16/12/11

Martiño Noriega: "Sabemos que estamos nunha encrucillada histórica"

Entrevista a Martiño Noriega en La Voz de Galicia por Mario Beramendi.

Para o voceiro dos «irmandiños», Martiño Noriega, é a hora dun gran acordo entre a militancia do BNG.

Rexedor de Teo, vicevoceiro do Encontro Irmandiño (EI), corrente liderada por Beiras, Martiño Noriega (A Coruña, 1975) é un dos novos valores do Bloque. O pasado verán asinou, xunto a dezasete alcaldes, un manifesto para que a dirección da fronte escoitase as súas propostas como exemplos de xestión local avalados pola sociedade. 

-Parece que ninguén discute a gravidade da situación interna. ¿Cal é o risco real dunha fractura?
-Eu, e moitos máis, estamos a traballar para que iso no aconteza. E sabemos que estamos ante unha encrucillada histórica. Por primeira vez, o risco de que rompa a necesaria unidade do nacionalismo de esquerdas en Galicia é unha posibilidade que nin os máis herméticos agochan. 

-Da a sensación trala lectura do 20-N de que a UPG, partido maioritario, non está por cambios internos moi profundos...
-Para convencer á cidadanía da utilidade do BNG, diante da oficina de demolición identitaria e social de Feijoo, antes temos que convencernos nós. E o lugar para facelo será a vindeira asemblea. 

-¿Pensa que é posible un acordo entre todos?
-O importante é acadar un punto de inflexión que relance o proxecto. A pluralidade non é mala, enriquece, pero sempre que haxa un común denominador. Un pacto por riba non soluciona nada. É o momento dun gran acordo entre a militancia. 

-¿Chegarán a un pacto con Máis Galiza?
-Estamos abertos a falar con todos. E con eles tamén. A pesar das diferenzas, temos un diálogo fluído. Pero hai outros cos que falar, como os independentes non adscritos e diversos colectivos.

-¿Que papel debería xogar Beiras neste proceso?
-É un referente do nacionalismo e unha persoa cunha gran representatividade social. O papel de Beiras vaino marcar el. Non teño dúbida de que sexa cal sexa o rol, sempre será en defensa dos dereitos colectivos da súa razón de ser: Galicia. 

-¿Que candidato vai propor o Encontro Irmandiño? Nalgún momento terá que falar diso...
-Non estamos nese proceso. Queremos recuperar o BNG como casa común e abrir as súas fiestras diante dos debates que poñen enriba da mesa, de xeito interesado, nomes, tellados ou posicións persoais innegociables. Non estamos aquí para un troco de cromos. 

-¿Vese vostede de candidato?
-É unha decisión que se ten que tomar en dous campos: o persoal e o colectivo, e en ningún se abordou. 

-¿Que faría vostede, alcalde do Bloque no Concello de Teo, se os «irmandiños» decidiran marchar do BNG despois da asemblea de xaneiro, tal e como teñen amagado?
-Nestes tempos tan convulsos, eu vivo instalado no carpe diem e no día a día. Traballo para rexenerar e refundir o Bloque Nacionalista Galego. Esa é a miña razón de ser. Non vivo instalado en futuribles. Pero pase o que pase os meus pais ensináronme na vida a ser, ante todo, responsable.

Sem comentários:

Enviar um comentário