29/09/10

Carta aberta aos sindicatos agrários da Galiza.

* Rafael Lobelle González


O autor é estudante de História na USC e filiado do EI.



Bon día. Remito unha pequena reflexión persoal dende terras gandeiras, como son as de Chantada, solicitándolles uns intres do seu tempo.

Diríxome a vós con motivo da recente campaña de boicot ás empresas lácteas que se está a realizar conxuntamente entre os tres principais sindicatos agrarios do noso país. De entrada anticipo que non se trata dunha achega que pretenda atacar o traballo que vindes realizando os sindicatos en defensa do noso agro dende anos atrás, con maior ou menor éxito, que eu considero meritorio e preciso para que non esmoreza ata o colapso o mundo do campo galego e con el a súa rica cultura.

Vou ao rego, pois quería facer varias apreciacións sobre a mesma, pois penso que o que se di non se axusta adecuadamente á realidade; nesta súa campaña infórmase que unha marca do grupo Lácteos Lence (que eu non vou defender como modelo empresarial por suposto), como é Leite Leyma, está entre as que menos paga aos producotes polo litro de leite recollido. Ben, dentro da miña comarca (Chantada e arredores, caso do concello Rodeiro) hai unha serie de productores que venden a esta empresa que comercializa baixo esta marca o leite ( Leyma Natura en concreto). Entendo de antemán que saben que son precisos unha serie de requisitos para vender baixo marca Leyma Natura: o gando non debe ser estabulante exclusivamente senón que é preciso que as vacas pasten fóra cada día , debese modificar a alimentación a base de pensos incorporando novos compoñentes naturais como a soia, etc. Posto que se piden estes requisitos, o gandeiro recibe unha prima por litro de leite a maiores do prezo base que é común para todo o grupo leite Río, prezo baixo por certo, que non chega aos 30 cents.

O prezo final vén saíndo sobre 32 cnts., variando loxicamente a segundo as características particulares da explotación en canto a graxa, proteína... Gandeiros desta mesma zona que venden a Larsa empresa que non figura na súa protesta pois é das que máis pagan o litro, reciben 33 cents. neste pasado mes. A sorpresa dos gandeiros de Leyma ( aínda sabendo que o prezo/litro e baixo) é entendible ao figurar esta marca entre as da protesta. Refírense nestes termos: "Logo os das cooperativas ises si que non lles chega pra vivir, a 20 e pico cents llelo pagan". Certo que non chega digo eu. Por non falar sequera de todos aqueles que se ven obrigados a vender o seu leite con destino a queixerías locais, porque non teñen quen llelo recolla, REGALANDO literalmente o producto do seu traballo, que vai parar a instalacións de dubidosa fiabilidade en materia sanitaria, pois nin sequera están sometidas as explotacións ao pertiente control leiteiro dos laboratorios de análise. Mais retorno á corredorira.

Sei que vostedes velan polos intereses cooperativistas, e que a verdadeira natureza desta protesta é acadar un maior prezo para o socio cooperativista que non sabe nin canto vai cobrar nin a qué empresa lle vai vender o leite o mes que vén a cooperativa que lle recolle a el o leite. Pero eu considero que o honrado modelo de cooperativa ,así e como evolucionou nestas terras ata agora, non ten cabida tal e como está estruturado este mundo de libre mercado, máis cando estas non son quen de ser autosuficientes no tratamento do leite e dependen de empresas foráneas para dar saída ao producto que recollen. Esas empresas recóllen o leite a un prezo irrisorio, porque xogan coa necesidade das cooperativas de darlle saída. Por se fose pouco, acostuman a estar dirixidas por individuos de dubidosa fiabilidade que entende a cooperativa ao xeito da empresa, co sistema clásico dono- empregados (socios neste caso) polo que se crea a frustante sensación no productor de estar traballando para o presidente en cuestión e non para o ben común do conxunto dos socios. Créanme destas cousas sabemos abondo en Chantada. Un caso particular, cooperativa Icos, vende o leite a moitas destas marcas que figuran no cartaz da súa protesta porque non lle queda outra, a un prezo irrisorio 25 cents ou incluso menos, pagallo aos socios (máis ben a algúns socios amigos do gabinete presidencial) a dous cents. máis, sacados dos fondos comunitarios, o risco de perdas coa conseguinte posible quebra no futuro parece evidente, mentres como se di por eiquí, vaise tirando.

Entendo que aposten polo cooperativismo, enténdoo e apoio esa postura, mais eu apoio a outro cooperativismo non a este modelo que se pretende como válido e que transformou unha iniciativa que naceu honradamente do esforzo gandeiro nunha pseudo-empresa carente de utilidade para o noso agro, unha cooperativa non pode funcionar ao xeito empresarial. Por estas terras acostúmase a referirse á cooperativa Icos como "empresa de servizos", servizos que se lle cobran ao socio máis caros que no resto do mercado pese a deixar este cada mes 1 cent. en litro para os fondos cooperativos. Pregúntase entón o socio, se en realidade lle compensa pagar máis polos servizos e cobrar menos o leite que se estivese fóra.

Sexamos rigorosos e non apostemos polo que é preciso cambiar. Apostar por un modelo de cooperativa que se encargue de tódalas fases da produción que venda en mercados locais, orientada para os pruductos ecolóxicos e sustantables con maiores garantías para o consumidor e, sobre todo, que na súa base haxa democracia e se traslade o poder real aos socios, isto é o xusto e preciso, o resto é mendigar ás portas das grandes empresas por unha suba de 4 cents. en litro.

Sen máis, un saúdo dende terras chantadinas.

Asinado.
O fillo dun gandeiro supervivente do actual "etnocidio" do rural galego.

Sem comentários:

Enviar um comentário