Martiño Noriega en Tempos Dixital
Esa é a cuestión. O nacionalismo galego organizado no BNG atópase nunha encrucillada histórica, feito recoñecido pola totalidade das diferentes sensibilidades que configuran esta ferramenta plural e diversa que está a piques de facer 30 anos de vida. Por primeira vez, o risco de fragmentación na necesaria unidade de acción do nacionalismo de esquerdas en Galiza, nun país non normalizado, é unha posibilidade que nin os que se din máis herméticos agochan publicamente, nun exercicio de elaboración de duelo anticipado, ou de venda antes que a ferida.
Diante desta situación cómpre, ás veces, analizar o contorno para entender en que coordenadas sociais nos movemos. Por unha banda, asistimos con mágoa a posible amputación ou enterro encargado polos poderes fácticos dunha forza política que lles resulta incómoda, cuestión publicitada como nunca fixeron ate agora para espallar os seus feitos en vida. Por outra banda, están aqueles, maioritariamente fóra da organización, que agardan a que se abra un anaco de ceo onde poder configurar, cunha nova linguaxe, un proxecto propio que resucite outros proxectos políticos xa fracasados ou integrados no BNG (PG, CG, EG, etc.) e tamén está a cidadanía activa defraudada pola evolución do propio BNG orfa de ser representada. Para rematar, estamos os de dentro e a base social que dende fóra aínda sustenta cualitativamente e cuantitativamente esta organización dun xeito que lle permite á mesma exercer o goberno en 30 concellos do país, ser a terceira forza no parlamento galego, ter dous deputados no Congreso, unha eurodeputada a partir do 2012 e desenvolver responsabilidades de xestión nunha das deputacións (Lugo).
Os que levamos máis de media vida acreditando no proxecto, exercendo a liberdade de militar e de opinar dende a lealdade cando non coincidiamos cos camiños que se estaban a iniciar, asistimos con moita preocupación e ás veces un pouco de impotencia a todo o que está acontecendo, intentando asimilar a responsabilidade histórica dos nosos actos.
O BNG non é unha organización distinta nas dinámicas internas a moitas outras organizacións. Polo tanto, resulta evidente que os problemas arrastrados por decisións colectivas adoptadas de xeito errado tanto na esfera da acción política como no das persoas, lastran un proxecto que continúa a ser absolutamente necesario, nunha sociedade galega máis agredida que nunca pola políticas antisociais e antigalegas do PP. Se somos quen de facer unha abstracción desas cuestións que teñen un peso importante, podemos comprobar como na esfera formal das propostas ou menciñas, as solucións semellan máis doadas se hai vontade para encetalas.
Recuperar de xeito definitivo o principio do asemblearismo, non renunciar á hexemonía democrática, definir o rol BNG organización BNG institución, rachar coas dinámicas de maiorías e minorías antitéticas cunha fronte plural e diversa, facer do compromiso ético un principio irrenunciable, saber que o BNG non pode ser un fin en si mesmo, mudar a nosa relación cos movementos sociais substituíndo a tutela pola colaboración e, para rematar, artellar un novo contrato de mínimos coa cidadanía galega sabendo que non estamos en posesión da verdade absoluta, poden e deben ser, algunhas das moitas cuestións que deben estar presentes no debate asembleario.
Para convencer a cidadanía da utilidade do BNG como ferramenta de transformación antes temos que convencernos nós e o lugar para facelo será na vindeira Asemblea Nacional de finais de xaneiro. Cómpre priorizar a recuperación da casa común e a necesidade de abrir as súas fiestras diante dos debates que poñen enriba da mesa durante estas semanas, de xeito interesado, nomes, tellados ou posicións persoais innegociables.
Neste ser ou non ser é o momento da base militante do BNG a que debe decidir que organización quere ser para servir a este país e a cidadanía agredida deste.
Sem comentários:
Enviar um comentário