14/12/10

Orfandade política (III).

* Raúl Asegurado Pérez


No que se deu a coñecer como socioloxía do coñecemento por Max Scheler no primeiro terzo do século XX, por certo que era filósofo non sociólogo…, inténtase non só tratar das variacións empíricas do coñecemento nas sociedades, senón tamén os procesos polos que calquera “corpo de coñecemento” chega a quedar establecido socialmente como realidade, noutras palabras, debería tratar de captar os procesos polos cais o coñecemento humano desenvólvese, transmítese e subsiste nas situacións sociais, e realízase por unha maneira tal, que unha realidade xa establecida cristalízase para a persoa da rúa. É dicer, en definitiva, que vou a aventurar-me de forma moi sistemática a facer unha aproximación á construción social da realidade dunha colectividade política, a do BNG, comezando pola dinámica interna do mesmo.
Para isto ben váliome coma guieiro do índice da obra de P. L. Berger e T. Luckmam que trata esta temática nos seguintes eixos: os fundamentos do coñecemento na vida cotiá, a sociedade coma realidade obxectiva (institucionalización e leximitación) e a sociedade coma realidade subxectiva (realidade e estructura social); un terreo árido e denso que tratarei de facelo o máis sinxelo sen caer en obviedades subxectivistas. A ver se o consigo. O punto de partido imos collelo nun acontecemento, que como diría Mounier, é o auténtico mestre interior.
O acontecemento é a eliminación do asemblearismo no seo do nacionalismo organizado no BNG, sendo coñecedor de moitos outros momentos, uns que se poderían encadrar en procesos e outros en detonantes puntuais, desde que un é consciente (e a consciencia non é só no que participei senón da asimilación dos procesos anteriores por información transferida desde varias subxectividades) no BNG existe unha dinámica de crítica interna amplamente asimilada e compartida (que non sempre ten que ser aceptada) pola súa interrelación entre a masa social e a instancia política. Esta tensión sempre existente como digo, tivo procesos e tivo momentos críticos que podería enumerar mais por espazo e porque seguro que non citaba todos, prefiro non facer, tamén porque de seguro a maioría pode citar os que para cada un/ha foron máis importantes.
Mais cal é a diferencia entre todos estes procesos e o “acontecemento” ao que refiro?, o máis importante é que con el, a realidade, como constructo social deste colectivo muda definitivamente, e témome, para sempre.
A retirado do asemblearismo non só é o que de facto e por observancia simple un pode tirar coma conclusións: a imposición da minoría de idade para a militancia, a creación da “clase política” interna, a anulación de respostas disonantes e o control dos fluxos críticos, a laminación dunha xeración que xenerosamente comprendera o senso dun proxecto común, a creación dunha “masa” necesitada de “vangarda”, a salvagarda da clase política, a imposición da dinámica de poder interno na horizontalidade organizativa, etc… A retirada do asemblearismo trae consigo unha nova realidade social para o BNG, un novo posicionamento interno e externo (a ver se consigo centrarme hoxe só no interno) que interactúa na vida cotiá da súa masa social na linguaxe, na institucionalización (organismos e actividades, tradición, “roles”) e na lexitimación (o universo simbólico, nova conceptualización da política e a nova organización social para o mantemento dos universos simbólicos). É dicir, coa ruptura co asemblearismo ráchase cunha tradición (co seu discurso conceptual e simbólico), ráchase cun modo de interacción (entre as forzas políticas ANTES existentes do seo do BNG e os “non adscritos”), créanse uns novos roles (por exemplo, a disciplina do delegado) e todo elo cun proceso de institucionalización e lexitimación que mudan de forma taxante a visión desta organización da sociedade na que está inxerido, e é aquí, na súa dinámica interna, onde muda a realidade creando xa un discurso consecuente e consoante co discurso oficial do imperio. E non digo nin que o BNG no seu conxunto nin as partes que o integren, Máis Galiza e a UPG sexan ultraliberais, senón que a súa interpretación da realidade coincide, ou coma se di no mundo postmoderno, “se isto é o que é, é o que hai e todo o demais son tonterías e non nos podemos saír d-aí”.
E un pode aceptar que o discurso do imperio está socialmente estendido e aceitado pola masa social, que para a maioría da cidadanía os partidos políticos teñen unha lóxica na lexitimación das relacións entre a cidadanía, os dereitos, o benestar e incluso e economía. Pero o BNG no seu seo mantiña vivo o dereito de cidadanía, incluso negado aos cidadáns e cidadás na sociedade, porque internamente un/unha era cidadán ou cidadá e por tanto responsábel en primeira persoa da política, non da política do colectivo, senón na praxe política individual partillada nun proxecto común (republicanamente isto chámase fraternidade), e podía mal que ben levar unha e mil veces unha emenda que non saía adiante, que construía socialmente alternativas e que internamente eran acicate para a organización (fra-ter-ni-da-de), non eran vistas xamais coma “plataformas inimigas” e/ou “perturbadoras” do nacionalismo…, e unha cantidade de cuestións que só poden ser entendidas no trato da militancia coma menores de idade e por tanto negados a ser, desde abaixo, realmente a vangarda (único lugar real da vangarda: ABAIXO), o motor que impulsaba aos responsábeis políticos da organización a tomar certas medidas que distorsionaban a melodía dos poderes oficiais. Agora entóase a mesma melodía, porque melodía e ritmo non é o mesmo, aceito que haxa ritmos diferentes, pero melodía? A mesmiña.
Este é o novo escenàrio, que pretendín debuxar coma nun bocexo, da orfandade política, xa avisada por ex-militantes do BNG hai un par de anos (incluso un lustro) e que desde o bipartito constato nos diferentes lugares nos que me movo, internos e externos. Porque nada ten que ver nin as escisións internas, nin a perda de correlacións de forza, nin sequera o respeito ou non ás minorías internas; senón que é un proceso, ao meu modo de ver, consciente por parte da UPG e de Máis Galiza e persoalmente dos seus líderes Carlos Aymerich e Francisco Rodríguez, para configurar un proceso de construción social da realidade social e política do nacionalismo que resposta, témome, a intereses de salvagarda dun patrimonio concreto (simbólico) nun marco de realidade totalmente diferente ao existente. E, coma me di moitas veces en reunións un amigo, “un aviso a navegantes”, a realidade é cambiante, pero tamén se constrúe, sexamos conscientes ou non. E non é o mesmo, quéirase ou non.

Sem comentários:

Enviar um comentário