16/01/11

Declaración final da Iª sesión da IIIª Asemblea Nacional do EI.

Vivimos uns tempos nos que a agresión á cidadanía no seu conxunto non ten precedentes históricos recentes. Tanto a UE canto os seus Estados membros, rendidos ao ultraliberalismo e entregados sen condicións ao servizo da ditadura do grande capital financeiro, que nas institucións políticas españolas non conta xa só co PP senón tamén co PSOE para exercela. Xentes progresistas que confiaron no PSOE de Zapatero séntense traizoadas, impotentes e orfas de referentes e resortes políticos para se defenderen. Ao mesmo tempo a cidadanía progresista e nacionalista que confiou e fixo medrar ao nacionalismo durante catro lustros, sofre ese mesmo sentimento de impotencia e desamparo ante a ausencia do nacionalismo do "proxecto común" daqueles tempos.
Medra a indignación na cidadanía galega por non ter unha arma política na que identificarse, sentirse forte para facerlle fronte aos poderes que nos aniquilan como pobo, que nos despoxan de dereitos cívicos historicamente conquistados con grandes esforzo e sacrificios populares, e que están a liquidar o patrimonio de todas e todos en pagar as débedas dos especuladores, mentres se priva ás xentes do común do imprescindíbel para unha mínima calidade de vida.
Nesta emerxencia social e nacional non podemos fallar nin en compromiso nin en xenerosidade. Todas e todos somos precisos, cada quen na medida das súas posibilidades, pero ninguén pode eludir a responsabilidade de contribuír á causa.
Debemos avivar a imprescindíbel tarefa de reflexionar, idear, tecer lazos que unan. Temos que avanzar preguntando. Reflexionar e debater ao tempo que irmos facendo. Ao cabo a resposta a moitas das preguntas e dúbidas que temos non as imos atopar só en simposios ou foros. A loita ineludíbel contra o neofascismo resolverase no decorrer da acción decidida, sempre que nos comprometamos a exercela como cidadáns libremente activos e desalienados.
Preguntas como "dentro ou fóra do BNG", que inevitabelmente bulen nas análises das teses debatidas hoxe, non se responden só no plano da razón e da teoría. A praxe pode revelar atinado estar dentro, estar fóra ou estar dentro e fóra: non o saberemos de certo mentres non poñamos en xogo toda a nosa forza e o noso empeño. É tamén agora o momento de unir, si, pero nunca unir ao prezo de esterilizar as nosas propias forzas e as da cidadanía, for pola imposición, pola nosa inacción ou por mera adhesión incondicional a unha marca electoral, contribuíndomos mesmo sen querelo a converter ás xentes do común en cidadáns pasivos.
En todo caso, resulta evidente que a expresión política organizada do nacionalismo galego áchase arestora nunha situación crítica. É a terceira das crises graves polas que leva pasado en trinta e cinco anos: a primeira ao comezo da chamada "transición" ao postfranquismo; a segunda ao seu remate, cando da consolidación da actual fórmula constitucional española. A de agora dáse no contexto dun grave e se cadra irreversíbel proceso de descomposición do actual réxime político español, e máis dun desnorte ideolóxico e inanidade institucional sen precedentes da esquerda política en toda Europa. O BNG está a ser succionado nese letal rodopío, en grande medida por graves erros cometidos e vicios propios adquiridos.
Puidera ser atinado, se o facemos coa forza e a intelixencia precisa, apostarmos pola rexeneración da fronte nacionalista sobre o deseño construído hai agora tres décadas. Mais cumpriría, como condición inescusábel, que houbese xa, sen máis dilacións, unha resposta decididamente positiva á rexeneración democrática horizontal interna da fronte e á efectiva recuperación do proxecto estratéxico de emancipación social e nacional da Galiza, reactivado tanto no seo da sociedade civil canto da política, tanto na acción e loita social canto na institucional. Unha condición, esa, que implica aceptar reabrirse á sociedade, devolvendo a fronte ás xentes nacionalistas de dentro e ás de fora excluídas por expulsión, sectarismo ou cansazo de aturar unhas relacións internas insoportábeis, e desarmar o aparello burocrático hoxe ao servizo exclusivo dun grupo que se reproduce e perpetúa a costa e en perxuízo do "proxecto común" e da democracia horizontal.
En calquera caso, de non ser así, debemos traballar a prol de reconstruírmos, onde for, a unidade nun novo referente político para o que todos somos necesarios e ao que queremos incorporar a longa traxectoria do nacionalismo nas súas distintas etapas históricas, recuperándomos os valores de esquerda, cívicos, democráticos e republicanos da igualdade, a fraternidade e a democracia horizontal e participativa.
A urxencia de lle facermos fronte á ditadura do capital financeiro e á brigada de demolicións do PP instalada en San Caetano, urxe xa un movemento político en sintonía coa diversa e plural maioría social deste pobo outravolta e reduplicadamente oprimido e espoliado, coa forza dunha cidadanía reorganizada tanto na sociedade civil coma na política.
Precisamos toda a lucidez e a forza que compren para reunirmos intelixentemente todo o que as persoas e colectivos do común cidadán poidan aportar, e xenerosidade abondo para non dar por definitivos os xuízos duns sobre dos outros. Se, reiterémolo, asumimos e nos comprometemos a recuperar os valores de esquerda, cidadáns, democráticos e republicanos da igualdade, a fraternidade e a democracia participativa e solidaria, daquela podemos logralo.
Eis o noso primordial compromiso. Polo Encontro Irmandiño non vai quedar.
Santiago de Compostela, quince de xaneiro do 2011.

Sem comentários:

Enviar um comentário