25/08/11

Marchando unha de reforma constitucional antipopular!

Un, dous... ar!

Mario López Rico

O diktat do reich napoleónico ''humilla'' a soberanía do estado español
Marchando unha de reforma constitucional antipopular!

Lede con detemento isto de 1992 sobre a política monetarista de Unión Europea, tan escabrosamente de actualidade nestes últimos tempos:
  1. Unha política de servidume absoluta á estratexia do grande capital transnacional.
  2. Unha política letal para o desenrolo económico endóxeno dos diversos pobos europeos e para unha DIT (división internacional do traballo) baseada nas súas respectivas vantaxes comparativas.
  3. Unha política monetaria contumaz, ao servizo do capital financeiro, dirixida á creación dun Sistema Europeo de Bancos Centrais (SEBC) e un Banco Central Europeo (BCE) reservados aos máis fortes, centrada tan só en impor uniformidades formais e nominais, e desentendida das diverxencias socioeconómicas reais que vai enxendrar ou agravar.
... diverxencias acrecentadas entre clases sociais: proletariado e campesiñado levarán a peor parte, cun brutal incremento da taxa de explotación e no seu caso de paro, directamente ou a traveso da esfera da circulación e do desaproveitamento de servizos sociais (caída do salario social) que constituían conquistas históricas das clases traballadoras e, ate hoxe, resultaba inimaxinábel que fosen postas en cuestión polo poder establecido. Mais non van ser só o proletariado nen o campesiñado: clases ou segmentos pequeno-burgueses vencellados ao comercio e outros ramos dos servizos, tamén van sufrir sensibelmente eses custes, especialmente nas economías periféricas onde esa política vai mallar no lombo do conxunto das camadas populares.
..., diverxencias crecentemente agravadas entre as economías do centro e da periferia da CE, usualmente denominadas co eufemismo "desequilibrios rexionais". Tres décadas e media de existencia do MCE, con dúas décadas de aplicación da Política de Desenrolo Rexional e os recursos do FEDER -que efectivamente "fede" cada vez máis- ilustran en retrospectiva, verbo do que, en prospectiva, nos agarda aos periféricos coa política monetarista cociñada en Maastricht: os "desequilibrios rexionais" non fixeron outra cousa que medrar constantemente nesas décadas."

De rabiosa actualidade, verdade? Pois está escrito por Xosé Manuel Beiras para o BNG, no ano 1992!, cando se aprobou o Tratado de Maastricht.

Sen comentarios.

16/08/11

Entrevista a Martiño Noriega en "El País".

JOSÉ PRECEDO - Santiago - 14/08/2011


Xunto a 17 alcaldes nacionalistas promove un manifesto crítico que demanda renovación, outro discurso e outros líderes á dirección do BNG. Médico de profesión, Martiño Noriega (A Coruña, 1975), a quen moitos ven como un referente no futuro do Bloque, lamenta que "a esquerda teña o diagnóstico pero non un tratamento contra a crise". Avoga por que o Bloque ofreza un contrato á cidadanía baseado en puntos concretos que sexa capaz de cumprir. Como fan nos concellos. 


Pregunta. Propoñen recuperar a credibilidade e o rumbo do BNG. Cando se perderon?

Resposta. Na última década houbo unha diminución de apoio ao BNG e unha maior distancia co noso proxecto. É necesaria unha reflexión colectiva, traballar con feitos e compromisos para recuperar a confianza e a credibilidade e lograr que o BNG volva ser unha ferramenta útil para a transformación do país.


P. Chaman á esperanza, pero o BNG está dividido.

R. O manifesto ten autocrítica pero quere ser positivo e unha xanela á esperanza. Temos dúas citas importantes: as xerais e o proceso asembleario. Asinamos o manifesto desde unha posición de desexo pero tamén de realidade, tentamos trasladar que cunha mensaxe política alternativa podemos transformar este país. Todos o facemos nos nosos concellos.


