22/04/12

A nosa proposta para o proceso de construción do Novo Proxecto Común.

Unha aportación ao debate de base a prol do novo proxecto común

Hoxe, máis que nunca, ante a política de demolición practicada polo PP

... e no camiño para conquerir unha Galiza dona de si mesma, cómpre dotar ao País dun aparello xurídico político baseado na radicalidade democrática e nos principios republicanos da igualdade, a liberdade e a fraternidade, tendo como eixos transversais de acción política a conciencia sobre os límites ecolóxicos do planeta, o antipatriarcado e a loita contra calquera caste de discriminación. O desempeño das responsabilidades políticas deberá estar fiscalizado pola cidadanía, garante do mandato imperativo sobre os elixidos e elixidas. A orientación das políticas en todos os ámbitos serán as necesidades das maiorías sociais para poder vivir e traballar dignamente na nosa Terra.

Por iso, quen non está a prol de medidas urxentes e básicas como...

1. Auditoría da débeda pública e o compromiso de non aportar fondos públicos para viabilizar entidades bancarias. Reconstitución do sector financeiro público ao servizo da cidadanía galega, apostando pola reversión das caixas de aforro á súa natureza orixinal de entidades non capitalistas de economía social.

2. Reversión ao dominio público das concesión feitas ao sector privado en materia de infraestruturas, recursos, bens e servizos estratéxicos que poidan ser interpretados como de interese público ou común.

3. Regulación pública vía taxación dos mercados, intermediarios, fluxos financeiros e movementos de capitais, con especial rigor no tocante ás operacións especulativas.

4. Reforma tributaria para restablecer unha fiscalidade progresiva, nomeadamente sobre os tramos elevados de ingresos e patrimonios privados, a prol dunha indispensábel política redistributiva de benestar social, encamiñada a garantir as condicións materiais da liberdade.

5. Establecemento e fortalecemento, tanto na función pública canto no sector privado, dos marcos normativos reguladores do mercado laboral e dos réximes salariais a prol dos dereitos e garantías económicas e sociais na igualdade de xéneros e idades garantindo: a estabilidade e seguridade no emprego, a redución da xornada laboral, a cobertura do paro e das xubilacións, a participación equitativa da forza de traballo no valor engadido e o incremento da produtividade. Derrogación das sucesivas reformas laborais. Democratización da empresa regulando a participación das persoas traballadoras na súa dirección e xestión.

6. Soberanía alimentaria e enerxética. Sustentabilidade ecolóxica e social.

7. Igualdade real de homes e mulleres no eido laboral, medidas para a erradicación da violencia machista, respecto aos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres.

8. Medidas para regularizar a situación das persoas migrantes e para garantir a plena igualdade de dereitos co resto da poboación.

9. Defensa activa contra a desaparición da identidade galega, contra o exterminio planificado da nosa lingua, o deterioro da nosa paisaxe, o abandono do noso patrimonio cultural e a deturpación da nosa historia.

10. Defensa innegociable dos servizos sociais públicos, nomeadamente dunha sanidade e dun ensino gratuítos, públicos, universais e de calidade.

11. Políticas de defensa do sector labrego, revitalizando as pequenas e medianas explotacións, apostando pola recuperación dos ecosistemas agrarios e a Sustentabilidade económica, impulsando a ordenación do territorio e a fixación de poboación no medio rural.

12. Políticas análogas ás do punto anterior para o mundo mariñeiro e a beiramar.

13. Ordenación territorial e urbanística con criterios sociais e ecolóxicos, buscando o reequilibrio territorial, recuperando as formas de poboamento tradicionais e humanizando os núcleos urbanos.

14. Políticas de promoción e equidade económica, fiscal e social para as formas de traballo autónomo e de pequenas empresas, con fincapé nas formas cooperativas e de economía social.

15. Ordenación do sector comercial a prol da revitalización racionalizada do pequeno e mediano comercio fronte ao grande capital comercial, impulsando a necesaria reforma do marco normativo do sector.

Pero, para conseguirmos todo iso, precisamos unha sociedade civil activa e implicada e novos xeitos de relación entre a instancia política e a cidadanía.

Nos últimos anos ten mudado de forma significativa o xeito no que a xente entende a política e mesmo a súa necesidade. As persoas ou organizacións que pretendan actuar en política deben recuperar unha certa confianza social para que a mensaxe e actuacións teñan un mínimo de receptividade e de retorno
Un feito chave, pois, para unha nova forza política é transmitir ese feito diferencial. A recuperación da confianza só será posible mudando en parte o concepto social de “político/a”, que debe ser visto como un cidadán máis, non como unha persoa privilexiada. Que a nova organización sexa visualizada como unha ferramenta política útil será se a cidadanía así o percibe e non porque o digamos nós
Neste sentido, os movementos cívicos xurdidos no ano 2011, supuxeron un elemento aglutinador desas ideas alternativas que, ao mesmo tempo que concentra e visualiza as críticas sociais nesa dirección, posibilita tamén unha vía de achegamento ou de superación da situación ao reivindicar a actuación política dende un punto de vista distinto.

