30/04/12

A mocidade irmandiña por un novo proxecto común! Carta aberta á mocidade galega.


Santiago de Compostela, 25 de abril de 2012. Xuntanza da mocidade do Encontro Irmandiño. 

Ante a situación de ataques sistemáticos contra a maioría social, dende a privatización das caixas galegas ata a destrución da sanidade pública ou a suba das taxas universitarias; cun paro xuvenil na Galiza que acada un 40%, véndose a mocidade galega, a máis formada da historia, tendo que coller en masa as maletas para buscar emprego fóra; nun momento de regresión social con ataques aos dereitos das mulleres e ás persoas migrantes; cando o noso idioma e todos os nosos sinais de identidade son obxectivos dun exterminio planificado; cun sistema capitalista que coloca ao planeta nos seus límites ecolóxicos, provoca fame e guerras por recursos, nun mundo cada vez máis inxusto, a mocidade galega consciente debemos organizármonos e dar unha resposta contundente.

Atopámonos nunha época de cambio histórico, tanto a nivel mundial coma no que afecta a Galiza, (1) no nacionalismo galego, (2) na estrutura social da Galiza e (3) no marco xurídicopolítico do Estado saído da fraude da Transición e consideramos que, neste contexto, o nacionalismo xuvenil non está a dar a resposta necesaria nunha organización con incidencia na sociedade civil, que sirva para espallar un proxecto transformador, nin tampouco foi capaz de artellarse nunha forza política acaída á realidade do nacionalismo galego: plural, horizontal e aberta. Este escenario levou á atomización organizativa da mocidade nacionalista, con múltiples organizacións na mocidade que, en distintos eidos, combatimos - todas con afouteza, cada unha cos medios que pode - por unha Galiza ceibe, pero que debemos aspirar, conxuntamente, a que o nacionalismo galego, coma nos noventa, volva ser hexemónico entre a xente moza.

No Encontro Irmandiño, a mocidade imos reforzar a nosa organización, seguindo plenamente integradxs no Encontro Irmandiño, coas súas dinámicas asemblearias e participativas, agrupando á xente moza irmandiña menor de trinta anos que o desexe e abrindo espazos para a colaboración de persoas mozas non afiliadas ao EI.
 
Con todo, esta nova organización da mocidade irmandiña tén o principal obxectivo de contribuír á unidade de acción do nacionalismo xuvenil nun novo referente plural, asembleario, con vontade de acoller a toda a mocidade rebelde galega, e que se constrúa de abaixo cara arriba ao compás da creación do novo proxecto común nacionalista que Galiza precisa, co obxectivo de crear a posteriori, se é o caso, unha organización da mocidade da nova organización política galega. Por iso, facemos un chamamento a todas as organizacións xuvenís nacionalistas e a toda a mocidade interesada en organizármonos para combater este sistema depredador e acadar unha Galiza ceibe nun mundo xusto e propomos celebrar unha Asemblea Aberta de toda mocidade galega que estamos por un Novo Proxecto Común para o debate sobre estas cuestións, á vez que continuamos a traballar nas comarcas na constitución deste novo referente político.

No grupo de traballo de Mocidade do EI consideramos que o resultado do proceso será o que se decida asembleariamente de abaixo cara arriba, tentando confluír nun programa estratéxico de emancipación nacional e social que aglutine as súas distintas lecturas.

Sobre a cita electoral á vista, consideramos que, con ser moi importante pola oportunidade de botar da Xunta ao PP, as eleccións – nas que habemos de implicármonos activamente – non poden condicionar o proceso a longo prazo de construír un movemento para a soberanía do noso País, para o cal se deben sentar ben as bases.


Con este chamamento á mocidade galega polo Novo Proxecto Común, a xente moza do Encontro Irmandiño queremos por o grao de area neste tempo de creación colectiva.

Unha aperta irmandiña.

MOCIDADE DO ENCONTRO IRMANDIÑO

Sem comentários:

Enviar um comentário