P. Cales son as súas receitas?

R. Hai que establecer un contrato coa cidadanía en cuestións claras e que sexamos conscientes de que podemos cumprir. Parte da frustración que supuxo a perda do bipartito debeuse ás expectativas creadas. Cando a esquerda e as reivindicacións identitarias están en crise, hai que dicir que son os nosos compromisos irrenunciábeis, innegociábeis e realizábeis. A partir deles podemos seguir avanzando. A esquerda realizou un diagnóstico do que pasa pero non ten un tratamento. E debemos renunciar a ser vangarda de algo, debemos cambiar a relación coa sociedade, os movementos sociais, sindicais, ecoloxistas, hai que acompañalos non tutelalos para recuperar a súa confianza.


P. Coa que está a caer, cre que os cidadáns de esquerdas entenden que o BNG se enrede en disputas internas?

R. O BNG é unha ferramenta útil, debe selo mesmo para os desencantados co PSOE e as súas políticas. Cando existe unha agresión terrible a dereitos sociais e laborais, corremos o risco dunha dereitización da sociedade por mera supervivencia. A esquerda debe dar a cara, sei que non é positivo a excesiva externalización do debate interno pero tamén o difícil que é negocialo nestes momentos. O BNG nalgún momento debe pechar esta etapa pero o seu papel de defensa do país e as clases agredidas hai que reivindicala.


P. Cando será o momento de pór fin a esta etapa?

R. A asemblea tras as eleccións debe ser un punto de inflexión, non só estético, habemos de crérmolo, logo crerao a contorna do BNG e seguiremos avanzando socialmente.


P. É Guillerme Vázquez quen debe pilotar ese cambio?

R. A Guillerme tocoulle lidar cunha situación interna moi inestábel. Fíxoo con toda a xenerosidade e lealdade, o futuro determinarano a asemblea e os militantes. Hoxe é o portavoz e a min meréceme todos os respectos.


P. Algúns militantes mírano a vostede como home de futuro.

R. É o menos importante, dígoo sinceramente. Certo que un proxecto colectivo necesita de caras, pero antes hai que construílo. Se falamos de futuribles, valoro moito a miña vida persoal e a responsabilidade de estar á fronte deste Concello. Outra posibilidade debería partir dunha petición colectiva de compañeiros e que eu fixese un exercicio de responsabilidade. Agora non estou aí aínda que non son inmune ao que vexo e escoito.


P. Cal é ese pacto de mínimos que ofrecen á cidadanía.

R. Habemos de ser dogmáticos nos dereitos identitarios, a reclamación de financiamento a Madrid para manter servizos básicos como a educación e a sanidade. Está a empregarse a austeridade para desmontar conquistas sociais. A palabra non é recorte senón priorización, o financiamento de servizos públicos e a capacidade de decidir do pobo galego deben ser irrenunciábeis. Podo priorizar conquistas sociais e renunciar a outras cuestións. Como esquerda, debemos demandar un papel máis activo fronte aos mercados. A política terá algo que dicir, non temos a verdade absoluta pero pasamos polas urnas. Os mercados, non.


P. Até que punto fixo dano que o quintanismo dixese que non eran esquerda nin dereita?

R. Fíxonos dano porque non podemos vivir na indefinición. Pódelles valer a outros, non a nós. Eu defínome dentro da esquerda real e soberanista, pero asumo que no BNG hai distintas sensibilidades. Pero os marcos están para algo. Sen renuncias ideolóxicas no eixo esquerda-dereita e no identitario podemos ser útiles a unha maioría social. Non debemos pasar polo que non somos, unha forza de esquerda e soberanista.


P. Iso é compatible con aparecer como socios de CiU tras os seus brutais recortes sociais?

R. Hai que diferenciar dúas cuestións: a reivindicación dun Estado plural e o eixo dereita-esquerda. BNG e CiU son antitéticos na segunda, non comparto para nada a súa política neoliberal.


