16/12/11

Crónicas preasemblearias II.

Podes deixar o teu comentario na web do Encontro Irmandiño.

Grazas polo interese que sabemos suscitan estas crónicas, seguiremos cumprindo co noso compromiso de contribuír ao coñecemento do que pase nesta importante XIII Asemblea do BNG.

Diciamos na anterior crónica que hai un tema que sendo importante non é o primeiro que preocupa ao Encontro, mais si parece que o fai á opinión pública, ... os carguiños.

Explicabamos onte como é o método de elección e cales son as propostas das distintas forzas de relevancia dentro do BNG. Ao mesmo tempo algún medio facíase eco dun posíbel pacto entre UPG e +Galiza para adiar as súas propostas e poñerse de acordo en manter o sistema actual de elección de cargos para esta asemblea de xaneiro. Dende o Encontro nun principio non acreditabamos nesa “envainada” pero ao fin puidemos comprobar que é certo que iso foi falado na Comisión Executiva do BNG en xuntanza previa á da comisión das teses na que, por certo, ambas forzas mantiveron as súas propostas iniciais sen facer referencia algunha ao falado na Executiva.

Quer dicir isto que só foi falado e non acordado? Saberémolo no Consello Nacional do BNG do sábado 17 porque están sobre a mesa as propostas iniciais das distintas forzas.

Sabedes a insistencia do Encontro en que esta Asemblea que ven é crucial, nós dicimos que é a derradeira oportunidade para rexenerar o BNG, por iso os métodos de escolla dos órganos de dirección teñen que ser inclusivos, integradores e favorecedores da participación plural para que entre todas e todos poidamos aportar e traballar para ese novo BNG (que se refunda).

De manterse o sistema actual, o de anteriores asembleas, a cousa sería como segue:

Trátese de elixir os 50 membros do Consello Nacional de elección directa. Poden presentarse listas integradas por 50 titulares e un mínimo de 20 suplentes, e tras a votación repártense os membros proporcionalmente aos resultados. Para a Elección da Executiva só poderán presentarse listas que teñan como mínimo 15 membros electos para o Consello Nacional na votación anterior, é dicir un 30% dos votos da Asemblea.

Este sistema xa provocou graves disfuncións en anteriores asembleas, porque limita a posibilidade de presentar lista só a aqueles que poidan completala con 70 membros laminando as posibilidades dos independentes non organizados de facelo e levando ao BNG a funcionar como se fose unha coalición de partidos e non unha fronte de adscrición individual como é.

A maiores na asemblea de 2009 só a UPG e +Galiza tiveron eses 15 membros e provocaron para a elección da Executiva unha escolla bipartidista que foi terrorífica para a vida interna do BNG e que tivo como consecuencia que o EI ficase fora da Executiva e que non entrase ningún independente na mesma.

Imos repetir esta xogada? Pode o BNG nesta situación repetir erros do pasado recente?

Dende o EI propuxemos para o Consello do sábado 17 que...

A Executiva Nacional integrarase por representantes das candidaturas ao Consello Nacional en proporción pura aos resultados obtidos.


E nas nosas teses vai como medida xeral que para...

Facilitar a participación de todas e todos en pé de igualdade e independentemente de que pertenzan ou non a un colectivo organizado. Neste sentido estabelecerase que para todos os procesos de eleccións non será preciso presentar unha lista completa, sendo suficiente un número igual ou maior ao 10% dos postos a cubrir.

Non hai desculpas para non facelo o mellor posíbel, temos as teses en marcha e temos un regulamento en produción, de feito o sábado vaise completar co método para elección de cargos... por que aferrarse a un sistema que xa fallou?

Non sería mellor que todo o mundo explicitase que é o que pretende?

(A seguir...)

1 comentário:

  1. http://revoltairmandinha.blogspot.com/2011/12/cronicas-preasemblearias-ii.html

    ResponderEliminar