Ao
buraco negro en que se converteu o sistema financeiro español xa se
levan destinado 50.000 millóns de € en axudas directas, 150.000
millóns incluíndo os avais e non se sabe canto se contamos o
financiamento indirecto pagándolles a débeda pública ao 4 ou o 6%
e fornecéndolles “barra libre” ao 1% no BCE.
Até
o momento o sistema financeiro é un “Forum Filatélico”
multiplicado por trinta ou por sesenta. Non se sabe ben. Nas caixas
fortes e nos balances onde tiña que haber valor había papeliños.
Pero como os gobernos din que non poden quebrar porque son moi
grandes, estánllelos cambiando por cartos públicos.
A
nacionalización da débeda dos bancos coas lóxicas consecuencias na
economía produtiva xa fixo que a débeda pública sobre o PIB pasase
do 40 ao 68,5% nos últimos tres anos malia os recortes en todo o que
ten que ver co benestar da cidadanía e o seu futuro: emprego,
salarios, pensións, sanidade, servizos públicos, ensino e
investigación.
Hoxe
acabamos de saber do acordo dun rescate por 100.000 millóns de euros
do que aínda se descoñece os novos recortes que o acompañan pero do
que xa sabemos que os cartos son para os banqueiros e a débeda para
o Estado.
Para
os gobernantes e os banqueiros son so cifras que aos cidadáns do
común nos marean pero se reparamos en que do que están levando os
banqueiros, os recortes na sanidade son só unha faragulla, poderemos
comprender a magnitude do espolio e as consecuencias. Unha faragulla
para os banqueiros pero que axiña se transformará en sufrimento,
enfermidade e mortes.
Onde está a Fiscalía Xeral do Estado?
A
denuncia presentada pola CIG e ELA “perante
a Sala do Penal do Tribunal Supremo, contra os ex presidentes do
Goberno José María Aznar, José Luís Rodríguez Zapatero e Mariano
Rajoy; os ex ministros de Economía Rodrigo Rato, Pedro Solbes e
Elena Salgado; os ex gobernadores do Banco de España Jaime Caruana e
Miguel Ángel Fernández Ordóñez e os administradores e xestores
das caixas de aforro e entidades financeiras pola súa
responsabilidade na crise, pola súa xestión e polas graves
consecuencias que tiveron as medidas adoptadas para o conxunto da
poboación”,
pode que non teña consecuencias prácticas pero se así for,
deixará ao descuberto que as leis e xuíces non serven para nos
protexer se os delincuentes son suficientemente grandes e poderosos.
Sem comentários:
Enviar um comentário