Consecuentemente, unha nova ferramenta política debe perseguir:

1. Reivindicar a política como mecanismo lexítimo de poder do conxunto da sociedade e como parapeto fronte a outros poderes, especialmente o económico-especulativo.
2. Transmitir como elemento de diferenciación unha posición radicalmente democrática e ética. Democrática, trasladando socialmente os mecanismos de decisión internos e apoiando medidas que incrementen o poder de decisión da sociedade, como a eliminación de mínimos porcentuais para o acceso ás institucións. Radicalmente ética nas cuestións económicas, practicando a transparencia e favorecendo a participación na toma de decisións e o control social da actuación política nesta materia.
3. Propiciar un cambio de valores sociais (colaboradores necesarios nas causas estruturais da crise económica), impulsando a participación na toma de decisións e a renovación dos modos de intervención social: acompañar e non dirixir.
4. O eixo da nova política ten que ser a preocupación pola cidadanía. A nova organización ten que ser útil para a cidadanía diante das consecuencias das decisións ou das inhibicións políticas.
5. A nova organización debe ser entendida como unha forma de representación política pero tamén como unha comunidade de intereses na que conflúan os representantes dunha maioría social agredida.


E, para conseguir todo iso, precisamos un modelo de organización novo que se debe estruturar baixo uns principios organizativos mínimos que garantan a unidade dentro da pluralidade.
  • Democracia asemblearia.
  • Incorporación de persoas a título individual.
  • Pluralismo político.
  • Estruturación territorial.

O “modelo BNG” foi asociado a un mal exemplo de fronte debido a que dexenerou nunha especia de coalición asimétrica de partidos no que un guía decide e remata por converter aos outros en lobbies comparsa-coartada. O BNG que podemos reivindicar é o dos 80 e 90, cando funcionou realmente coma unha fronte plural. Pero, aquel deseño tampouco se podería reproducir agora porque a pluralidade de hoxe é moito máis diversa e non se sente representada nas numerosas organizacións políticas existentes. Hai segmentos sociais que non se senten representados en ningunha das forzas políticas que hoxe hai nin nas que se anuncian.

O partido clásico non ten moito mellor cartel que o BNG actual. Tanto un coma o outro teñen un funcionamento piramidal, máis camuflado no BNG cun partido guía e plataforma, máis evidente nos partidos coa figura dunha dirección elixida democraticamente presidida por un Secretario Xeral que fai e desfai nun período de tempo acumulando poder, o que case lle asegura reproducirse con moita autonomía respecto do que pensen as bases.

Só a autonomía das direccións respecto das súas base e da cidadanía explican que, tanto os partidos clásicos coma o BNG dos últimos tempos, sen mudar nada, continúen a actuar ignorando o descrédito que acumulan por traizoaren reiteradamente os compromisos que adquiren nas campañas electorais. O NON NOS REPRESENTAN! é un berro do 15 M compartido pola maioría da cidadanía.

Construír de abaixo cara arriba, horizontalmente e en igualdade real entre as persoas. Cooperar e non competir.

O nacionalismo é plural e está diversamente organizado, polo que non podemos metelo nun molde. Hai que respectar todo o que hai: partidos (EI, +G, PNG-PG, FPG, etc. ), agrupamentos varios e persoas que compartan un programa de mínimos. O único xeito de conseguilo é con Asembleas territoriais nas que se participe individualmente.

Ademais, a organización que precisamos para o obxectivo estratéxico da liberación nacional e social de Galiza debe construírse baixo un principio de acción inspirado nunhas liñas estratéxicas e programáticas básicas e nunha nova relación coa sociedade galega.

O NOVO PROXECTO COMÚN debe recoller os principios políticos inspiradores do nacionalismo galego contemporáneo, na medida en que recollen obxectivos estratéxicos non acadados, están máis vixentes ca nunca, mais hoxe vemos tamén a necesidade de contemplalos á luz da loita por un cambio sistémico impulsado por redes mundiais de movementos sociais e algúns estados da periferia do sistema.

Consideramos que as mudanzas na estrutura social galega nas derradeiras décadas esíxennos que, dende a pluralidade, sexamos quen de acoller as diversas lecturas do proxecto común de liberación nacional e social de Galiza. Ningunha clase ou fracción social está hoxe en condicións por si mesma de ofrecer un proxecto válido para a maioría da sociedade obxectivamente agredida. Cómpre, polo tanto, impulsar unha ferramenta representativa desa maioría social para contrapoñer á tiránica ditadura dos poderes financeiros e á perda de soberanía de Galiza na súa toma de decisións colectivas.

A nosa contribución ao novo proxecto común pasa pola unión leal e en pé de igualdade da cidadanía galega concienciada ao abeiro dos seguintes principios.
  • Galiza é unha nación. O novo referente político débese construír en base á cidadanía galega que defenda o carácter nacional de Galiza e a autoorganización da mesma para o exercicio pleno da súa soberanía.
  • Democracia participativa. No convencemento de aplicar a mesma no funcionamento interno do referente político e na relación do mesmo coa sociedade (no traballo político cos movementos sociais e dende as institucións), pois a liberación nacional de Galiza debe ser realizada por e para o pobo galego.
  • Modelo social en defensa dos intereses populares. Implica políticas activas transformadoras que graviten na esquerda ao servizo da maioría social agredida fronte á agresión do capital financeiro.
  • Auto-organización. O novo proxecto común debe estar integrar por persoas, colectivos ou grupos que partan dunha completa independencia orgánica exterior e que teñan como principio e fin das súas decisións os intereses colectivos de Galiza e o seu proceso dinámico de autodeterminación para superar a dependencia do noso País.
  • Antiimperialismo e Pacifismo. O novo referente político debe posicionarse na loita antiimperialista, e contraer o compromiso de asumir e exercer con absoluta enerxía e rotundidade os métodos de combate pacíficos e democráticos propios da mobilización cívica, social e política, con exclusión do uso da violencia e co rexeitamento e denuncia da violencia institucional padecida polo común da cidadanía.
  • Antipatriarcado.
  • Sustentabilidade ecolóxica e social

2 comentários: