24/07/11

Encontros Abertos en Lugo e Ourense.

"Encontro Aberto"
"A necesaria refundación do BNG"
con Xosé Manuel Beiras.
Mércores, 27 de xullo, ás 20:00 horas no Hotel Méndez Núñez de Lugo.
Contamos coa túa asistencia!

21/07/11

Beiras sobre as mobilizacións de maio de 2011.

* Xosé Manuel Beiras fala sobre as mobilizacións de maio de 2011, 22 – 5 - 2011 (transcrición a partir da canle teleirmandinha no Youtube).

“Eu coido que o panfleto – que é autenticamente un panfleto, no sentido propio, histórico da palabra, non un libelo – de Hessel acerta nunha cuestión: hai unha relación absolutamente biunívoca entre a indignación e a dignidade. Eu comprendo perfectamente, por min mesmo, pola miña propia experiencia, que o estado actual de cousas, no plano social, cultural e no plano político estricto suscite indignación. E mais dunha vez, incluso en debates no Parlamento de Galiza no tempo de Fraga, eu teño dito dende a tribuna de oradores – como a min se me acusaba a veces de alporizarme – que eu me indignaba porque tiña dignidade, e que só se indigna quen ten dignidade e que a exerce

E nós temos predicado, como BNG nos tempos, nos tempos de apoxeo, nos tempos en que o nacionalismo galego volveu convertirse nun referente que tiña unha impronta de hexemonía, porque levaba a iniciativa ideolóxico-política e a referencia dunha forza política atípica, non convencional, polo tanto unha forza política que non estaba contaminada, recordo perfectamente que nós lles diciamos aos cidadáns que cumpría exercer non só a liberdade se non exercer a dignidade. Polo tanto, a min o que me indiga, e coido que é o mesmo que indigna a toda esta cidadanía que finalmente se mobiliza deste xeito – non son só mozos, aínda que si maioritariamente –, é a situación na que estamos, o que Boaventura de Sousa Santos chamou o fascismo financeiro. Estamos ante unha metamorfose do fascismo. Non é igual á maneira en que agora se caracteriza que os fascismo históricos clásicos dos anos 20s e 30s porque non é o mesmo a sociedade, porque non é o mesmo a función do estado, porque non son os mesmos os mecanismos de exercicio e montaxe do totalitarismo, pero é unha forma de fascismo e ese significa unha opresión en todas as dimensións da palabra e a indignación é un primeiro paso. Confío en que esa indignación desemboque en revolta, en rebelión.

Non abonda con indignarse, porque a indignación non abonda con sentila, cómpre practicala, cómpre expresala. E a indignación ante un estado de cousas debe suscitar a vontade de mudalas. Polo tanto, para mudar esas cousas, cando hai opresión, cando están atuídas as canles democráticas, no sentido propio para exercer o poder político os cidadáns, para mudar as cousas, para que os gobernantes respondan ao fideicomiso para o que son elixidos, pois entón (a indignación) ten que transformarse en rebelión, en revolta.

Nestes últimos anos adoito dicir que eu son un predicador da rebelión cívica. Efectivamente ao que estamos asistindo é a unha rebelión cívica. É curioso que esa rebelión cívica, ademais, agora que xurde no ámbito do Estado Español, leva as pautas do que xurdiu no Magreb, no Mundo Árabe, fundamentalmente en Túnez e en Exipto, o cal concorda con que a dinámica está no Sul, e que agora Europa vai a remolque do Sul. E tamén unha cousa significativa, que, por exemplo, en Grecia, un pobo que leva en loita máis dun ano, aí son as loitas a través das fórmulas clásicas e das organizacións clásicas que están vivas – organizacións sindicais, de clase… - pero, en cambio, aquí, como non funcionan esas, non houbo unha operatividade da rede de artellamento da sociedade chamada civil, dos movementos chamados sociais, dos movementos sindicais, e tampouco das forzas políticas, nin sequera das chamadas da esquerda extraparlamentaria, e entón xurde a rebelión como rebelión cívica máis do estilo da de Túnez e da de Exipto onde se considera o centro do sistema. Pero non abonda con iso, nin siquera abonda que a indignación se transforme en rebelión. Cómpre que a rebelión se oriente cuns nortes que permitan efectivamente levar a cabo a transformación en positivo da sociedade, pero unha transformación que ten que ser radical.

