16/08/11

Entrevista a Martiño Noriega en "El País".

JOSÉ PRECEDO - Santiago - 14/08/2011


Xunto a 17 alcaldes nacionalistas promove un manifesto crítico que demanda renovación, outro discurso e outros líderes á dirección do BNG. Médico de profesión, Martiño Noriega (A Coruña, 1975), a quen moitos ven como un referente no futuro do Bloque, lamenta que "a esquerda teña o diagnóstico pero non un tratamento contra a crise". Avoga por que o Bloque ofreza un contrato á cidadanía baseado en puntos concretos que sexa capaz de cumprir. Como fan nos concellos. 


Pregunta. Propoñen recuperar a credibilidade e o rumbo do BNG. Cando se perderon?

Resposta. Na última década houbo unha diminución de apoio ao BNG e unha maior distancia co noso proxecto. É necesaria unha reflexión colectiva, traballar con feitos e compromisos para recuperar a confianza e a credibilidade e lograr que o BNG volva ser unha ferramenta útil para a transformación do país.


P. Chaman á esperanza, pero o BNG está dividido.

R. O manifesto ten autocrítica pero quere ser positivo e unha xanela á esperanza. Temos dúas citas importantes: as xerais e o proceso asembleario. Asinamos o manifesto desde unha posición de desexo pero tamén de realidade, tentamos trasladar que cunha mensaxe política alternativa podemos transformar este país. Todos o facemos nos nosos concellos.


P. Cales son as súas receitas?

R. Hai que establecer un contrato coa cidadanía en cuestións claras e que sexamos conscientes de que podemos cumprir. Parte da frustración que supuxo a perda do bipartito debeuse ás expectativas creadas. Cando a esquerda e as reivindicacións identitarias están en crise, hai que dicir que son os nosos compromisos irrenunciábeis, innegociábeis e realizábeis. A partir deles podemos seguir avanzando. A esquerda realizou un diagnóstico do que pasa pero non ten un tratamento. E debemos renunciar a ser vangarda de algo, debemos cambiar a relación coa sociedade, os movementos sociais, sindicais, ecoloxistas, hai que acompañalos non tutelalos para recuperar a súa confianza.


P. Coa que está a caer, cre que os cidadáns de esquerdas entenden que o BNG se enrede en disputas internas?

R. O BNG é unha ferramenta útil, debe selo mesmo para os desencantados co PSOE e as súas políticas. Cando existe unha agresión terrible a dereitos sociais e laborais, corremos o risco dunha dereitización da sociedade por mera supervivencia. A esquerda debe dar a cara, sei que non é positivo a excesiva externalización do debate interno pero tamén o difícil que é negocialo nestes momentos. O BNG nalgún momento debe pechar esta etapa pero o seu papel de defensa do país e as clases agredidas hai que reivindicala.


P. Cando será o momento de pór fin a esta etapa?

R. A asemblea tras as eleccións debe ser un punto de inflexión, non só estético, habemos de crérmolo, logo crerao a contorna do BNG e seguiremos avanzando socialmente.


P. É Guillerme Vázquez quen debe pilotar ese cambio?

R. A Guillerme tocoulle lidar cunha situación interna moi inestábel. Fíxoo con toda a xenerosidade e lealdade, o futuro determinarano a asemblea e os militantes. Hoxe é o portavoz e a min meréceme todos os respectos.


P. Algúns militantes mírano a vostede como home de futuro.

R. É o menos importante, dígoo sinceramente. Certo que un proxecto colectivo necesita de caras, pero antes hai que construílo. Se falamos de futuribles, valoro moito a miña vida persoal e a responsabilidade de estar á fronte deste Concello. Outra posibilidade debería partir dunha petición colectiva de compañeiros e que eu fixese un exercicio de responsabilidade. Agora non estou aí aínda que non son inmune ao que vexo e escoito.


