* Xosé Manuel Beiras fala sobre as mobilizacións de maio de 2011, 22 – 5 - 2011 (transcrición a partir da canle teleirmandinha no Youtube).
“Eu coido que o panfleto – que é autenticamente un panfleto, no sentido propio, histórico da palabra, non un libelo – de Hessel acerta nunha cuestión: hai unha relación absolutamente biunívoca entre a indignación e a dignidade. Eu comprendo perfectamente, por min mesmo, pola miña propia experiencia, que o estado actual de cousas, no plano social, cultural e no plano político estricto suscite indignación. E mais dunha vez, incluso en debates no Parlamento de Galiza no tempo de Fraga, eu teño dito dende a tribuna de oradores – como a min se me acusaba a veces de alporizarme – que eu me indignaba porque tiña dignidade, e que só se indigna quen ten dignidade e que a exerce.
E nós temos predicado, como BNG nos tempos, nos tempos de apoxeo, nos tempos en que o nacionalismo galego volveu convertirse nun referente que tiña unha impronta de hexemonía, porque levaba a iniciativa ideolóxico-política e a referencia dunha forza política atípica, non convencional, polo tanto unha forza política que non estaba contaminada, recordo perfectamente que nós lles diciamos aos cidadáns que cumpría exercer non só a liberdade se non exercer a dignidade. Polo tanto, a min o que me indiga, e coido que é o mesmo que indigna a toda esta cidadanía que finalmente se mobiliza deste xeito – non son só mozos, aínda que si maioritariamente –, é a situación na que estamos, o que Boaventura de Sousa Santos chamou o fascismo financeiro. Estamos ante unha metamorfose do fascismo. Non é igual á maneira en que agora se caracteriza que os fascismo históricos clásicos dos anos 20s e 30s porque non é o mesmo a sociedade, porque non é o mesmo a función do estado, porque non son os mesmos os mecanismos de exercicio e montaxe do totalitarismo, pero é unha forma de fascismo e ese significa unha opresión en todas as dimensións da palabra e a indignación é un primeiro paso. Confío en que esa indignación desemboque en revolta, en rebelión.
Non abonda con indignarse, porque a indignación non abonda con sentila, cómpre practicala, cómpre expresala. E a indignación ante un estado de cousas debe suscitar a vontade de mudalas. Polo tanto, para mudar esas cousas, cando hai opresión, cando están atuídas as canles democráticas, no sentido propio para exercer o poder político os cidadáns, para mudar as cousas, para que os gobernantes respondan ao fideicomiso para o que son elixidos, pois entón (a indignación) ten que transformarse en rebelión, en revolta.
Nestes últimos anos adoito dicir que eu son un predicador da rebelión cívica. Efectivamente ao que estamos asistindo é a unha rebelión cívica. É curioso que esa rebelión cívica, ademais, agora que xurde no ámbito do Estado Español, leva as pautas do que xurdiu no Magreb, no Mundo Árabe, fundamentalmente en Túnez e en Exipto, o cal concorda con que a dinámica está no Sul, e que agora Europa vai a remolque do Sul. E tamén unha cousa significativa, que, por exemplo, en Grecia, un pobo que leva en loita máis dun ano, aí son as loitas a través das fórmulas clásicas e das organizacións clásicas que están vivas – organizacións sindicais, de clase… - pero, en cambio, aquí, como non funcionan esas, non houbo unha operatividade da rede de artellamento da sociedade chamada civil, dos movementos chamados sociais, dos movementos sindicais, e tampouco das forzas políticas, nin sequera das chamadas da esquerda extraparlamentaria, e entón xurde a rebelión como rebelión cívica máis do estilo da de Túnez e da de Exipto onde se considera o centro do sistema. Pero non abonda con iso, nin siquera abonda que a indignación se transforme en rebelión. Cómpre que a rebelión se oriente cuns nortes que permitan efectivamente levar a cabo a transformación en positivo da sociedade, pero unha transformación que ten que ser radical.
