Podes deixar o teu comentario na web do Encontro Irmandiño.
Cumprindo co noso compromiso de contribuír ao coñecemento do que pase nesta importante XIII Asemblea do BNG. Dado que andan versións curiosas polos medios sobre dun tema que sendo importante non é o primeiro que preocupa ao Encontro mais si parece que o fai á opinión pública, imos falar hoxe do método de elección da Executiva do BNG e do seu Portavoz e do Candidato á Presidencia da Xunta.
A Executiva é o máximo órgano executivo e ten funcións de dirección permanente sometida ao Consello Nacional. Como o BNG é unha fronte non ten as atribucións do secretariado dun partido ao uso.
O Portavoz Nacional é un “primun inter pares” que porta a voz e representa ao BNG publicamente, sen ter as atribucións dun Secretario Xeral dun partido ao uso, este cargo viña coincidindo co de Candidato á Presidencia da Xunta, antes con Xosé Manuel Beiras e doutro xeito con Anxo Quintana. Hoxe o Portavoz Nacional Guillerme Vázquez, elixido na Asemblea Extraordinaria de 2009 tras o fracaso electoral das Autonómicas, non está imbuído do “cargo” de Candidato.
A respecto deste nomeamento de Candidato á Presidencia temos que dicir que só ten unha virtualidade electoral esixida pola mercadotecnia para personalizar e xerarquizar as presencias dos partidos en campaña. Non está recollido en ningunha lexislación e non é de obrigado cumprimento loxicamente. De feito no BNG non se fixo esta nominación até o ano 1993 nunha campaña na que un BNG en forte ascenso tiña que “cumprir” con ese requisito mediático electoral.
Os puntos de partida das principais propostas son as que seguen:
Para a elección da Executiva:
UPG
No caso de presentárense varias candidaturas ao Consello Nacional, a Executiva conformarase tamén de xeito proporcional ao apoio acadado por cada unha das candidaturas ao Consello Nacional e seguindo a orde de cada candidatura. No caso de haber unha soa candidatura ao Consello Nacional, a proposta de Executiva ficaría conformada polas 15 primeiras persoas da candidatura. Resultará electo Portavoz Nacional a persoa que encabece a lista máis votada para o Consello Nacional.
+GALIZA
Partindo da necesidade de realizar un esforzo máximo de integración, en caso de existir máis dunha candidatura, por non terse alcanzado unha integración a priori, a Executiva Nacional quedará conformada polos membros da candidatura máis votada.
ENCONTRO IRMANDIÑO
A Executiva Nacional integrarase por representantes das candidaturas ao Consello Nacional en proporción pura aos resultados obtidos. O Portavoz Nacional será o cabeza da lista máis votada se esta obtiver máis do 50% dos votos válidos. Se ningunha lista obtén a maioría absoluta elixirase directamente pola Asemblea Nacional en nova votación entre as persoas que se presenten. De non obter a maioría absoluta iríase a unha segunda volta entre as dúas máis votadas.
Podemos ver que todos pretenden unha integración que no caso de +Galiza sería desexábel pero que permitiría “gobernar” en solitario á lista máis votada, que de ser varias podería non contar co apoio dunha maioría da Asemblea.
Sería iso desexábel cando estamos a falar de refundación e de novo esforzo de entendemento?
Para o Portavoz Nacional
UPG
Resultará electo Portavoz Nacional a persoa que encabece a lista máis votada para o Consello Nacional.
+GALIZA
Suponse que está de acordo co sistema actual porque non fai ningunha proposta.
ENCONTRO IRMANDIÑO
O Portavoz Nacional será o cabeza da lista máis votada se esta obtiver máis do 50% dos votos válidos. Se ningunha lista obtén a maioría absoluta elixirase directamente pola Asemblea Nacional en nova votación entre as persoas que se presenten. De non obter a maioría absoluta iríase a unha segunda volta entre as dúas máis votadas.
A razón da nosa proposta é que tanto o sistema actual como a mínima variación que propón a UPG pode ter un resultado como o da asemblea de 2009 na que Guillerme Vázquez saíu por encabezar a lista máis votada pero representando so a unha minoría do BNG.
Para o Candidato á Presidencia da Xunta:
UPG
Até agora a elección do candidato ou candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galiza era competencia da Asemblea Nacional. Sen embargo, non hai razón para diferenciar e separar o proceso que se segue para o seu nomeamento dos outros candidatos ou candidatas ao Parlamento galego. Mais sendo conscientes da importancia real que ten, e co fin de lograr unha maior implicación da militancia, a súa elección farase coa participación de toda a militancia co voto en urna nas distintas comarcas.
+GALIZA
Propoñemos a elección do/a Candidato/a á Presidencia da Xunta de Galiza mediante o sistema de primarias. Nese sentido, e co obxectivo de afondar na democratización da nosa organización e na súa apertura a todos os segmentos sociais que comparten o ideario do BNG, a participación nesas eleccións primarias estará aberta ao conxunto da cidadanía galega, para o que deberá ser aprobado polo Consello Nacional un regulamento que ordene e garanta a transparencia deste proceso.
ENCONTRO IRMANDIÑO
A elección do Candidato/a do BNG á Presidencia da Xunta de Galiza farase en asemblea nacional extraordinaria convocada para tal fin na que participarán directamente todas e todos os afiliados. Sen prexuízo de consultas previas á sociedade nunhas primarias sobre a idoneidade das persoas candidatadas.
Aquí hai tamén unha coincidencia en que o proceso desta escolla sexa diferida a unha nova consulta en urna que no caso da UPG sería limitada aos militantes do BNG, no de +Galiza unhas primarias sen moita precisión de quen ten a última decisión e no do EI elección en asemblea podendo facerse unha consulta previa á sociedade.
Como vemos as diferencias non son insalvábeis, se cadra a proposta do EI é a que mellor concilia a consulta primaria coa decisión última da base militante nacionalista.
O único en candidatarse polo de agora foi Carlos Aymerich.
Os problemas virán cando se poñan outros nomes sobre a mesa?
Coincidirán na mesma persoa a Portavocía e a Candidatura á Presidencia da Xunta?
(A seguir...)
Sem comentários:
Enviar um comentário