Nas conversas de xente máis concienciada, con máis visión dos problemas, os comentarios eran de cómo si a cidadanía estivese nunha situación de pasotismo, que a cidadanía en xeral, e a mocidade moi en especial, dado que a mocedade sempre se considerou un motor da dinámica social de rebeldía, que estaba como anestesiada, que pasaba de todo, que estaba moi acomodada, que non tiña capacidade de reacción, etc. Algúns dicíamos que non é así, que a cidadanía o que estaba era desactivada e que faltaban os mecanismos de artellamento que permitisen que se activase, que a cidadanía estaba moi incómoda, nuns casos, ou moi indignada no fondo, moi traumatizada polo que estaba pasando, porque a crise en todas as súas dimensións, esa crise da que os culpables son moi claros, son os grandes poderes financeiros, etc, a nivel internacional, e logo os seus secuaces, que son os habitantes ou os inquilinos das institucións políticas que, no canto de responder ás demandas da cidadanía se pregan a esas consignas deses poderes que están fóra da instancia política, pois ese sentimento da xente non atopaba mecanismos para dar resposta nin había os resortes que desencadearan o proceso. Pero, eu teño dito máis dunha vez que había síntomas e que a actitude dos poderes, políticos, para empezar, era tan insensata coma se nun territorio volcánico non se fixese caso das fumaceiras e as fumarolas que anuncian que pode haber unha erupción. Ao non facérselle caso resulta que hai erupción e colle por sorpresa. Pero, recordade que cando foi o de Túnez e o de Exipto, aínda recentemente, parecía que fora espontáneo, incluso colleu desprevenidas, non só ás axencias internacionais coma á CIA ou ao MOSAD israelita, senón ás propias forzas políticas contestatarias dos reximes dictatoriais deses países. E, entre outras cousas, en Europa moito máis porque co que non se contaba era co proceso que houbera antes, por exemplo, en Exipto, de folgas, de mobilizacións moi fortes, dende mediados dos anos 90. Entón, aquí, se non se presta atención a iso, parece que foi coma un espontaneísmo, de xeración espontánea. Non, aquí houbo un momento en que, utilizando resortes, coma os dos medios de comunicación da informática, se desencadeou o proceso, pero non había pasotismo, a proba é esta.

A Constitución do 78, a amañada na Transición, na chamada Reforma Política – como eu dicía en tempos, a reforma do irreformable, porque se pode reformar un rexime democrático para milloralo, pero non se pode reformar un rexime fascista coma o Franquismo, tería que ser unha ruptura -, esa Constitución sempre marcou unha democracia relativamente secuestrada, porque foi o produto dunha parte das bases do Franquismo. Pero, dende hai uns anos, sobre todo dende o Aznarismo, dende que, como dixera José Luis Sampedro, España fora convertida nun Aznarato, sobre todo dende ese periodo, o proceso político, o réxime entrou nun proceso de descomposición. Hoxe, a Constitución non está vixente, e eso acaba por percibilo a xente. Entón, hai estados de excepción fragmentarios, fragméntase o Estado de Dereito, o Estado Social de Dereito é inexistente, a Economía Social de Mercado non existe, é Capitalismo puro e duro, é Ultraliberalismo, etc. E, ademais, sobre todo, pervertiuse o funcionamento da Democracia Representativa. Cando a xente di: “todos os políticos son iguais”, “prometen cousas e logo non as cumplen”… Eso significa que a Democracia Representativa deixou de funcionar. Por outra banda, a Democracia Participativa, que é a base nutricia da Representativa, brila pola súa absoluta ausencia. Cando iso alcanza determinado estadio a xente acaba por percibilo e, polo tanto, é certo que hoxe non existe democracia, nin sequera democracia formal. Cando acontecen cousas como que un Tribunal Supremo de Xustiza faga unha sentencia sobre Bildu absolutamente anticonstitucional estase cargando as bases constitucionais mesmo da democracia formal. A xente percíbeo e, sobre todo, os resortes formalmente democráticos, para que lles sirven? Sírvenlles para loitar contra o paro? Sírvenlles para defenderse da destrución medioambiental? Sírvenlles para que o sistema fiscal se convirta nun sistema que redistribúe cara arriba en vez de cara abaixo? Sírvelles para que a mocedade, en vez de estar con índices de paro do cuarenta e tantos por cento, teña simplemente un paro friccional? Para que lles vale? Sírvelles para evitar que se privaticen encubertamente, descaradamente, servizos públicos, que se desmantele o Estado do Benestar? Non sirve para iso, polo tanto, non hai democracia. Acertan de cheo cando din que non hai democracia. O importante é que chegaron a descubrir eso e, no momento en que sectores importantes da cidadanía descubren eso, entón eso é unha bomba de reloxería, é imparable, a non ser que se reprima polos métodos máis brutais que poda haber, por todo tipo de métodos.