P. Cal é ese pacto de mínimos que ofrecen á cidadanía.

R. Habemos de ser dogmáticos nos dereitos identitarios, a reclamación de financiamento a Madrid para manter servizos básicos como a educación e a sanidade. Está a empregarse a austeridade para desmontar conquistas sociais. A palabra non é recorte senón priorización, o financiamento de servizos públicos e a capacidade de decidir do pobo galego deben ser irrenunciábeis. Podo priorizar conquistas sociais e renunciar a outras cuestións. Como esquerda, debemos demandar un papel máis activo fronte aos mercados. A política terá algo que dicir, non temos a verdade absoluta pero pasamos polas urnas. Os mercados, non.


P. Até que punto fixo dano que o quintanismo dixese que non eran esquerda nin dereita?

R. Fíxonos dano porque non podemos vivir na indefinición. Pódelles valer a outros, non a nós. Eu defínome dentro da esquerda real e soberanista, pero asumo que no BNG hai distintas sensibilidades. Pero os marcos están para algo. Sen renuncias ideolóxicas no eixo esquerda-dereita e no identitario podemos ser útiles a unha maioría social. Non debemos pasar polo que non somos, unha forza de esquerda e soberanista.


P. Iso é compatible con aparecer como socios de CiU tras os seus brutais recortes sociais?

R. Hai que diferenciar dúas cuestións: a reivindicación dun Estado plural e o eixo dereita-esquerda. BNG e CiU son antitéticos na segunda, non comparto para nada a súa política neoliberal.


P. Como ve o 15-M?


R. Representa unha ruptura xeracional, dun sector da cidadanía que non participou de movementos políticos e que ante a falta de horizontes, elabora unha resposta heteroxénea. É positivo, demostra que polo menos hai un latexar cidadán. Non lles podo pedir coherencia porque esa coherencia tamén lle falta á esquerda que leva anos tentando elaborar as súas teses. A esquerda debe establecer vasos comunicantes, non tentar tutelar o movemento que tampouco se deixaría. A expresión social do 15M necesitará unha expresión política, se non a hai, crearana. E se non, xurdirá a frustración e pode pasar calquera cousa.


P. En Teo que lle espera?

R. Gañamos sen prometer grandes cousas. As administracións non deben facer terapia cos cidadáns que os elixen para solucionar problemas, pero si deben explicar a situación, priorizar e blindar as conquistas en política social, de conciliación ou as escolas infantís. Iso é sacro, o resto, as cuestións máis lúdicas, son prescindíbeis.


P. Como trata esta Xunta a un alcalde novo do BNG?

R. Agardo a que se supere o uso partidista das institucións. Nisto ningunha forza é inocente. Espero que se me trate como a alcaldes do PSOE ou PP.


P. Como avalía a Feijóo?

R. Ten pouco que ofertar como xestor e sorprendentemente non ten excesivo desgaste. Está instalado en culpar a outros, non asume as súas responsabilidades.


P. Prexudica ou axuda estar con Beiras nos Irmandiños?

R. Tendo a medir os meus actos non en función da rendibilidade, senón das miñas conviccións, o día que non crea no que fago non poderei facelo. Non concibo a política como unha cuestión táctica, senón emocional e de principios.


P. O actual contexto avala a continuidade do BNG como un partido non convencional ou conviría reformalo?

R. A homologación do BNG con estruturas como as do PP ou PSOE sería a morte do BNG. A xente se reune en prazas e fai asembleas, demándanse organizacións con sensibilidades distintas, a fórmula está vixente.

2 comentários:

  1. A min ver como un "soberanista e de esquerdas" di que lle parece diferente a CIU que defende o Estado neoliberal en Madrid e a neoliberal de catalunya pareceme aberrante.

    ResponderEliminar
  2. Eu creo que non explicitou que defenda o pacto con CIU en Madrid. No que si se posiciona claramente é en que "non comparto para nada a súa política neoliberal". En todo caso, é unha cuestión que merece unha resposta máis longa cá dúas liñas nunha entrevista que lle deixaron no País. Convidámoste a que llo plantexes ao Martiño o 15 de setembro en Monforte. Unha aperta!

    ResponderEliminar