25/11/11

O BNG pertence á sociedade galega.

O BNG pertence a toda a sociedade galega

No Encontro levamos moito tempo a debullar cales serían os criterios a as medidas precisas para refundar o BNG, cremos que ten que ser un traballo colectivo de todas e todos os que integramos o BNG, pero si unha das premisas que debe ter o novo BNG é a súa apertura á sociedade entendemos que tamén debemos escoitala se estamos a falar dun instrumento político que pretendemos sexa para maioría da sociedade galega.
Nós temos as nosas ideas que a seguido imos referir moi sucintamente pero gustaríanos coñecer que pensades ao respecto e novas ideas para o mesmo fin: un BNG renovado e útil á sociedade galega. Agardamos as vosas opinións e aportes en info@encontroirmandinho.org

A nosa proposta

Galiza precisa un referente político no que confiar

Nesta XIII Asemblea Nacional é prioritario refundar o BNG. O desgaste e desvirtuación que tivo ao longo destes anos fan necesaria unha refundación que poña á nosa organización en condicións de afrontar os novos retos e de asumir ser ese novo referente político que represente á inmensa maioría da sociedade galega que o precisa con urxencia.

Refundar

O BNG precisa reatoparse cos principios fundacionais da Asemblea de Riazor. Trátase de facermos, á luz do ano 11 do século XXI, unha relectura dos Principios que conduciron a unha unidade do nacionalismo que durante 15 anos permitiu avanzar porque levamos á práctica aquilo de que “é máis o que nos une que o que nos afasta”.

Sabemos que a Galiza de hoxe ten mudado moito dende 1982. O peso relativo do campesiñado ten minguado polas políticas de case exterminio e etnocidio do mundo labrego, e na súa medida tamén do mundo mariñeiro. O mundo do proletariado ten mudado, enfraquecido e fragmentado como consecuencia das múltiples e destrutivas 'reconversións' industriais, a terciarización da economía, a precarización do emprego e as sucesivas contrarreformas dos dereitos laborais e sociais. No ámbito empresarial tamén se produciron mudanzas para peor na estrutura e a propiedade do capital, co avanzo na penetración dos monopolios transnacionais de matriz foránea e a absorción ou aniquilación de grupos industriais e institucións financeiras autóctonas, convertendo á inmensa maioría das empresas galegas en empresas asalariadas.

Porén, os principios políticos fundacionais do nacionalismo galego contemporáneo seguen a ser os mesmos e plenamente valedeiros, na medida en que recollen obxectivos estratéxicos non acadados (soberanía do pobo galego como único xeito de autentica democracia, anti-monopolismo, anti-imperialismo, anticolonialismo, antimilitarismo a prol dunha paz mundial), e mesmo están máis vixentes ca nunca e impóñennos hoxe a necesidade de inserírmonos na loita por un cambio sistémico que está a se acometer por redes mundiais de movementos sociais altermundistas e anticapitalistas, e mesmo tamén por diversos estados da periferia do sistema.

Nese contexto, as mudanzas na estrutura social galega non fan menos necesaria a unidade do nacionalismo, mais esíxennos que dende a pluralidade sexamos quen de acoller as diversas lecturas do proxecto común de liberación nacional e social de Galiza. Ningunha clase ou fracción social está hoxe en condicións por si mesma de ofrecer un proxecto válido para a maioría da sociedade e, pola contra, a inmensa maioría social está a padecer a tiránica ditadura dos poderes financeiros e a recolonización de Galiza como nación sometida e espoliada.
  • Galicia é unha nación
  • Democracia
  • Anti-monopolismo e intereses populares
  • Auto-organización
  • Galicia e o colonialismo
  • Anti-imperialismo
  • Paz mundial
  • Modelo social (ao servizo das clases populares e do País)
Son os Principios Fundacionais máis vixentes ca nunca e que non debemos converter en meros enunciados ocos.

