A mal chamada crise, despois duns meses iniciais de dúbidas nos que se valorou a posibilidade de introducir trocos conceptuais resucitando a John Keynes, falando das aduanas á economía financeira e especulativa, retomando a progresividade fiscal, resucitando a economía produtiva, decidiu empregar como tratamento de solución aos seus problemas os mesmos remedios que causaran a enfermidade. A saber, máis neoliberalismo, máis pensamento único, menos Estado do benestar, máis medo, máis mercados, ou resumindo, como pedía Groucho na película dos irmáns Marx no Oeste, “máis madeira”.
Preguntámonos dende entón, indignados e preocupados, onde está o encargado de todo isto, sen saber que, curiosamente, a responsabilidade de funcionamento do sistema está colectivizado nas grandes corporacións globalizadas e nos centros neurálxicos dos mercados financeiros, que operan sen a oposición dun poder político atomizado e empregan para convencer o pensamento único alimentado polos media e os creadores de opinión; ou por resumir, que o encargado de todo isto non está nin se agarda.
Os que si están son os mandados, os convencidos, os fontaneiros e os executores, que nos últimos tempos e aproveitando o vento a favor deste pechado por derruba, din e fan todo aquilo que hai uns anos non se atreverían a dicir nin a facer, por non resultar por aquel entón politicamente correcto. Empregando a Sigmund Freud poderiamos estar a falar da vitoria do subconsciente neoliberal, que unha vez eliminada a autocensura, emerxe cun sorriso enchido de razón. Vivimos logo, tempos neste senso de barra libre.
Mandados hai moitos, uns dinse obrigados e outros actúan convencidos, pero a fórmula sempre é a mesma. O mundo que coñecemos é insostíbel, as conquistas sociais e laborais saen moi caras e toca, nestes tempos, invocar a austeridade para rematar dun xeito transversal cun elemento corrector das desigualdades como é o Estado do benestar. Para iso, os mandados precarizan o mercado laboral e os dereitos dos traballadores, poñen en cuestión a multiculturalidade, rematan coa pluralidade informativa, alimentan a xenofobia, estigmatizan os traballadores públicos, critican o custo excesivo de servizos básicos e adoptan medidas progresivas de recortes nestes campos. Con eles corremos o risco de que sexan quen, co tempo e os medios precisos, de convencernos de que cómpre privatizar a nosa dignidade.
Todos coñecemos algún mandado ou alumno avantaxado. En Galiza levamos máis de dous anos aprendendo dun. Chegou antes e comezou antes e iso nótaselle porque xa ten o camiño rozado a man e non ten que entrar coas máquinas. Podou as ferramentas galegas para o benestar, privatizou de xeito pasivo a sanidade aumentando as listaxes de agarda e obrigando a xente, por cuestións de saúde, a emigrar á medicina privada, estigmatizou os ensinantes deixando na rúa a moitos interinos e está a rematar coa pluralidade informativa e a presenza do galego na meirande parte dos medios de comunicación. Para que logo digan que non fai nada.
Que acontece no campo da soberanía e a esquerda real? Nese campo xa fixemos a diagnose coma moitos, sabemos da enfermidade colectiva, da irresponsabilidade dos responsábeis, da hipocrisía dos que nos gobernan, das leis de mercado, da oferta e da demanda que tan só afecta ao que lles molesta. Precisamos logo de tratamentos, de esforzo colectivo, de propostas concretas que invistan sen dogmas no común denominador dos agredidos. Cómpre inaugurar colectivamente e sen tutelas o tempo da acción. Moitos e moitas empezamos a estar moi cansos desta concentración parcelaria da desvergoña dalgúns que semella non ter fin. Cómpre dicirlles dunha vez que non todo está en cuestión.
Sem comentários:
Enviar um comentário