Este movemento non pode conter programas partidarios porque é un movemento cívico, é un movemento dunha gran diversidade na súa composición. O que si contén son – e parece que iso se fai explícito en mensaxes, en afirmacións enunciadas por portavoces, pola xente que entrevistan – algunhas cousas claras. Polo tanto, hai un eixo, primeiro, de diagnose da patoloxía primordial do sistema. Segundo: unha denuncia de que esa patoloxía hai que atallala e, polo tanto, por exemplo, acabar coa hexemonía do poder financeiro, restablecer as liberdades de verdade, etc. Eso é un programa de reivindicacións, non é un programa político electoral, e menos aínda partidario, porque logo iso é susceptible de moitas lecturas. O importante é que este movemento de rebelión cívica vaia cobrando por autoorganización e por decantación unha orientación ideolóxico-política sobre as bases das reivindicacións claves e das denuncias claves que formulan eles mesmos e, polo tanto, que se convirta nun movemento proxectado na instancia política e un movemento, en rigor, antisistémico. Eles din con moita gracia que eles non son antisistema, que o sistema é anti-eles, que o sistema é anti-nós. Aí acertan plenamente: é o sistema o que está operando contra os cidadáns, reconvertíndoos en súbditos. Entón, os súbditos rebélanse, como se rebelaron no s. XVIII en Europa, e din “nós queremos ser cidadáns e queremos ser os titulares do poder político e ter, polo tanto, a capacidade de decisión”. E aí hai que facer a formulación dun programa político, un programa revolucionario para transformar a sociedade e restablecer a democracia, unha cousa que Emir Sader dicía: “é necesaria a Democracia Radical”, e Democracia Radical significa eso, restablecer que a democracia se practica de abaixo para arriba, moi horizontalmente, e que os principios de liberdade, igualdade, fraternidade e de democracia horizontal funcionan e que, sobre esa base, a cidadanía formula iniciativas políticas. E logo haberá xa as diferenciacións porque os grupos sociais non son iguais pero terán uns denominadores comúns, que son a base dun programa común, como, por exemplo, nunha formulación frontista, como o nacionalismo galego nos anos 80s e 90s, unha fronte cun programa común que é revolucionario no fondo, con unhas formulacións logo que son lecturas distintas de distintas ópticas sociais, ideolóxicas, culturais… dese programa común pero que, en definitiva, no eixo fundamental, tenden a cambiar a sociedade, polo tanto, un movemento emancipador. No nacionalismo galego é a emancipación nacional e emancipación social, e esto é emancipación cívica e emancipación social e transformación do sistema, incluído aquello que é moi grave e que está incorporado na visión deste movemento que é a destrución dos ecosistemas do Planeta e, polo tanto, da viabilidade da Biosfera e da Humanidade dentro do Planeta como tal.

