28/12/11

"Non renunciar á xustiza social nin á identidade é de sentido común"

* Conversa con Martiño Noriega en El País sobre o seu libro Por un denominador común. A esquerda da nación, traducida por nós.

"Creo que a esquerda da nación é un proceso colectivo", considera Martiño Noriega, alcalde de Teo polo BNG e con maioría absoluta, "e se non existe, ten que existir. É de sentido común que non renuncie nin á xustiza social nin aos sinais identitarios". A explicación vén ao caso: Noriega presenta esta tarde, ás oito en Libraría Couceiro de Santiago, o seu primeiro libro baixo o título Por un denominador común. A esquerda dá nación. 

Un feixe de artigos, publicados en prensa dixital -A Nosa Terra e Tempos Dixital-, e unha longa entrevista realizada pola xornalista Rosabel Candal compoñen un volume que coedita 2.0 Editora e a histórica Ediciós do Castro -no que probablemente sexa o seu último traballo-. "Trátase dun libro moi pouco ambicioso", define o autor, "escrito con sinceridade pero desde a miña mirada ideolóxica". Preocúpalle iso e tender pontes. De aí a cabeceira da obra, Por un denominador común. "O concepto remite á Fronte Popular", engade, "a realizar lecturas políticas de movemento amplo, a buscar o que une e non o que separa". A referencia á organización na que milita, e da que se está convertindo nun dos seus rostros públicos reconocibles, salta ao momento: "Si, e ao Bloque; talvez sexa un pouco inxenuo, pero esa idea do denominador común é coa que eu me criei politicamente".

As palabras de Noriega resoan no contexto dun proceso asembleario, o que vive o nacionalismo, que se resolverá en xaneiro. E sobre o que planea o perigo de escisión. "Eu son moi conservacionista en xeral", respóndelle a Candal na conversación que inclúe o libro, "e entendo que merece a pena loitar por procesos colectivos cunha historia de case 30 anos, porque son representativos e porque son a nosa ferramenta de transformación". Pero non aforra críticas nin ao rumbo actual do BNG nin sobre o seu modelo de funcionamento interno e distribución de responsabilidades. Que persoas dedicadas ao exercicio do poder reflexionen por escrito sobre iso non resulta o máis habitual en Galicia. "Tamén me serve para ordenar pensamentos", di, "e intento escapar dos clichés partidistas; a xente demanda sinceridade en todos os ámbitos".

A Noriega enmárcano en papel as palabras liminares de Xosé Manuel Beiras e Isaac Díaz Pardo. "Isaac permíteme recoller unha tradición", afirma, "a republicana, a do exilio exterior e interior; Xosé Manuel xa vén de aí. Concidir con eles, cando ademais xa son en certos medida anxos caídos polas súas peripecias en Sargadelos e no Bloque, é unha sorte enorme". Beiras, xunto ao filólogo e editor Xosé Ramón Fandiño e a xornalista Rosabel Candal, acompañarano esta tarde na presentación de Por un denominador común. A esquerda da nación.

Sem comentários:

Enviar um comentário