Rexenerar

O decurso dos anos levou ao BNG a unha dexeneración da estrutura e da convivencia internas que fai imprescindíbel unha rexeneración que pasa por dar novo pulo aos Principios Organizativos tamén fundacionais:
  • Democracia
  • Carácter asembleario
  • Pluralismo político
  • Maiorías e minorías
  • Liberdade de expresión
  • Dereito á discrepancia pública
  • Estruturación territorial

Só asumindo as responsabilidades políticas desta dexeneración e unha reflexión honrada e seria de todas e todos pode devolver ao BNG a súa primixenia capacidade de traballar cooperando, de respecto mutuo e de servizo ao Pobo que xustifica a nosa existencia. Fora ambicións persoais, miserias cotiáns e rutinas burocráticas.

Medidas orgánicas

As seguintes propostas e medidas son necesarias para a rexeneración da democracia no BNG:
  • Supresión do sistema de delegados/as que so poderá ser modificado no futuro por unha maioría cualificada de 2/3 dos membros do BNG.
  • Todo o poder para a Asemblea Nacional. Dar máis peso político aos membros do CN elixidos na Asemblea Nacional. Os representantes de Partidos, organizacións e colectivos, e representantes Comarcais serán membros do CN con voz e sen voto para non alterar a representación directa da Asemblea Nacional.
  • Os representantes de designación para os consellos locais e comarcais participarán con voz pero sen voto para non alterar a representación directa das asembleas correspondentes.
  • O control e supervisión do censo e das actividades financeiras do BNG e contorna concernente estará, a maiores da administración da organización, a cargo dunha comisión plural de persoas de total discreción e coas debidas garantías de protección dos dados. Esta comisión actuará perante os órganos de dirección a petición destes ou por propia iniciativa.
  • Redimensionamento do persoal de administración que traballará ao servizo de todas/os e adaptada ás necesidades e posibilidades ordinarias da organización.
  • Aplicarase a limitación nas institucións a dous mandatos desde que foi aprobada.
  • A inexistencia dun traballo previo ou unha saída laboral particular prevista aos cargos institucionais nos será desculpara para xustificar os “políticos profesionais”.
  • Evitarase a acumulación actual de representación institucional e “liberados” para o caso da militancia nalgunha das forzas políticas integradas.
  • En aras do pluralismo consubstancial ao BNG, e en evitación de “Santas Inquisicións”, a opinión congruente e razoada dunha minoría en exercicio da liberdade de expresión e do seu dereito á discrepancia pública recoñecida nos principios políticos non poderá nunca ser considerada bloqueo ou boicot ás decisións maioritarias.
  • As persoas que asuman cargos de responsabilidade orgánica deberán ter un recoñecemento interno e público contrastado e de grande aceptación.
Recuperar

Hoxe hai máis “BNG” fóra que dentro: a conversión paso a paso do BNG nunha formación política convencional provocou a conseguinte perda de apoio de sectores progresistas e galeguistas da sociedade e de moitos nacionalistas activos anoxados por políticas sectarias dos últimos anos, que non só provocaron un descenso sostido de apoios sociais e electorais senón que remataron por castrar ao BNG e incapacitalo para comprender á nación á que pretende representar. A incomprensión verbo das mobilizacións dos 'indignados' que a dirixencia do BNG nin entende nin quixo entender, malia que os obxectivos coincidan amplamente con reivindicacións históricas do BNG, ou a guerra sectaria aberta contra o SLG, son dous exemplos claros desta deriva cara a homologación coas peores eivas das forzas políticas convencionais e para soster o profesionalismo político que nos últimos anos adoptou.
Os novos xeitos necesarios para facer política de esquerda nestes tempos, e a recuperación do rol do BNG como instrumento ao servizo da nosa Terra fan preciso un proceso de apertura aos nacionalistas que están fora e á sociedade civil na que están a agromar movementos de rebeldía cívica e emancipación social. Isto só será posíbel cunha recuperación da credibilidade que só se dará se o BNG se “refunda” e “rexenera”. É imposíbel recuperar a confianza para un BNG que non dea signos inequívocos de ter aprendido a lección.

A refundación como proceso

A refundación, a constitución dunha unidade nacionalista incluínte, non remata no acto de clausura dunha asemblea nacional exitosa. A refundación é unha andaina a continuar inmediatamente despois abrindo un proceso incluínte que incorpore a todos os grupos e sectores sociais que asuman os principios políticos da fronte.

Sem comentários:

Enviar um comentário