Advirte que o Goberno central vai apertar moito máis", polo que anima á "revolta cívica" xa que se está "en mans de delincuentes"
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 Mar. (EUROPA PRESS)
O portavoz nacional do Encontro Irmandiño (EI), o histórico nacionalista Xosé Manuel Beiras, sinalou que existen "razóns máis que sobradas" para a convocatoria de folga xeral do próximo 29 de marzo, pois pretende amosar o rexeitamento da maioría social a unha "contrarreforma" laboral que tacha de "anticonstitucional". Ademais, chama a participar nesta e outras mobilizacións co obxectivo de facer fronte a unhas políticas que "matan xente".
"Estas políticas matan xente, aínda que non o fagan de forma directa", advertiu Beiras nunha rolda de prensa na que expuxo os motivos polos que os 'irmandiños' pretenden "contribuír ao éxito" do paro xeral, a pesar de non ter "claro" que esta vía "sexa suficiente" e augurar un proceso --"que pode vir"-- de maior repercusión e "gravidade" que o que aconteza o próximo 29.
O líder do EI mostrouse convencido de que o Goberno central, co seu presidente --"o señor dos hilillos"-- á cabeza, "vai apertar moito máis". Neste extremo, asegurou que lle custa "moito traballo" comprender a "irracionalidade" coa que se actúa desde "instancias do poder": "Ou Mariano Rajoy e compañía son uns perfectos ignorantes ou xente carente de calquera tipo de escrúpulo que están aí para facer o que determinen os grandes poderes financeiros", reflexionou.
Por iso, e xa que a sociedade se atopa "en mans de delincuentes", Xosé Manuel Beiras animou a participar nun proceso de "rebelión cívica" cuxo primeiro "episodio" será a folga xeral.
"ORGANIZAR" O 15M
A este respecto, o portavoz nacional do Encontro Irmandiño aludiu ao denominado 15M pero apostou por estruturar o movemento de 'indignados' "dunha maneira organizada". Así, as forzas políticas e sociais deben "actuar con coherencia" para ser "capaces de deseñar unha estratexia" que dispoña as "canles" polos que cristalice unha "alternativa de mutación" do actual sistema, opinou.
Todo iso, subliñou, para evitar que a problemática vinculada coa crise económica e o "desmantelamento" do Estado de Benestar redunde nun panorama de "caos social".
A formación que dirixe Beiras traballa "a favor" de articular "un proxecto que ilusione aos sectores da cidadanía máis remisos", apuntou, antes de reprobar que no proceso electoral de Andalucía a mensaxe que se transmite é que "con cambiar o voto vaise a resolver algo".
"VIOLAN A DOÑA CONSTITUCIÓN TODOS OS DÍAS"
O líder dos 'irmandiños' destacou que a intención do EI é amosar un apoio "explícito" á folga, cunha implicación "activa" nesta mobilización e nas futuras, pois existen "moitas frontes abertas" e xa se verá dentro de "sete ou oito meses se aínda existe" o dereito ao paro xeral como "arma legal".
"Violan a Doña Constitución todos os días", ironizou Beiras ao termo da comparecencia. Nesta dirección, a primeira parte do seu discurso ante os medios de comunicación consistiu en enumerar as tres causas que compoñen a súa oposición á reforma do mercado de traballo: "un atraco absoluto á cidadanía", como a cualificou.
En primeiro lugar, Beiras criticou a política económica "aberrante", cuxa acción, ao seu xuízo, consiste en seguir os postulados dunha "cúpula de economistas ultraliberales" que din que as teorías de Keynes "non valen para nada". Cando, segundo o líder nacionalista, son as que serviron para saír da Gran Depresión dos anos 30 en Estados Unidos.
"É unha patraña, cando din que as políticas de austeridade e de estímulo ao capital son para xerar emprego e reactivar a economía", aseverou, tras reprobar esta "hexemonía" do capital financeiro.
A continuación, enumerou cambios no dereito laboral introducidos pola reforma, en cuestións como a vinculación con convenios colectivos, a mobilidade xeográfica e a funcional. "É a lei da xungla, e só queda o dereito á pateadura", reprobou, antes de sentenciar que "o que se está facendo" é meter aos traballadores "no túnel do tempo" e facelos "volver ao século XIX".
Por último, en terceiro lugar, Xosé Manuel Beiras arremeteu contra os recortes de servizos sociais, que abren paso, de novo, á "beneficencia" e deixan aos individuos "a expensas da filantropía dos poderosos". "Iso mata xente", finalizou.
Sem comentários:
Enviar um comentário