14/01/12

Unha fronte ampla a prol da refundación.

A celebración das Asembleas Comarcais do BNG, marcan o inicio da fase de debate dos documentos presentados nesta ocasión. Diante desta etapa, que debe concluír coa celebración do Plenario da Asemblea Nacional, queremos dirixirnos a todos e todas os/as afiliados/as do E.I e do BNG para informar e declarar:

1.- Para o E.I, como temos explicado dende hai moito tempo, e como seguimos explicando en todos os actos que estamos celebrando en todo o país, a próxima Asemblea Nacional do BNG, é a oportunidade de iniciar un proceso de refundación e rexeneración do BNG, que permita convertelo no suxeito da acción política ao servizo do pobo galego, nunha organización útil e democrática que permita convertelo no referente político que represente á inmensa maioría da sociedade galega que o precisa con urxencia.
Malia as trabas que o “aparato do BNG” pon á participación, o BNG está nas mans dos milleiros de afiliadas e afiliados que o compoñemos e que de novo podemos participar directamente sen prestar a nosa representación a ningún delegado.
Polo tanto, a próxima Asemblea Nacional, é derradeira oportunidade de iniciar un proceso de rexeneración do BNG que, sen dúbida, será prolongado no tempo, mais profundamente necesario para o BNG e para Galiza.

2.- O Encontro Irmandiño sabe que para lograr o ambicioso obxectivo que pretendemos, é necesario construír unha grande alianza, unha ampla fronte plural de consenso interno do que só ficará excluído quen así o queira, de organizacións e afiliados e afiliadas individuais do BNG que, coma nós, partillen as ideas de renovación, refundación e rexeneración do BNG.
Facemos un chamado a concertar as bases para esa fórmula que estamos seguros será exitosa na Asemblea Nacional. Hai tempo e forza sobrada para iso se as vontades expresadas se materializan.
Temos que expresar o noso optimismo pois, a modo máis de xeito constante, prodúcense adhesións de colectivos e sobre todo de persoas independentes convencidas da necesidade da confluencia nesta fórmula.

3.- Neste sentido, comunicamos que seguiremos a traballar para conseguir o máximo de unidade arredor destes obxectivos, co máximo de xenerosidade e supeditando calquera interese de parte ao interese xeral do BNG e de Galiza. E so esixiremos o mesmo.

4.- Diante da celebración nestes días das Asembleas Comarcais do BNG, facemos un chamamento á participación de todos e todas os/as afiliados/as do BNG. O BNG debe recuperar a súa capacidade de debate e entendemento ao marxe das ambicións persoais ou de grupo. Ademais, animamos aos afiliados e afiliadas do E.I, a asistir e defender o voto particular a presentado polo noso partido, convencidos de que nel reflíctense os elementos estruturais básicos que poderíamos aceptar todos e todas e que permitirían a refundación e rexeneración do BNG.

Sem comentários:

Enviar um comentário