O 4 de xaneiro celebrouse unha xuntanza da comisión de seguimento ou organizadora da XIII Asemblea aprobada no anterior Consello Nacional. Dous foron os temas que ocuparon o tempo: os problemas do censo que está habendo de novo en algunhas comarcas e unha ameaza da UPG de modificar o regulamento da Asemblea no Consello Nacional do próximo día 21, a unha semana da celebración do plenario da mesma!
Xa temos comentado na anterior crónica o asunto da exclusión e as pexas que se está poñendo ao proceso de reafiliación que, lembrade, foi unha das condicións acordadas para celebrar esta asemblea o máis aberta e participada posíbel, de iso non diremos máis que ante reclamacións conxuntas do Encontro e +Galiza sobre casos concretos nos que a interpretación do regulamento é distinta en diversas comarcas, a UPG (Secretaria de Organización) négase a homologar criterios e facer que se respecte o proceso por igual nos distintos territorios alegando a autonomía dos consellos comarcais, cando estamos a falar de dereitos de militantes e para un proceso nacional!
Esta actitude de deixar facer está a criar moi mal ambiente nalgunhas comarcas especialmente nas máis castigadas polo control férreo da burocracia: Ferrol, A Coruña, Lugo, etc... e onde hai unha vida máis “normal” na convivencia interna non hai eses problemas sobre casos similares.
Este tema vai dar que falar porque xa son abondo persoas excluídas.
O outro tema ten moito máis aquel se cadra, porque a UPG pretende corrixir o próximo día 21 un presunto erro que existe no regulamento, a unha semana do plenario da Asemblea, e instaurar un novo filtro e impedir que os votos particulares de emenda á totalidade (lembrade que hai un do EI, un de +Galiza e un do MGS) unha vez superado o debate e ter pasado por maioría nalgunha comarca teñan que someterse de novo a un filtro previo de maioría en comisión antes do Pleno. Todo isto que pode parecer un pouco embarullado non é máis que tentar impedir que as xente do BNG reunidas en plenario poidan escoitar os argumentos dos que discrepan co diktat da UPG.
Vemos neste intento, de se consumar se poden no Consello do 21, unha grave deslealdade a todo o falado do carácter excepcional que ten esta asemblea dada a gravidade da situación e o que se xoga o BNG e Galiza. Parecen manobras froito do medo a perder o control e pánico ante os que queremos refundar o BNG, que é fundamentalmente devolvelo á militancia e rescatalo do “secuestro” ao que o ten sometido a propia burocracia e os políticos profesionais da UPG.
Aínda así o Encontro seguirá a facer todo o posíbel para que esta asemblea sexa aberta á militancia e que se poida falar sen mordazas. Á UPG, que tanto anda a argumentar que os que falamos ante a sociedade facemos dano aos BNG, parece que tamén lle fai dano que se fale dentro do BNG sen filtros nin ruído que perturben a escoita e a decisión soberana da militancia.
Todo o poder para a Asemblea!!!
Sem comentários:
Enviar um comentário