09/05/11

Revólta-te! [9 - 5 - 2011]

Na semana en que o Imperio decidiu resucitar, máis que matar, a Bin Laden - xa estaba "morto" despois das revoltas árabes, como dicía Xoan Hermida en Galiza Ecosocialista - son varios os artigos que colgamos sobre a cuestión:  A morte e Bin Laden, de Martin Granovsky, Como os Estados Unidos criaram Bin Laden, de António Martins, unha entrevista a Robert Fisk sobre "a morte irrelevante do icono de Al-Qaeda" e unha reflexión de Tariq Alí: Quem lhes disse onde estava?

Esta tamén foi a semana na que Fatah e Hamas asinaron un acordo histórico para Palestina no Cairo.

A catástrofe nuclear de Fukushima segue a xerar debate entorno á cuestión enerxética. Michael Löwy, en Fukushima: outro mundo é posíbel, reflexiona sobre a inseguridade das nucleares e a necesidade dun mundo con menor consumo enerxético, o que significa, ineludíbelmente, rematar co capitalismo.
Os nucleócratas –unha oligarquía particularmente obtusa e impermeábel– pretenden que a fin do nuclear significaría a volta á vela ou á lámpada de aceite. A verdade simple é que só o 13,4% da electricidade mundial é producida polas centrais nucleares. 
O capitalismo non pode limitar a súa expansión, e por conseguinte o seu consumo de enerxía. E como a conversión ás enerxías renovábeis non é “competitiva”, pódese prever unha nova e rápida subida das emisións de gas con efecto invernadoiro. O primeiro paso na batalla socioecolóxica por unha transición enerxética é o rexeitamento a ese falso dilema, desa opción imposíbel entre unha fermosa morte radioactiva ou unha lenta asfixia polo quecemento global.

Por outra banda, achegamos un artigo de Manuel Casal Lodeiro, De Fukushima a Olduvai, sobre a posibilidade dun fallo progresivo das redes eléctricas, por falta de enerxía procedente dos combustíbeis fósiles, e a catástofe nuclear que isto desencadearía, polo fallo dos sistemas de refrixeración das centrais nucleares.

A aterradora sospeita de que nunha situación de corte xeneralizado da electricidade a un número elevado de centrais en diversos lugares do planeta, poderían xurdir centos de Fukushimas que acabarían liberando gases e líquidos radioactivos en múltiples zonas do planeta, de maneira máis ou menos consecutiva ou simultánea.
Quizais a única maneira de previr o risco dunha fuga masiva de radioactividade debida ao fin da electricidade, fose un proxecto urxente a escala internacional para proporcionar a todas as centrais nucleares activas de sistemas de xeración autónoma de electricidade, o máis duradeiros posíbeis e o menos necesitados de mantemento e reparacións. Requiriría non só un esforzo e unha mobilización importante, senón o que é máis improbábel: un acordo político que recoñecese o risco derivado da fin da civilización industrial. É dicir, non só tería que recoñecerse a nivel internacional que o petróleo entrou nun declive irreversíbel que arrasará o noso actual tecido socioeconómico como un auténtico tsunami, senón que deberiamos aceptar que unha sociedade movida por electricidade renovábel é xa imposible a escala planetaria. 
 
Sobre as catástrofes naturais, en aumento debido ao quecemento climático, colgamos unhas relfexións Nielmar de Oliveira.
 
O número de desastres naturais tem aumentado ano a ano. E a questão é saber se as economias dos países afetados vão crescer o suficiente para ajudar as pessoas a não ficarem tão expostas a tragédias ou mesmo minimizar os feitos dessas catástrofes.

Para evitar todas estas ameazas, Carlos Taibo propón o Decrecemento.


No Estado Español, vivimos a exclusión de participar nas eleccións da coalición Bildu - finalmente autorizada polo TC -, con argumentos tan demenciais coma sobre os que se ironiza neste artigo, Contaminacións, e do candidato do BNG en Arzúa, Xaquín García. 
A Sentencia do Tribunal Supremo anulando as candidaturas de Bildu confirma o "estado de excepción" creado coa reforma da Lei de Partidos Políticos e a de Réxime Electoral Xeral. 
Os efectos das antidemocráticas leis chegaron tamén ao noso País coa exclusión do candidato do BNG en Arzúa, o compañeiro Xaquín García Couso, como consecuencia de irregularidades do anterior alcalde do PP e sen que haxa aínda condena firme. 
So o Tribunal Constitucional poderá remediar o atropelo que se comete contra a democracia cando as leis e os tribunais dan valor de firme a unha condena que non o é ou constrúen a xustificación para privar a milleiros e milleiros de cidadáns vascos de participar nas eleccións, sobre da base dun relato da fiscalía e da avogacía do estado máis parecido aos certificado de boa conduta do franquismo que ás probas que nun estado de dereito fundamentan unha privación de dereitos. 
De prosperar tropelía antidemocrática do PP e do PSOE, estabelecerase o precedente de que unha decisión política amparada por un tribunal decide quen pode participar ou non na democracia española e certificará a fin do pluralismo político que con tanta solemnidade consagra a Constitución (Encontro Irmandiño).
 
Beiras rematou esta semana a serie de artigos Brañas e a crise que non cesa, onde analiza a similitude da crise en curso coa crise finisecular que analizara Alfredo Brañas en 1892, tratándose ambas de "crises de hexemonía" da maior potencia mundial - Gran Bretaña a finais do XIX, os USA a finais do XX -.

O fenómeno da chamada "financiarización"" non é de ningún xeito peculiar da crise actual: lonxe diso, é característico da potencia hexemónica en declive, precisamente na etapa de crise da sua hexemonía e correlativamente á sua perda da hexemonía na esfera da produción -ou sexa, na economía real. 
Outras lecturas interesantes desta semana: Naomi Klein, Boaventura de Sousa Santos, ou Samuel Faber, cun diagnóstico da situación actual.

Sem comentários:

Enviar um comentário