feminista da militancia, xa que é fundamental a educación, a toma de conciencia da dominación, para a liberación das mulleres, para a construcción do "home novo e a muller nova" que dende o EI preconizamos.

- aumentar a militancia feminina, que está en relación coa celebración das reunións políticas nun horario que permita acudir "ás persoas que non teñen a opción de ser suxeitos políticos activos" [1], moitas delas mulleres, que alén do traballo remunerado seguen a levar maioritariamente o peso das tarefas domésticas.


- os problemas das mulleres migrantes na Galiza e o racismo-machismo que sofren, así coma tomar en maior consideración a proximidade a nós da trata de persoas (cantas mozas pobres estarán a ser escravizadas nos innumerabéis clubes que salpican as marxes das nosas estradas?).

- a participación dos homes no feminismo.
Como escribía Nanina Santos Castroviejo [2] en Andaina:

“Somos capaces de ver que o exclusivismo feminista tivo algunhas vantaxes pero tivo tamén problemas nada pequenos:
- Ao sinalar moi xustamente, aínda que non sempre de modo matizado, aos homes como beneficiarios deu pé a que nalgúns casos se lles considerase «inimigos».
- As cousas de mulleres só competen ás mulleres, botando fóra os varóns, obstaculizando a súa posibilidade de participación e cambio.
- Absolveunos de dar batallas pola igualdade en tódolos ámbitos: laboral, doméstico, político, etc. porque a eles non lles competía.
- Fixo perder perspectiva e ás veces despistounos no laberíntico mundo de aliados, beneficiarios, inimigos e amigos.
É verdade que ese exclusivismo deu moita forza, entusiasmo e sentido de pertenza, sobre todo ás líderes do movemento feminista nos seus primeiros anos para se sentir fortes, arroupadas, seguras... cuestións desde logo nada desprezables e que foron útiles para aquel empurre dos primeiros anos, aquela especie de “vínculo de sangue”.
Non creo que ninguén continúe mantendo a idea de que a transformación da sociedade nun senso feminista sexa exclusivamente cousa de mulleres e que hai moitos homes que queren participar e contribuír cos seus esforzos. Ademais, se ben é certo que non se poderá facer sen as mulleres, tampouco se poderá facer sen os homes.
 
No EI acreditamos en que a Asamblea de Mulleres de Galiza Nova debe permitir a participación daqueles mozos que o desexen, sen por isto deixar de recoñecer a importancia dun espazo de reflexión para as mozas; iso si, debe ser un espazo vivo e conceder unha importancia fulcral á formación. Neste eido resaltamos a laboura da Asamblea Aberta de Feminismo de Ourense e recoñecemos o enorme traballo feminista de compañeiras de militancia que tivo reflexo nas recentes xornadas Destruíndo o Xénero, abolindo o patriarcado de Galiza Nova Compostela, así como o último voceiro nacional da Asamblea de Mulleres ou a interesante iniciativa da área de Muller do BNG de Lugo-Sul: mulleresentresileminho.blogspot.com
 
Hoxe cómpre estar unid@s fronte á ofensiva privatizadora, españolista e antifeminista do goberno do PP, mais que iso non signifique adiar, coma sempre, o debate e as reflexións profundas, radicais, coma os feminismos, porque, como dixo Goretti Sanmartín na Rolda de Rebeldía, nas axendas das forzas políticas "nunca é o momento".
8 - marzo - 2010

[1] - Acceder á reflexión de Goretti Sanmartín para a RdR e á súa intervención na xornada do 30 de xaneiro aquí.
[2] - Santos Castroviejo, Nanina; “Algunhas preocupacións encol do feminismo”. Andaina, nº 35. Acceder aquí.

23/12/09

Palavras de mantança (1)... e varios libros interesantes.

Agora que os chourizos comezan a valer ou, polo menos, os nosos, e nótese que para falar da vida da matanza se usa sempre o posesivo da primeira persoa do plural, quizais reflexo do espírito colectivo do asasinato organizado de marraus, un traballo que, en Galiza, hoxe, coido equitativamente repartido por sexo e idade (2), se eludimos o tempo da sobremesa, claro, cando as mulleres han de fregar ou preparar as tripas e os homes botan unha de subastado, é tempo de ordenar, agora que os chourizos comezan a valer, dicía, a modo de miniglosario do limés de sobremesa, precisamente, as novas acepcións de certas verbas descubertas nestes días de coitelos longos.


