Nesta semana de folganza - non para tod@s, infelizmente - seguimos a recopilar reflexións sobre a cada vez máis grande concentración da riqueza en poucas mans, definida nun artigo de Mike Whitney en termos de loita de clases, coa inquietante pregunta: adiviñan quen vai gañando?, onde se analizan os desastrosos efectos da inflación para a clase traballadora:
"... os gastos dos consumidores baixaron, xa que a comida e a enerxía restan unha porción maior dos seus salarios. Despois de tomar en conta a inflación, o consumo persoal aumentou só 3%, mentres que o ingreso real caeu a 1%."
"Bernanke (presidente da Reserva Federal dos USA) di que non debemos preocuparnos polos altos prezos, porque a inflación subxacente aínda é baixa (preto de 1%). Iso é fácil de dicir para alguén que xamais encheu un tanque de gasolina na súa vida, pero para todos os demais a inflación é un asasino que obriga a recortar gastos ou a contraer máis débeda."
"... os gaños provintes da produtividade laboral irán parar aos petos dos executivos..."
" Preto de 40% do gasto dos consumidores (nos USA) é xerado polo quinto de fogares máis ricos."
Pregúntase o autor se eses que acumulan a riqueza a están a reinvertir en dinamizar a economía estadounidense. Pois non: "Están a intercambiar bens de papel entre eles para estafar ao mercado e así poder deixar aos seus fillos malcriados mil millóns de dólares máis antes de morrer. "
Por todas as partes os beneficios dos inversores aumentan mentras diminúen as rendas e dereitos da clase traballadora, como vimos a semana pasada co recurte de persoal proposto por Telefónica mentras obtén ganancias de miles de millóns de euros ou no reparto de 2.200 millóns de euros entre os accionistas dos máis potentes bancos españois. O que sucede é case pornográfico, por evidente roubo á xente traballadora:
" Cando a recesión golpeou, os negocios despediron a millóns de traballadores, esixindo ao resto que cubrise co seu traballo a diferenza: o que, en moitos casos, fixeron. A produtividade aumentou un 3,9% en 2010, mentres caían os custos laborais"
O mozo irmandiño Antom Fente analiza esta situación de crise para os de abaixo e o Estado ao servizo dos ricazos no artigo titulado elocuentemente "O nacional-socialismo dos ricos".
"No Reino de Espanha a metade dos dez milhons de pobres existentes já nem sequera podem mercar menzinhas ou outros tratamentos (53.000 famílias) e quatro de cada dez pessoas com um ordenado anual inferior a 8.000 euros passou fame na última década. Sessenta mil menores de idade passárom fame frequentemente porque nom podem cear nunca e nem sempre tenhem garantida umha refeiçom diária. Um terço destes milhons vivem em menos de quinze metros quadrados (34.000 famílias)."
"O socialismo dos ricaços só fai inçar e inçar cada vez mais a expropriaçom da maioria com a que socializam as suas perdas e com a que partilham cada vez menos dos seus ganhos ao tomarem por assalto os estados para que apliquem políticas fiscais laxas e regressivas."
"No Estado espanhol acarom dos dez milhons de pobres estám as fortunas do Ibex que cobram 1.300 milhons só em dividendos, 14% mais a respeito do exercício anterior".
Os paraísos fiscais, onde eses que concentran a riqueza poden eludir impostos, son analizados por David Runciman neste artigo. A mobilidade de capitais e unhas reflexións históricas sobre a moeda internacional son analizadas por Luis Gonzaga aquí.
E sobre o FMI, instrumento de aplicación das políticas que benefician aos grandes capitais, Francisco Louça advirte aquí que aplicar as medidas do FMI en Portugal "contribui para a recessão e conseguirá a bancarrota".
Susan George, fundadora de ATTAC e autora do Informe Lugano, analiza a crise en curso nunha entrevista tirada da revista Andalucía Solidaria, afirmando que " a elite econômica mundial reunida no Fórum de Davos é o principal ator da crise econômica e financeira".
Como solucións, Susan George propón "socializar os bancos", poñer as finanzas a servizo da biosfera e da sociedade, e non ao contrario, informar ás persoas de como estamos a ser explotadas e establecer "alianças para se defender as consequências do modelo atual".
En canto ás alternativas ao capitalismo, seguimos mirando a Islandia coma unha esperanza, con artigos de Michael Hudson e Paul Krugman: aquí e aquí.
A inxusta distribución da riqueza e a hexemonía do discurso ultraliberal está na base do ascenso da ultradereita en Finlandia ou da Frente Nacional en Francia, mais no Estado español non andamos exentos da ameaza da "vella farsa tráxica", como nos advirte Beiras no seu artigo dominical no Galicia Hoxe.
"O pacto constitucional está rompido por obra dos mesmos actores que foran os seus artífices hai un terzo de século, a soberanía "nacional" cedida á UE e o FMI, os inquilinos do aparello de estado manexados coma monecos de ventrílocuo polo poder imperial e os seus missi dominici, o poder xudicial a facer "mangas e capirotes" dos dereitos cidadáns á marxe de calquer control democrático, a xerarquía católica reinstalada no sectarismo inquisitorial da "cruzada", e o capital financeiro transnacional convirtido en bailleur de fonds dunha metamorfose do nazi-fascismo encarnado nunha ultradereita reacionária e xenófoba disfrazada de popular: a farsa tráxica está servida no "corral nublado" de Max Estrella."
Recuperamos unha ollada sobre Chernóbyl, á luz do accidente nuclear en Xapón, e un artigo que analisa a entrada de China nas enerxías "verdes" entendidas coma negocio.
“Já representa 50% dos investimentos mundiais totais em energia eólica, e lidera o mundo em investimentos e desenvolvimento em energia solar”.
Convén previrse do "capitalismo verde", tomando, por exemplo, leccións da dexeneración política dos verdes alemáns.
En canto ao "mundo árabe", cómpre lembra que Estados Unidos mantén silencio sobre a represión en Bahrein mentras tamén cala o xornalismo pro-sistema, mentras Ignacio Ramonet ve na blogosfera e redes sociais a esperanza dun novo xornalismo crítico.
Dende a Galiza, dúas reflexións que atinxen aos servizos públicos, ameazados pola onda privatizadora: Manoel Santos, en "Recuperar e reconceptualizar o público", e, no eido da educación, a limitación de prazas no máster de profesorado no sistema público galego. Tamén na Galiza coñecimos os datos do paro na mocidade.
Para rematar a semana, unha reflexión de Lupe Ces sobre a Lei de familia da Galiza, en relación coa constitución húngara, analizada esta neste outro artigo.
Boa semana!
25 de abril, sempre!
Sem comentários:
Enviar um comentário