29/12/11

Posición e marco de referencia. Cuestións internas (II): lexitimidade e transparencia.

Raúl Asegurado no seu Blog dun irmandiño.

A lexitimidade é algo que se gaña, que no momento presente nunca está adquirida por contaxio do pasado, e por tanto en períodos reflexivos hai que telo presente para mirarmos o rumbo tomado e as decisións que son acaídas para non perder este valor, moitas veces esquecido.
Unha organización colectiva debería facerse unha serie de preguntas sobre a súa acción e a súa incidencia no campo no que traballa, porén, unha organización política debe diagnosticar os puntos fortes e febles da súa capacidade de incidencia institucional e social, a viabilidade do seu proxecto, e o que é máis importante a súa identidade propostiva e constitutiva. Nestas claves tentaremos afondar brevemente neste artigo, comezando por isto último.

Lexitimidade e identidade. É facilmente comprensíbel que o factor que máis determina a lexitimidade dun coletivo é a súa identidade, identificada en que ideas propón e a vixencia delas, así como por quen está composto, é dicer, o suxeito colectivo no que se encarna.
Nunha nación sen estado, dentro dun contexto de dominación capitalista, a lexitimidade dun proxecto de esquerdas emancipador por si só non está lexitimado se tras del non existe un suxeito antagónico ao discurso ultraliberal, e por tanto, na fronte hai que analizar dúas cousas, a incidencia que se fai nas institucións e a permeabilidade da organización aos colectivos e persoas que no seu facer social lexitiman o discurso da emancipador da esquerda. Quero dicer, que unha organización con ideais ou propostas discursivas antagónicas co sistema de dominación que nas institucións cohabitan comodamente cos suxeitos opresores (representantes dos grandes intereses privados), non está lexitimada. Tamén pode darse, como se dá, o caso en que representantes públicos da fronte con ideas antagónicas ao discurso imperante (nomeadamente comunistas), usan a fronte como trincheira de posicionamentos máis ou menos de esquerda mais substitúen o suxeito social por suxeito de clase política, están novamente ilexitimando o que facer discursivo da esquerda.
O BNG neste senso ten dúas feblezas de lexitimidade: a tipificación política dentro das institucións e o enclaustramento organizativo. A potencialidade fica nas clases pasivas orgánicas; a militancia do común que na sociedade encarna o suxeito social da esquerna nacional galega e que organizativamente deron un paso cara a atrás polo enrocamento da clase política dirixente e pola orfandade das súas demandas nas institucións, é a militancia de base, o corpus social, onde o BNG pode novamente lexitimarse; porque esta é realmente a súa constitución social, non a clase dirixente (institucional ou política).

Lexitimidade e incidencia. Se non se recupera a identidade a incidencia que se faga serán fogos de artificio. A incidencia non virá determinada pola ación direita nas institucións, que tamén, senón no acrecentamento discursivo da hexemonía social nas clases subalternas (en termos gramscianos, recollido nunha achega anterior). Esta e só esta, será a incidencia lexitimadora da esquerda emancipadora e soberanista. Nesta lóxica, a apertura de portas da fronte a sectores políticos e sociais excluídos ou á militancia de base cansa e inactiva será o primeiro síntoma dunha incidencia na sociedade que poña en liza un valor lexitimador que actualmente é importantísimo: a transparencia.

Lexitimidade e transparencia. A transparencia toca innumerábeis factores de lexitimidade; a transparencia organizativa pon en valor unha democracia interna horizontal e participativa, por tanto recupera o asemblearismo e todo o que iso conleva. A transparencia económica pode desvelar a non lucratividade dun proxecto político común, e por tanto o verdadeiro interese da clase dirixente, ademais de adquirir un compromiso coa súa militancia que determine as condicións materiais da liberdade do proxecto político. A transparencia nos procesos de eleicións de candidatas ou representantes orgánicas é un compromiso con toda a sociedade galega. O uso do censo de militantes que está actualmente a desenvolver o “aparato” é unha agresión ás máis básicas normas de xogo, determinando un oscurantismo férreo en todo o proceso e denigrando o valor máis evidente da transparencia. Ou isto muda ou a lexitimidade pérdese, e non só para a militancia de base, senón ante a cidadanía galega no seu conxunto.

Sem comentários:

Enviar um comentário