E, ao falar do porcokilling, non podemos deixar de reflexionar sobre o excesivo consumo de carne na nosa sociedade (3). Claro está que non é equiparábel o sistema industrializado de produción de carne coa matanza doméstica de animais, a pesares de que hoxe comemos de máis, pois matamos tres cochos en lugar de dous “que nos chegaban ben” e rematamos cos chourizos antes do verán, pero non equivale todo isto á terríbel industria da carne, cruel, liberadora de pestes varias e devoradora de recursos naturais, auga e cereais, que poderían alimentar varias veces á Humanidade. Hoxe podemos ser vexetarianos pois gracias ao comercio podemos obter proteínas vexetais de producción biolóxica de distintas castes do outro lado do mundo (mais reparemos no relativo ecoloxismo de consumir mazás da Arxentina ou paté de champiñóns de Alemaña) e, sobre todo, podemos, e deberiamos, producir distintas castes de vexetais na nosa terra, mais non o podían ser os nosos devanceiros, así que non culpemos á Historia da deriva carnívora actual, que ben que Galiza debe a vida á vaca e ao cocho. O ser humano é omnívoro: a carne foi un aporte pequeno da dieta dos cazadores-recolectores do Paleolítico, inferior ao 15% do total, dependendo das zonas, mais un aporte de proteína que era vital, e gran parte da súa cultura, polo menos a que podemos coñecer arqueoloxicamente, xiraba en torno a esta necesidade de cazar: útiles líticos, arte... A carne, segundo a teoría máis aceptada, tamén sería unha das causas do desenvolvemento do noso cerebro, pois a carroña que comían os primeiros homínidos permitiu reducir o enorme estómago preciso para dixerir herbas e follas e empregar as proteínas "sobrantes" en “construír” o cerebro. Non obstante, dende que aprendimos a producir alimentos hai uns 10.000 anos, a especie humana pode ser vexetariana, ou, polo menos, case. Supón un esforzo colectivo e persoal, mais sería realmente revolucionario organizar a produción na Galiza orientada a un consumo alimenticio basado nos vexetais autóctonos e importados (tamén é unha ameaza da agricultura-industrializada moderna a perda da biodiversidade) (4). A min non me parece utópico, quizais porque vivo nun paraíso de transición atlántica-mediterránea…. Mais, hoxe quería falar das sombras dese paraíso, e para orientarse nelas, aí vai a actualización do diccionario galego.

