26/12/10

Gobernar contra os cidadáns.

* Xosé Manuel Beiras en Galicia Hoxe (aquí).

Si, exactamente á inversa do postulado definitório da forma democrática de gobernar: goberno do povo, polo povo e para o povo. Tripla invocación do exercizo da soberanía popular que se traduce en tres condicionantes do goberno: democracia, participativa, e a prol do común cidadán. Non abonda que o goberno sexa "do povo". É dicir, non abonda recoñecer ao povo como suxeito colectivo titular da soberanía política - condición primeira para a existencia de "democracia". Compre tamén que sexa o proprio povo quen exerza o poder, quen se goberne a si mesmo: que o goberno séxao "polo povo" - o que implica non só democracia representativa meiante sufraxio universal, senón tamén participativa meiante as fórmulas asociativas idóneas para garantiren os nexos da "sociedade civil" coa "sociedade política", e portanto o control permanente do aparello xurídico-político pola cidadanía, tanto na sua configuración e composición canto no seu funcionamento. Eis o requisito que se convirte en clave da terceira condición: que se goberne "para o povo", ou sexa, para os intereses do común cidadán ou, se queredes, da "maioría social" - e non de minorías sociais privilexiadas. Maioría social, dixen -cousa que non equival a unha calquera maioría "eleitoral". Calisquer desviacións do roteiro marcado por eses principios, nas que incurra un goberno, constituirán deturpacións da forma democrática de gobernar, e entrañarán un proceso de progresiva alienación entre o goberno e a cidadanía, entre o poder constituído e o poder constituínte. Dese xeito, goberno e poder constituído, mesmo que se manteñan formalmente na legalidade, perderán a lexitimidade - poisque ésta arraíza no poder constituínte, que é patrimonio inalienábel do "povo soberán". Daquela, o povo, o común cidadán, terá a obriga, e non só o dereito, de exercer o seu inalienábel poder orixinario e derrubar goberno e poder constituído - mesmamente para restaurar ou re-establecer a democracia.
Desculpádeme esta prédica de nocións elementais ben coñecidas e sabidas por tod@s vós. Mais relembrábavos o día pasado que "en tempos de desnorte fanse precisas máis que nunca marcacións inequívocas", e quero ser congruente con ese postulado. Xa me comprendedes: abofé que vivimos tempos de desnorte, e abofé que as marcacións máis inequívocas resultan ser sempre nocións elementais que foron semánticamente deturpadas e prostituídas polos corifeos do "pensamento único", cando non sepultadas baixo moreas de entullo, lixo e refugallo verbal altamente contaminantes, ciscadas no espazo público polo aparello de propaganda dun poder usurpador da lexitimidade democrática para tornala contra os seus auténticos titulares, os cidadáns.
Porque diso se trata, velaí está o problema cardinal: hoxendía, no noso país, é dicir, na Galiza, en toda a contorna peninsuar e europea, e mesmo en todo o espazo do centro do sistema, os gobernos gobernan contra os cidadáns. Con moi insólitas esceicións - se é que hai algunha máis cá da diminuta Islandia - os inquilinos das institucións do poder constituído en cadanseu estado están a utilizalo constante e sistemáticamente contra os dereitos e intereses da maioría social de cadansúa cidadanía. Compre dicilo con enerxía e sen reparos. Autodenomínanse democráticos, e constitucionalmente declárase que a soberanía política reside no povo, mais todo fica reducido a unha simples declaración formal e ritual: en realidade, nen se exerce o goberno "polo povo", nen inda menos "para o povo". Pola contra, a maioría das accións e decisións, e primordialmente as máis cruciais, as de máis graves e extensas repercusións sociais e colectivas, adóptanse "sen" o povo e "contra" dil. Non son democracias. Nen sequer "aristocracias" no sentido aristotélico - o goberno dos millores, das elites - senón a sua variante perversa: a oligarquía, o poder concentrado nuns poucos que ocupan posicións privilexiadas no curuto da pirámide social e o poder económico, e que o exercen a traveso de "políticos" de oficio como simples testaferros ou monecos de ventrílocuo. Son oligarquías travestidas co disfraz de reximes de partidos e eleicións "libres" mercantilizadas, a xeito de subastas á baixa no "mercado eleitoral" - que así se denomina con frecuencia e descaro meirandes a cada paso.