Nas conversas de xente máis concienciada, con máis visión dos problemas, os comentarios eran de cómo si a cidadanía estivese nunha situación de pasotismo, que a cidadanía en xeral, e a mocidade moi en especial, dado que a mocedade sempre se considerou un motor da dinámica social de rebeldía, que estaba como anestesiada, que pasaba de todo, que estaba moi acomodada, que non tiña capacidade de reacción, etc. Algúns dicíamos que non é así, que a cidadanía o que estaba era desactivada e que faltaban os mecanismos de artellamento que permitisen que se activase, que a cidadanía estaba moi incómoda, nuns casos, ou moi indignada no fondo, moi traumatizada polo que estaba pasando, porque a crise en todas as súas dimensións, esa crise da que os culpables son moi claros, son os grandes poderes financeiros, etc, a nivel internacional, e logo os seus secuaces, que son os habitantes ou os inquilinos das institucións políticas que, no canto de responder ás demandas da cidadanía se pregan a esas consignas deses poderes que están fóra da instancia política, pois ese sentimento da xente non atopaba mecanismos para dar resposta nin había os resortes que desencadearan o proceso. Pero, eu teño dito máis dunha vez que había síntomas e que a actitude dos poderes, políticos, para empezar, era tan insensata coma se nun territorio volcánico non se fixese caso das fumaceiras e as fumarolas que anuncian que pode haber unha erupción. Ao non facérselle caso resulta que hai erupción e colle por sorpresa. Pero, recordade que cando foi o de Túnez e o de Exipto, aínda recentemente, parecía que fora espontáneo, incluso colleu desprevenidas, non só ás axencias internacionais coma á CIA ou ao MOSAD israelita, senón ás propias forzas políticas contestatarias dos reximes dictatoriais deses países. E, entre outras cousas, en Europa moito máis porque co que non se contaba era co proceso que houbera antes, por exemplo, en Exipto, de folgas, de mobilizacións moi fortes, dende mediados dos anos 90. Entón, aquí, se non se presta atención a iso, parece que foi coma un espontaneísmo, de xeración espontánea. Non, aquí houbo un momento en que, utilizando resortes, coma os dos medios de comunicación da informática, se desencadeou o proceso, pero non había pasotismo, a proba é esta.
A Constitución do 78, a amañada na Transición, na chamada Reforma Política – como eu dicía en tempos, a reforma do irreformable, porque se pode reformar un rexime democrático para milloralo, pero non se pode reformar un rexime fascista coma o Franquismo, tería que ser unha ruptura -, esa Constitución sempre marcou unha democracia relativamente secuestrada, porque foi o produto dunha parte das bases do Franquismo. Pero, dende hai uns anos, sobre todo dende o Aznarismo, dende que, como dixera José Luis Sampedro, España fora convertida nun Aznarato, sobre todo dende ese periodo, o proceso político, o réxime entrou nun proceso de descomposición. Hoxe, a Constitución non está vixente, e eso acaba por percibilo a xente. Entón, hai estados de excepción fragmentarios, fragméntase o Estado de Dereito, o Estado Social de Dereito é inexistente, a Economía Social de Mercado non existe, é Capitalismo puro e duro, é Ultraliberalismo, etc. E, ademais, sobre todo, pervertiuse o funcionamento da Democracia Representativa. Cando a xente di: “todos os políticos son iguais”, “prometen cousas e logo non as cumplen”… Eso significa que a Democracia Representativa deixou de funcionar. Por outra banda, a Democracia Participativa, que é a base nutricia da Representativa, brila pola súa absoluta ausencia. Cando iso alcanza determinado estadio a xente acaba por percibilo e, polo tanto, é certo que hoxe non existe democracia, nin sequera democracia formal. Cando acontecen cousas como que un Tribunal Supremo de Xustiza faga unha sentencia sobre Bildu absolutamente anticonstitucional estase cargando as bases constitucionais mesmo da democracia formal. A xente percíbeo e, sobre todo, os resortes formalmente democráticos, para que lles sirven? Sírvenlles para loitar contra o paro? Sírvenlles para defenderse da destrución medioambiental? Sírvenlles para que o sistema fiscal se convirta nun sistema que redistribúe cara arriba en vez de cara abaixo? Sírvelles para que a mocedade, en vez de estar con índices de paro do cuarenta e tantos por cento, teña simplemente un paro friccional? Para que lles vale? Sírvelles para evitar que se privaticen encubertamente, descaradamente, servizos públicos, que se desmantele o Estado do Benestar? Non sirve para iso, polo tanto, non hai democracia. Acertan de cheo cando din que non hai democracia. O importante é que chegaron a descubrir eso e, no momento en que sectores importantes da cidadanía descubren eso, entón eso é unha bomba de reloxería, é imparable, a non ser que se reprima polos métodos máis brutais que poda haber, por todo tipo de métodos.