P. Como ve o 15-M?


R. Representa unha ruptura xeracional, dun sector da cidadanía que non participou de movementos políticos e que ante a falta de horizontes, elabora unha resposta heteroxénea. É positivo, demostra que polo menos hai un latexar cidadán. Non lles podo pedir coherencia porque esa coherencia tamén lle falta á esquerda que leva anos tentando elaborar as súas teses. A esquerda debe establecer vasos comunicantes, non tentar tutelar o movemento que tampouco se deixaría. A expresión social do 15M necesitará unha expresión política, se non a hai, crearana. E se non, xurdirá a frustración e pode pasar calquera cousa.


P. En Teo que lle espera?

R. Gañamos sen prometer grandes cousas. As administracións non deben facer terapia cos cidadáns que os elixen para solucionar problemas, pero si deben explicar a situación, priorizar e blindar as conquistas en política social, de conciliación ou as escolas infantís. Iso é sacro, o resto, as cuestións máis lúdicas, son prescindíbeis.


P. Como trata esta Xunta a un alcalde novo do BNG?

R. Agardo a que se supere o uso partidista das institucións. Nisto ningunha forza é inocente. Espero que se me trate como a alcaldes do PSOE ou PP.


P. Como avalía a Feijóo?

R. Ten pouco que ofertar como xestor e sorprendentemente non ten excesivo desgaste. Está instalado en culpar a outros, non asume as súas responsabilidades.


P. Prexudica ou axuda estar con Beiras nos Irmandiños?

R. Tendo a medir os meus actos non en función da rendibilidade, senón das miñas conviccións, o día que non crea no que fago non poderei facelo. Non concibo a política como unha cuestión táctica, senón emocional e de principios.


P. O actual contexto avala a continuidade do BNG como un partido non convencional ou conviría reformalo?

R. A homologación do BNG con estruturas como as do PP ou PSOE sería a morte do BNG. A xente se reune en prazas e fai asembleas, demándanse organizacións con sensibilidades distintas, a fórmula está vixente.

01/08/11

FAQ dos Encontros Abertos

* Descárgao AQUÍ.

Notas dunha asistente aos Encontros Abertos que o EI está a organizar nas comarcas galegas.
 
Encontro Aberto en Ourense.
O Encontro Irmandiño ven de organizar, case seguidos, dous encontros abertos en Lugo e Ourense, 27 e 28 deste primaveral xullo, nos que a temática central foi a situación do BNG e a necesaria a refundación que o EI propón para a fronte nacionalista. A experiencia, igual que noutros lugares onde xa se teñen feito estas xuntanzas, coma na Coruña, foi enriquecedora, con debates moi participativos. Xorden nestes encontros preguntas recorrentes, básicas, que queremos deixar claras neste proceso diante da asemblea nacional do BNG e diante da situación que vive Galiza e o mundo.
Vai, así, esta guía a xeito de FAQ – preguntas frecuentes – sobre a postura irmandiña no proceso de refundación que, grazas ao Encontro Irmandiño, se está a vivir, que queiran, que non – dígase o que se diga nas entrevistas –, no nacionalismo organizado no BNG.
Obvio é dicir que as respostas a estas cuestións están baseadas nos distintos documentos que o Encontro ten apresentado publicamente, tanto as teses da nosa IIIª Asemblea Nacional, coma o Documento pola Refundación do BNG, a debate nas asembleas comarcais, todos eles froito dunha reflexión fonda á que se incorporaron os resultados do diálogo cos movementos sociais e con outras forzas políticas, de dentro e fóra do BNG, que abordamos tanto na Rolda de Rebeldía coma no Encontro Aberto de Compostela e na nosa propia asemblea nacional, que estivo aberta a todas aquelas persoas nacionalistas de esquerda que o desexaron. As frases entrecomiñadas (“”) son de Xosé Manuel Beiras.



FAQ Encontros Abertos