Nese peculiar mercado político dos votos funciona esactamente o que lord Chamberlin definira hai ben tempo, para a economía, como "competencia monopolística" no consumo de masas: a diferenciación só pola marca e a publicidade dun produto en sí mesmo indiferenciábel - coma os deterxentes, por caso. Ou millor, máis acaído á xestación da crise que nos esmaga: coma os pacotes de "produtos financeiros" -todos son o mesmo, todos implican especulación, todos teñen trampa, todos encubertamente usurarios e fraudulentos. Algúns máis ca outros, iso si - mais é cousa tan só de gradación, non de diferencias na natureza. No actual mercado dos votos, tódalas ofertas eleitorais son de dereitas: as de esquerda, cando as hai, fican excluídas da "competencia monopolística". Mais, inda así, as da dereita reacionária ultraliberal son como as tristemente célebres hipotecas "sub-prime", disque causantes do infarto no corazón gringo do sistema financeiro imperial. E ben sabedes que as "sub-prime" foran "produtos financeiros" especialmente deseñados para ofertalos aos segmentos máis miserábeis da cidadanía ianqui, a sabendas de que, conforme aos criterios bancarios usuais, eran irremisíbelmente insolventes - e suscribíronas a mazo. Pero o negocio era o negocio, e estaba plenamente garantido - non pola inexistente solvencia dos prestatarios, senón pola convición de que, chegado o caso, "papá Estado" - en ianquilandia Tío Sam - acudiría, solícito, ao "resgate" dos prestamistas en creba. Como así foi: cos fondos públicos aportados meiante impostos pola "maioría social" do común cidadán ao longo e largo de todo o vasto imperio, claro está. Incluído o liliput galego e o que agora disque ven ser unha novacaixagalicia - no.ca.ga., seica, en internet.
Inda que volo poida parecer, debo asegurarvos que non esaxero nen chisco. Un analista tan asisado e solvente - só que tamén retranqueiro - como é Andy Kroll rotulaba deste xeito un seu recente artigo: "Un país dos ricos, polos ricos e para os ricos. A nova oligarquía dos EEUU". Nil - glosando un libro de Harper e Pierson titulado Winner-Take-All Politics - resume o proceso polo que, ao longo de tres decenios, "os dirixentes públicos dos USA re-escribiron as regras da política e da economía [norte]americanas con fórmulas que benefician aos poucos a costa dos moitos", de xeito que "unha nación predominantemente de clase media tornouse unha oligarquía". É un proceso de desaforada mercantilización da política que culmina na sentencia da Corte Suprema no caso "January Citizens United". "Antes de "Citizens United" - escribe - os ricos usaban os seus cartos para condicionaren a política, seduciren a políticos e amañaren eleicións. Agora poden sinxelamente comprar a política [norte]americana sempre e cando o prezo sexa o correcto". "Está en curso - diagnostica Kroll - unha guerra dentro das nosas proprias fronteiras. Unha guerra de palabras e imaxes, de meias verdades, dobres sentidos e mintiras. Falo dunha guerra política entre Demócratas e Republicanos. Falo dunha guerra de gastos, movida por grupos sixilosos e por doantes anónimos con faltriqueiras profundas. É unha guerra que está a piques de derrubar o pouco que resta da democracia nos USA".
É só unha mostra - mais unha mostra tomada no corazón do imperio, alí dende onde se leva exportado e imposto "urbi et orbe" o seu modelo de "democracia" como único admisíbel e patentábel como marca rexistrada. Conviredes conmigo que, se ise é o estado no que se atopa o orixinal, como será o das copias. Pois a resposta dánola outro analista solvente, profesor universitario canadián iste, de nome Maximilian Forte, nun artigo de hai só uns días. Con palabras súas remato hoxe: "Vivimos nun rexime de ocupación mundial, no que a guerra sicolóxica, as violacións dos dereitos humanos e os poderes cada vez máis dictatoriais do estado están dirixidos contra os cidadáns e non só contra "inimigos combatentes" estranxeiros.(...) Mais, por outra banda, vivimos nun período de incertidume no que [compre] unha reconfiguración da nosa comprensión da política mundial, que non se define por unha loita existencial contra algún Outro, senón que é un combate contra nosoutros efectuado por estados que temen aos seus proprios cidadáns máis cá ningunha outra cousa no mundo".
Perdón, esquecíame: feliz aninovo!

Sem comentários:

Enviar um comentário