01/12/10

Orfandade política (I).

* Raúl Asegurado Pérez.

Artigo tirado de aqui.


Hai pouco escoitei falar da orfandade política, e da necesidade de asimilala para poder construír alén dela, alén da perda, alén da dor. Foi en boca dunha muller, como non podía ser doutra maneira, para describir metaforicamente unha situación dramática e complexa dunha forma tan esclarecedora e sinxela.
Comecei a reflexionar sobre isto, e penso que hai dúas formas de entender o concepto de orfandade política, un referido á clase política e outro referido á organización política, un e outro fan referencia ao suxeito político; e un e outro ben determinado polo capital social, entendéndoo como a confianza en sentido horizontal (entre a sociedade civil) e vertical, coas institucións públicas. A orfandade por parte da sociedade civil fronte á clase política determínase con dúas variábeis, a confianza que a cidadanía ten nesta clase así como nunha confluencia hexemónica do sentir que ela comparte respeito das acións desta.
Eis neste aspecto onde non hai moita diferenciación respeito das diversas opcións políticas que existen no país, o PSdeG, o PP e o BNG coas súas accións de gobernanza estiveron todos no mesmo rol de exercitar un poder desde e para arriba, sen criar ningún espazo de apertura nas súas decisións, non hai unha opción política que goberne obedecendo ou que cree canles participativos.
Orfandade respeito da clase política xa que hai unha homoxenización cada vez maior dos papeis representados, na construción do discurso da acción política dos partidos galegos, e isto é algo recente. O BNG tivo unha percepción por parte dos cidadáns dalgo “diferente”, sobre todo nas formas, que permitiron crear un discurso social distinto, hoxe, o camiño levado polo BNG de converterse nun partido clásico (contracorrente dos sectores máis avanzados no ideario da esquerda de todo o planeta) xustifica un dos elementos da nacente orfandade política que vive o país. Mais iso non é todo. Outro elemento central é o esclarecemento dos centros de decisión do poder. A crise actual evidenciou por enésima vez, que os centros do poder político residen nas grandes corporacións, fundamentalmente nas financeiras, e non nos partidos clásicos. As axendas políticas estiveron marcadas non polos idearios nin polas prácticas de goberno ideolóxicas de cada quen senón polas simples necesidades económicas dos bancos e das caixas deste país. Os valores do desenvolemento, da creación de riqueza, dos reaxustes laborais, etc…, responderon evidentemente ás directrices financeiras e nada tiveron que ver as ideoloxías políticas. Hoxe a esquerda política que non sexa capaz de nin sequera mencionar a necesidade de decrecer, distribuír e limitar a riqueza, rachar coa lóxica que nos trouxo a esta realidade socioeconómica, non é unha esquerda política, é unha esquerda de discurso feble e sen liderazgo social. A confluencia das Caixas e o beneplácito unánime do Parlamento galego, non fai máis que subliñar o apuntado. O capital non ten patria, non existe o capital galego se non existe unha política nacional que conflúa nun discurso propio, salvo dentro da lóxica ultraliberal de seren colonias-nacións do capitalismo actual. É dicir, en positivo, só cabe un atisbo de construír unha política nacional se ela determina o capital por e para unha cidadanía galega, e antepón a súa realidade (a da sociedade civil) para que o capital producido sexa ferramenta de uso por e para todas e todos.
A orfandade entendida referente á organización política ten senso na capacidade ou incapacidade desta de vehiculizar a participación cidadá na súa toma de decisións, e nun discurso feble, nos seus propios militantes. A retirada do asemblearismo no seo do BNG é unha nova evidencia do camiño tomado: 1. Para se converter nun partido de corte clásico que permita a acción nas institucións sen distorsionalas. 2. A potenciación da profesionalización da política, a creación no seu seo da “clase política” e 3. En determinar internamente os papeis, afundindo calquera intención de forzar á clase política a tomar decisión que non están nos estándares pactados pola esfera económica-política. A militancia deixa de ser o “lazarillo colectivo” que guía a súa clase política para ser o elemento que ten que defender o que a clase política determina coa súa acción.
A orfandade política, ten que ser asimilada polo suxeito político para proxectar como, ou ben, vivir sen tutelas da clase política ou para construir un novo fogar onde a maioría de idade, a lei civil non supeditada á lei familie, para poder nas instancias públicas levar un discurso distinto, un contradiscurso político que sen medos hexemonice unha espranza social que hoxe está orfa. E só orfa no entendemento da confianza cos axentes políticos, non na construción social.

Sem comentários:

Enviar um comentário