25/11/11

Rexenerar sen pactos por arriba.

Reunida onte a Coordinadora Nacional do Encontro Irmandiño acordou facer públicas as seguintes consideracións:

O Bloque precisa unha refundación

Que o BNG precisa unha rexeneración non so foi dito por Xosé Manuel Beiras na rolda de prensa do pasado día 21. Isto foi asumido polo conxunto do Consello Nacional na reunión posterior ás eleccións municipais de maio que non tivo máis remedio que atender o clamor dunha militancia farta e aceptar unha asemblea de refundación coa participación directa de todas e todos os afiliados que o desexen como viña propoñendo o Encontro Irmandiño.

Aos grupos que hoxe convivimos no BNG non nos toca suplantar ao colectivo militante que é quen ten que pensar, expresarse e decidir.

Os resultados electorais nin curan, nin podían curar aínda que fosen outros, o desgaste e desvirtuación que tivo o BNG ao longo destes anos e que fan necesaria unha refundación que poña á nosa organización en condicións de afrontar os novos retos e de asumir ser ese novo referente político que represente á inmensa maioría da sociedade galega que o precisa con urxencia.

Non é o momento de batallitas persoais

Consideramos que a dirección Executiva leva fallándolle ao BNG e ao País e debe dimitir aínda que so falten dous meses para unha nova elección interna, porque xestos como os do Portavoz Nacional que “dimite pero que non dimite” son unha manobra de distracción e confusión para substituír a asemblea por unha campaña electoral interna como a ANE de 2009 que para nada serviu.

Non é momento de falar de portavoces nin de postularse candidatos cando aínda temos pendente outro Consello Nacional o día 17 de decembro de onde sairá a decisión de como facelo.

Que a UPG e contorna vaian apoiar a Guilleme Vázquez nesta finta non aporta nada ao debate de ese BNG tonificado que ten que saír dunha exitosa XIII Asemblea.

Rexenerar sen pactos por arriba

É preciso falar franca e abertamente entre toda a militancia e estabelecer os mecanismos que garantan que o acordado non queda máis unha vez en papel mollado e a burocracia se apropie de novo do BNG.

Galiza 24 de novembro de 2011

Sem comentários:

Enviar um comentário