Este movemento non pode conter programas partidarios porque é un movemento cívico, é un movemento dunha gran diversidade na súa composición. O que si contén son – e parece que iso se fai explícito en mensaxes, en afirmacións enunciadas por portavoces, pola xente que entrevistan – algunhas cousas claras. Polo tanto, hai un eixo, primeiro, de diagnose da patoloxía primordial do sistema. Segundo: unha denuncia de que esa patoloxía hai que atallala e, polo tanto, por exemplo, acabar coa hexemonía do poder financeiro, restablecer as liberdades de verdade, etc. Eso é un programa de reivindicacións, non é un programa político electoral, e menos aínda partidario, porque logo iso é susceptible de moitas lecturas. O importante é que este movemento de rebelión cívica vaia cobrando por autoorganización e por decantación unha orientación ideolóxico-política sobre as bases das reivindicacións claves e das denuncias claves que formulan eles mesmos e, polo tanto, que se convirta nun movemento proxectado na instancia política e un movemento, en rigor, antisistémico. Eles din con moita gracia que eles non son antisistema, que o sistema é anti-eles, que o sistema é anti-nós. Aí acertan plenamente: é o sistema o que está operando contra os cidadáns, reconvertíndoos en súbditos. Entón, os súbditos rebélanse, como se rebelaron no s. XVIII en Europa, e din “nós queremos ser cidadáns e queremos ser os titulares do poder político e ter, polo tanto, a capacidade de decisión”. E aí hai que facer a formulación dun programa político, un programa revolucionario para transformar a sociedade e restablecer a democracia, unha cousa que Emir Sader dicía: “é necesaria a Democracia Radical”, e Democracia Radical significa eso, restablecer que a democracia se practica de abaixo para arriba, moi horizontalmente, e que os principios de liberdade, igualdade, fraternidade e de democracia horizontal funcionan e que, sobre esa base, a cidadanía formula iniciativas políticas. E logo haberá xa as diferenciacións porque os grupos sociais non son iguais pero terán uns denominadores comúns, que son a base dun programa común, como, por exemplo, nunha formulación frontista, como o nacionalismo galego nos anos 80s e 90s, unha fronte cun programa común que é revolucionario no fondo, con unhas formulacións logo que son lecturas distintas de distintas ópticas sociais, ideolóxicas, culturais… dese programa común pero que, en definitiva, no eixo fundamental, tenden a cambiar a sociedade, polo tanto, un movemento emancipador. No nacionalismo galego é a emancipación nacional e emancipación social, e esto é emancipación cívica e emancipación social e transformación do sistema, incluído aquello que é moi grave e que está incorporado na visión deste movemento que é a destrución dos ecosistemas do Planeta e, polo tanto, da viabilidade da Biosfera e da Humanidade dentro do Planeta como tal.
Os partidos existentes van intentar nutrirse desto: utilizalo, reconducilo para as súas comenencias. Pero, na medida en que esto logre ter continuidade, que non sexa unha burbulla, e que vaia convertíndose nun movemento cívico-político transformador en profundidade, eu estou convencido de que os partidos hoxe non serán capaces de vehiculizar eso, porque esto vólveme a unha diagnose miña de hai certo tempo en relación cos movementos antisistémicos e altermundistas no Planeta: hoxe, a Humanidade, os sectores, cada vez meirandes, conscientes de cidadanía activa, os de abaixo, teñen moi claro o que non serve, teñen moi claro contra qué están, e teñen moi claro que este aparato político, superestrutura política, os aparatos de estado, aínda vixentes, que naceron no modelo europeo de hai 250 anos, que está obsoleta. O que falta é que se elabore o novo deseño de aparato político do estado democrático, e ese é un proceso longo, e eu coido que estes movementos van por aí, e que se incardinan nun movemento a nivel mundial, nas redes de movementos sociais, e que lles falta a construción do novo deseño de estrutura de institucións políticas que garantan que sexan democráticas. Eso é o que está en proceso de constitución. Dificilmente o poderán facer os partidos existentes, a non ser que se reconvirtan e se rexeneren de tal maneira que deixen de ser o tipo de organización que foron ata o de agora.
Sem comentários:
Enviar um comentário