26/06/11

Reclamemos o imposíbel

Xosé Manuel Beiras en Galicia Hoxe
Imaxe do blogue Bem invitados (aquí).

"... os cidadáns indignados ousan "reclamar o imposíbel", escandalizando aos domesticados ben-pensantes que asumen como imposíbel todo o que o sistema declara prohibido -ou sexa, calquera forma de auténtico exercicio da liberdade. Poisque cómpre reclamarmos o imposíbel: só é "utópico" aquilo que non se loita por acadar."

Con este sistema imos de cu" -bradaban insistentemente os manifestantes "indignados" nas rúas de Compostela o pasado domingo, 19 de xuño, ao tempo que dabamos todos media volta para proseguirmos a marcha camiñándomos de costas. De tódalas consignas coreadas en tan multitudinaria e festeira "manifa", foi esa se cadra a que máis me chamou a atención -e hóubovos abondo delas ben imaxinativas e bulreiras, insólitas e retranqueiras. Mais esa, que de primeiras me resultara xa coñecida, chamoume logo a atención ao reparar nunha mutación particularmente significativa da que eu recordaba ter escoitado noutras ocasións anteriores. Veredes. O enunciado que me resultaba familiar era: "Con este goberno imos de cu". En troques, o que se coreaba nesta ocasión dicía: "Con este sistema imos de cu".
A mudanza dunha soa palabra, sustituída por outra semanticamente emparentada con ela, podía pasar desapercibida de primeiras na escoita do conxunto da frase, mais implicaba unha metamorfose completa da mensaxe contida na consigna. Até de agora, as protestas cívicas das xentes agredidas por decisións políticas adoitaban interpelar ou increpar a quen tomaran esas decisións, ou sexa, aos governantes: responsabilizábase así dos problemas aos ocupantes ou inquilinos de turno das institucións do poder político. Val dicir que non se cuestionaba, explicitamente cando menos, o sistema, senón a súa xestión. A protesta dos "indignados" pega un brinco revelador na identificación do responsábel: o que non val é o sistema, sexa quen for o seu xestor, é dicir, sexa cal for o governo e a cor da súa epiderme ideolóxico-política.
Reparade ben na enorme relevancia siñificativa que encerra ese desprazamento do punto de mira, esa elevación do ángulo de tiro das invectivas guindadas por esa cidadanía en acción. Os cidadáns indignados non din aquilo de que "tódolos políticos son iguais", senón que tacitamente afirman que "tódolos governos (actualmente no poder) executan as mesmas políticas": as que dicta o "sistema" (actualmente vixente). E, consecuentemente, denuncian ao sistema mesmo como auténtico responsábel/culpábel das agresións que esas políticas consuman contra o común da cidadanía, é dicir, contra a cidadanía no seu conxunto -excluídos, claro está, os minoritarios segmentos oligárquicos que concentran a riqueza e o poder de decisión á marxe de calquer caste de control político democrático. Os integrantes da caste política -membros de governos e cámaras lexislativas- pasan así a ser simples cómplices ou meros executores das falcatruadas decididas en centros de poder do sistema situados fóra do edificio político-institucional: eses centros de poder son os autores dos crimes de lesa democracia; os "políticos" son os seus obedientes executores. "Non nos representades" -bérranlles os cidadáns. Claro que non os representan. A "democracia representativa" tornouse un contrasentido: os "representantes electos" dos cidadáns pasaron a executar as ordes de centros de poder non electos pola cidadanía en forma de políticas dirixidas contra os dereitos e intereses máis fundamentais dos cidadáns supostamente representados. O mandato representativo invertíuse, e a democracia representativa transformouse na sua antítese: a oligarquía. Máis especificamente aínda: un rexime oligárquico protagonizado pola plutocracia financeira, que os cidadáns indignados desenmascaran e denuncian -inclusive nos seus proprios tabernáculos, como ven de acontecer na xunta de accionistas do "Santander". Ao cabo, os cidadáns descubriron que o "sistema" é un ventrílocuo, e os "governos" os seus monecos. Daquela, de pouco val botar ao lixo o moneco se non amordazas e maniatas ao ventrílocuo -pra que nin poida dar ordes nin fabricar outro moneco sustitutorio do desbotado.