* arxentino: individuo vago por natureza que, de non ter sido polos galegos, desperdiciaría as riquezas do seu inmenso país. O número medio de horas de traballo ao ano na Arxentina é de 1880 aproximadamente, fronte ás 1800 do Estado Español (cuestión diferente é a produtividade) (5). Dirán algúns, claro, que quenes traballan son estranxeiros, pois os arxentinos, xa se sabe, estudiaron todos para psicoanalistas, avogados e dentistas (“y todos tienen un televisor”).
* carraboleca ou petereco: boliña que se fai ca tripa chea de zorza ao final de cada chourizo ca finalidade de cortar esa bola cando se vai coller un chourizo para que o seguinte da ristra quede sen abrir. Hai quen os fai cada dous, hai quen ata primeiro todas as tripas e logo corta os fíos, hai quen apreta pouco e se lle berra “apretai”, hai quen os fai moi longos (vid * medida). É unha tarefa das mulleres mentras os homes enchen as tripas e colgan as varas dos chourizos, rodeada dunha subcultura en tranzo de desaparecer.
* Chávez: alimaña morocha que usurpou o estado venezolano dos seus lexítimos donos: as empresas españolas, coño, “vivaspaña”.
* medida, dos chourizos: dise do tamaño que cada muller lle dá aos chourizos que ata, asunto suxeito, obviamente, ás máis variadas chanzas: “Mengana fainos moi longos, Fulana fainos de todas as medidas”.
* negras: todasputas, pero “que boas están, carallo”; na súa versión dominicana levan aos homes que engatusan ao seu país de vacacións, onde os envelenan lentamente para que morran unha vez de volta a Galiza, xa cos papeis arranxados para toda a familia da rapaza. No coment.
* portugués: trapalleiro que nos vén quitar o traballo, conduce pesimamente e come patacas cocidas; a versión feminina tén bigote. Manifestación infame do autoodio. A carga negativa de portugués e directamente proporcional á urbanización do lugar de residencia de quen utiliza o termo e á proximidade do país irmán.
* rumano: ladrón. Individuo que, a pesares de haber case 700.000 persoas da súa nacionalidade no Estado Español, a pesares de aprender a lingua propia de seguido, a pesares de traballar de sol a sol, é e seguirá sendo sempre un ladrón por culpa dunha minoría de compatriotas seus organizados en mafias.
* Suíza: paraíso do traballo. Seica os galegos que alí se empregaron foron “sempre cos papeis”, igual que a Francia e Alemaña.
* Zparo: morto de fame. “É mellor que nos gobernen os ricos, que xa non teñen que roubar.” Pura “teoría do interese na sociedade” – o "que gobernen os empresarios, pois son os únicos que teñen algo que perder" do liberalismo decimonónico –.


Ai! Agardo con impaciencia a matanza do Outeiro, parroquia de Bolmente, na ribeira do Sil, onde se escoitan sentencias ben máis claras e sensatas: "os facistas non se acabaron cando morreu Franco", "a culpa é da Unión Uropea"…
¡Cantas ideas socialistas son precisas neste país e que desgracia de terreo abonado atopan os predicadores a soldo de Intereconomía Televisión!

1 – A idea da disposición a modo de glosario é dun artigo de George Labika sobre o 11 de Setembro, “Palavras de Setembro”, na obra colectiva: O império em guerra. O mundo depois do 11 de Setembro. Ed. Campo das Letras.
2 – Teresa Moure reseña, para afirmar o contrario, a Bordieu, que “utiliza a matanza do porco como referente para testemuñar as conductas estereotipadas do masculino e o feminino no seu Béarn natal: os homes matan e festexan; as mulleres, no entanto, traballan nunha xeira interminábel.” O libro é: BORDIEU. La dominación masculina. Anagrama. 2000.
3 – MOURE, TERESA; O natural é político. Ed. Xerais. 2008.
4 – “Os pobos prehistóricos alimentábanse dunhas 1500 especies de plantas silvestres; a agricultura moderna cultiva apenas 80”. En: MOURE, TERESA (op citada).
5 – Dato do ano 1994. En: SUTCLIFFE, BOB; 100 imagens de um mundo desigual. Caminho, 2001. É este un libro de gráficos comentados que analizan diversos aspectos das desigualdades do mundo actual.


* Paula Vázquez Verao

16/11/09

A doutrina do shock.

"Se metía a la gente en la cárcel para que los precios pudiesen ser libres."
Eduardo Galeano
A idea central de A doutrina do Shock. A auxe do capitalismo do desastre, da canadiense Naomi Klein é atacar directamente a concepción de que a difusión do libre mercado vai á par da implantación dunha democracia; e nin sequera dunha democracia ao estilo occidental. Dende o Chile de 1973 ata a invasión de Irak a extensión das desregulacións, privatizacións e recortes sociais no mundo post-primeira-crise-do-petróleo conseguiuse mediante a aplicación dunha violencia explícita por parte do Estado que desactivase, mediante o terror ou o mesmo exterminio, a sindicatos e forzas de esquerda para poder implementar dende os gobernos, elixidos ou xurdidos de golpes militares, as medidas impopulares da Escola de Chicago, o que remata por producir unha violencia inherente ao sistema, moito máis letal aínda que a das salas de torturas: despidos masivos, precarización laboral, xeneralización da miseria.

Esta maneira de aplicar as políticas económicas neoliberais é análoga á terapia de electroshok...