19/02/11

O EI e a mocidade galega (II): resolucións da IIIª Asemblea Nacional sobre a mocidade.


A mocidade do Encontro Irmandiño está plenamente integrada no proceso de reflexión que é a III Asemblea Nacional do EI e vai estalo na construción dun novo referente político para este país, xa que mozos e mozas participamos activamente no Encontro Irmandiño en pé de igualdade co resto de irmáns e irmás, en coherencia co principio da fraternidade.

Con todo, somos conscientes que hai problemáticas específicas nas que a mocidade precisa de espazos propios e de que habemos de fomentar a participación activa da mocidade no proxecto de emancipación nacional e social da Galiza.

Así, no inmediato, o Encontro Irmandiño desenvolverá, a través do grupo de traballo de Mocidade, as seguintes liñas de actuación:

* Fronte á hexemonía do pensamento único, tamén entre a mocidade, fronte á brutal españolización da sociedade galega e á perda de galego-falantes, desenvolveremos espazos de formación e canles de comunicación alternativas.

* Fronte á alta taxa de desemprego da mocidade galega e á migración de mozos e mozas, que topa en fronte a inacción da Xunta de Galicia des-gobernada polo PP, e as medidas sociais regresivas do goberno español, elaboraremos unha proposta de plan de emprego xuvenil para Galiza e de desenvolvemento dos sectores produtivos do país, enmarcados no novo modelo social e económico que queremos, que posibilite a soberanía alimentar e o traballo digno de mozos e mozas galegas na propia terra.

* Fronte á mercantilización do ensino que supón o Plano Boloña, fronte ao recurte de fondos para a investigación, fronte á chamada Lei de Convivencia da Comunidade Educativa, que prima os criterios represivos sobre os pedagóxicos e tenta reforzar o ataque ao galego no ensino, oporémonos firmemente na rúa, apoiaremos e impulsaremos iniciativas populares de formación alternativas e faremos propostas para un modelo educativo equitativo que busque a formación plena da persoa.

* Fronte ao patriarcado e á reprodución de roles machistas entre a mocidade, as mozas irmandiñas – e tamén os mozos – abriremos espazos de reflexión sobre o(s) feminismo(s), buscando a colaboración co feminismo activo na Galiza.

* Fronte á perda da biodiversidade e ao esgotamento dos recursos naturais nos que se basa a doutrina do crecemento ilimitado, trataremos de concienciar á xente moza da crise ecolóxica, a través da divulgación e a organización de encontros sobre a cuestión, entendéndoa como tema transversal que ha de estar presente en toda a nosa práctica política. 

Todo o traballo político do grupo de traballo de Mocidade quedará supeditado ás reflexións xurdidas da elaboración dunha diagnose da situación socioeconómica da mocidade galega.

Sem comentários:

Enviar um comentário