Ora, esa mutación no alvo das denuncias cidadás encerra aínda outra moi relevante siñificación máis. Quero dicir que ao apuntar ao "sistema", no canto do(s) "governo(s)", cómpre reparar en que non se refire só ao sistema político, senón ao sistema no seu conxunto -cousa que abrangue a base económica, a estrutura social, as formas e hábitos culturais estabrecidos, a ideoloxía dominante e, madia leva, tamén o marco xurídico-político. Dito noutros termos -no léxico do pensamento da esquerda nas ciencias sociais- é a "formación social" na súa totalidade o que está en cuestión, abranguida nas tres esferas ou instancias que a integran e artellan por dentro -económica, ideolóxica e xurídico-política. Inda máis: en rigor é o modelo de sistema o que os "indignados" poñen na picota ou, se queredes, o modelo de sociedade en tódalas suas dimensións cardinais. Nesta perspectiva, resulta ser unha resposta á crise sistémica actual -ou, se preferides, ás manifestacións máis evidentes e agresivas desa crise- e portanto constitúe, no seu cerne, un movemento anti-sistémico, só que en xestación, aínda non decantado, artellado ou "sistematizado" á súa vez na formulación dunha alternativa... sistémica. Velaí ao meu ver as fontes do seu potencial e da sua indefinición: só o proceso mesmo dará a resposta ás esperanzas e os interrogantes que suscita.
O movemento dos cidadáns indignados -de certo primordialmente mocedade indignada, por fortuna, benvida sexa- é como unha erupción volcánica. Lembraredes, os que teñades a paciencia de lerme, que hai xa certo tempo denunciaba eu nestas mesmas páxinas a irresponsabilidade dos poderes políticos que non prestaban atención aos síntomas, a cada pouco máis perceptíbeis, dunha nova efervescencia nos segmentos máis conscientes da cidadanía, e puña o símil de quen, nun territorio volcánico, facía caso omiso das fumaceiras que anunciaban unha posíbel erupción. Pois velaeiquí. Ora, unha eclosión así é natural que teña moitos ingredientes de "espontaneísmo", e que o espectro interno da masa cidadá que irrompe no espazo público sexa moi heteroxéneo. Esa súa índole e ese seu feitío póñense de manifesto nos contidos das propostas "programáticas" -diría eu- ou "propostas de medidas" -din os protagonistas- aprobadas nas asembleas dos "indignados" celebradas en simbólicas prazas das diversas cidades da Penínsua, e que circulan en internet. Eu escoitei presencialmente as enunciadas polos portavoces do movemento na Praza do Obradoiro, ao remate da manifestación do dia 19. Resulta evidente que se mesturan propostas que atinxen ao miolo do sistema -anti-sistémicas, portanto- con outras que só implican reformas no seu funcionamento -nun abano que percorre eidos temáticos tan diversos coma os privilexios da "clase política", o desemprego, o dereito á vivenda, o control da banca, os servizos públicos, as liberdades cívicas, a democracia participativa, o gasto militar ou a reforma das institucións políticas. Mais no enunciado deses variopintos repertorios apúntase a un norte inequívoco: a "rexeneración" do "sistema económico e político". Se o obxectivo da rexeneración do sistema acaba por exercer a sua función catódica, se acaba por polarizar ese campo de forzas en proceso de formación, resulta obvio que asistiremos a -e participaremos en- unha ofensiva cidadá de longo alcanzo, un proceso de mobilización democrática dirixido cara a transformación do sistema: un movemento anti-sistémico que comeza na negación do existente pra formular a seguida a sua remuda, pra proxectar e construír un novo sistema alternativo.
Maniféstovos a miña convición de que iso é posíbel e probábel. Dous fenómenos aurorais me inspiran esa convición. O primeiro é que este movemento cidadán comezou pola acción inescusabelmente preliminar ao exercizo cívico da soberanía popular: recuperar o espazo público como proprio da cidadanía, e arrebatárllelo ás institucións políticas que o fixeran obxeto dunha espúrea apropriación -e progresiva privatización ou "re-feudalización". O segundo é que os cidadáns indignados ousan "reclamar o imposíbel", escandalizando aos domesticados ben-pensantes que asumen como imposíbel todo o que o sistema declara prohibido -ou sexa, calquera forma de auténtico exercicio da liberdade. Poisque cómpre reclamarmos o imposíbel: só é "utópico" aquilo que non se loita por acadar. Mais disto, se vos parece, falareivos o día que vén.

Sem comentários:

Enviar um comentário