O 7 de xullo de 2012 celébrase en Compostela a Asemblea Nacional Constituínte da Mocidade Irmandiña (con blogue informativo propio: http://asembleadamocidadeirmandinha.wordpress.com/), co obxectivo de reforzar a organización da mocidade do Encontro Irmandiño como ferramenta – non como fin en si mesmo – para a consecución da soberanía nacional e social do noso pobo, para procurar un sistema máis xusto, igualitario, participativo, respectuoso coas características nacionais dos pobos e coa vontade de traballar a prol do progreso social e non de chuchar da política en beneficio propio.
Así, celebramos unha asemblea aberta, na que poderán participar con voz e sen voto todas as persoas que o desexen, e abrimos un periodo de afiliación ao Encontro Irmandiño para poder participar nesta asemblea con plenos dereitos (ata o 28 de xuño; información en mocidade@encontroirmandinho.org).
Este noso reforzo organizativo quere contrubuír a:
1- a colaboración entre todas as organizacións xuvenís
nacionalistas e toda a mocidade interesada en organizármonos para
combater este sistema depredador e acadar unha Galiza ceibe nun mundo
xusto.
2- á creación dunha nova organización de carácter
asembleario, aberto e plural, de integración individual e organización
territorial, con vocación de continuidade na acción social, de carácter
nacionalista, expresión política do galeguismo, e enmarcada tanto na
tradición plural da esquerda como nas novas expresións da mesma.
Por iso, a mocidade irmandiña está a participar activamente nas
asembleas por un novo proxecto común e fai un chamamento á mocidade
galega para integrarse nelas como cidadanía activa e crítica para
construír todas as persoas en igualdade un instrumento político útil
para a maioría social.
No convencemento de que estamos nun cambio histórico, cremos que
debemos tecer hoxe a política do mañá para liberármonos dos distintos
mecanismos de dominio que nos esmagan.
Galiza, xuño de 2012.
ASEMBLEA DE MOCIDADE IRMANDIÑA
Sem comentários:
Enviar um comentário