08/01/12

Martiño Noriega na Ser Galicia.

Martiño Noriega en Ser Galicia

* Enlace ao audio aquí.

"Os califatos xa forman parte do pasado, a pluralidade do BNG vai máis aló dunha persoa". "A cuestión non empeza nin acaba en Carlos Aymerich, non se pode fiar todo a unha soa persoa". Preocupado polo "risco de ruptura", cre que non é o momento para "un cambio de cromos". Aposta por unha "renovación profunda" para abrir o BNG á sociedade.

A tres semanas da asemblea do BNG, nin hai acordo nin se albisca esa posibilidade entre as distintas correntes. Martiño Noriega, un dos integrantes do Encontro Irmandiño, insiste en que ten que haber unha renovación profunda para abrir o BNG á sociedade. "Hai unha base social que necesita ver no BNG unha ferramenta útil para transformar este país, e non unha ferramenta que teña un único fin en si mesmo, e debemos establecer outro tipo de vasos comunicantes cos axentes sociais, entender que o BNG non está en posesión da verdade", asegura. 

En declaracións á Cadea SER, Martiño Noriega aposta por un Bloque máis centrado nos problemas de Galicia. Na súa opinión, a formación "debe perder o perfil de tentar tutelar todo o que está a ocorrer no país, e que debe afacerse a acompañar as causas xustas, os movementos de reivindicación". 

Non aos "califatos". Preocupado polo futuro da formación, Martiño Noriega advirte a Carlos Aymerich, líder da corrente MáisGaliza, de que hai que buscar puntos de encontro sobre un proxecto e non ao redor dunha persoa. "Hai que escoller as mellores caras, os califatos xa forman parte do pasado, a cuestión non empeza nin acaba en Carlos Aymerich, e non se pode fiar só a unha persoa, a pluralidade do BNG vai máis aló dunha persoa", dixo. 

O dirixente irmandiño cre que hai que escapar dos personalismos e relanzar unha alternativa que sexa capaz de aglutinar todas as sensilidades. "Para nós as persoas non son innegociables, estamos máis por unha cuestión de fondo, chegou o momento de elixir un novo líder", asegurou. Preocupado polo risco de ruptura co que se chega á asemblea do próximo día 28, insiste en que o Bloque ten que ser capaz de articular un proxecto que sexa útil á sociedade galega. "É algo que ninguén nega, e demostra que estamos nun punto de inflexión e que non se soluciona cun cambio de cromos, quítate ti para porme eu, iso non servirá para relanzar o proxecto, aí perderá o BNG, pero tamén os intereses e a defensa da sociedade galega". Á pregunta de se se presentará á portavocía nacional do BNG, Noriega contesta que "evidentemente hai moitas persoas, e será o momento de falalo, non é unha posición blindada, ou eu ou o caos, hai outras moitas cuestións". Ao ser repreguntado, engade: "avanzamos un metro no quilómetro que temos por diante". 

Sobre o manifesto asinado por varios alcaldes nacionalistas, asegura que "naquel momento díxose que non tiña vocación de permanencia, pero levan realizado múltiples contactos, e existe vocación de seguir participando, hai unha esperanza posta para que a asemblea de xaneiro sirva para relanzar o proxecto".

Adianto electoral Martiño Noriega cre que un adianto electoral en Galicia non está justificado. "Non hai motivos obxectivos, o que pasa é que hai representantes do goberno galego que están instalados na táctica, todo pode ocorrer". 

Sobre a remodelación de goberno, "que fixo a cultura galega para caer en mans de Jesús Vázquez?", pregúntase.

Sem comentários:

Enviar um comentário