Os partidos existentes van intentar nutrirse desto: utilizalo, reconducilo para as súas comenencias. Pero, na medida en que esto logre ter continuidade, que non sexa unha burbulla, e que vaia convertíndose nun movemento cívico-político transformador en profundidade, eu estou convencido de que os partidos hoxe non serán capaces de vehiculizar eso, porque esto vólveme a unha diagnose miña de hai certo tempo en relación cos movementos antisistémicos e altermundistas no Planeta: hoxe, a Humanidade, os sectores, cada vez meirandes, conscientes de cidadanía activa, os de abaixo, teñen moi claro o que non serve, teñen moi claro contra qué están, e teñen moi claro que este aparato político, superestrutura política, os aparatos de estado, aínda vixentes, que naceron no modelo europeo de hai 250 anos, que está obsoleta. O que falta é que se elabore o novo deseño de aparato político do estado democrático, e ese é un proceso longo, e eu coido que estes movementos van por aí, e que se incardinan nun movemento a nivel mundial, nas redes de movementos sociais, e que lles falta a construción do novo deseño de estrutura de institucións políticas que garantan que sexan democráticas. Eso é o que está en proceso de constitución. Dificilmente o poderán facer os partidos existentes, a non ser que se reconvirtan e se rexeneren de tal maneira que deixen de ser o tipo de organización que foron ata o de agora.

19/07/11

dossier - ECONOMÍA [19 - 7 - 2011]

"O orzamento debe equilibrarse, o Tesouro debe ser reaprovisionado, a débeda pública debe ser diminuída, a arrogancia dos funcionarios públicos debe ser moderada e controlado o seu gasto, e a axuda a outros países debe eliminarse para que Roma non vaia á bancarrota. A xente debe apreender novamente a traballar, en lugar de vivir á conta do Estado." 

Marco Tulio Cicerón, ano - 55.

Dados os acontecimentos que sacudiron a Eurolandia nos últimos días e no risco inminente de quebra e intervención da troika no Estado español (que se efectivará probabelmente despois das eleccións xerais) o Grupo de Traballo da Mocidade Irmandiña achegamos um dossier com chaves para introducírmonos na economía e para interpretar o que acontece neste inicio dunha nova depresión, aínda máis profunda, dentro do ciclo destrutivo iniciado no sistema-mundo capitalista em 2008.
 Esta crise foi analizada sinteticamente por Xosé Manuel Beiras en "Brañas e a crise que non cesa" (I, II, III, IV e V) e dun xeito atractivo e moi levadeiro no documentario Inside Job.

Un sistema que asiste a "unha perda de confianza" sen precedentes como aponta Leonardo Boff e que os marxistas veñen denunciando desde a irrupción da utopía reaccionaria ultraliberal:
 
Estamos nos confrontando com esse dilema: ou deixamos as coisas correrem assim como estão e então nos afundaremos numa crise abissal ou então nos empenharemos na gestação de uma nova vida social, capaz de sustentar um outro tipo de civilização. Os vínculos sociais novos não se derivarão nem da técnica nem da política, descoladas da natureza e de uma relação de sinergia com a Terra. Nascerão de um consenso mínimo entre os humanos, a ser ainda construído, ao redor do reconhecimento e do respeito dos direitos da vida, de cada sujeito, da humanidade e da Terra, tida como Gaia e nossa Mãe comum. A essa nova vida social devem servir a técnica, a política, as instituições e os valores do passado. Sobre isso venho pensando e escrevendo já pelo menos há vinte anos. Mas é voz perdida no deserto. “Clamei e salvei a minha alma” (clamavi et salvavi animam meam), diria desolado Marx. Mas importa continuar. O improvável é ainda possível.

Alejandro Nadal fala dunha "Media noite na economía mundial", pois a austeridade conduce ao sistema-mundo capitalista para un beco sen saída e confirma o pronóstico da crise em W que está prestes a vir, unha segunda crise moitísimo máis forte nos centros capitalistas (Xapón, EUA e Eurolandia) e que probabelmente comece no sector financeiro chinés tal e como o crack do 29 (na época da hexemonía británia na fase do declive e, xa que logo, da financiarización e que puxo fin á globalización ordenada polo Imperio británico) comezou en Wall Street, ou sexa, na potencia hexemónica que após o caos da II Grande Guerra (1939-1945) remataría por por orde no sistema-mundo arredor de Wall Street e os acordos de Bretton Woods, dinamitados na crise-sinal da Guerra do Vietnán. Algúns autores, porén, como é o caso de Boff vén nesta a crise terminal do capitalismo porque a súa expansión cada vez máis grande (desde o proto-estado nerlandés, ao estado-continente-imperio norteamericano, pasando polo estado-nación-imperio británico) tópase por vez primeira cunha imposibilidade de orde física: o finito dos recursos do planeta. Marshall Auerback coincide na diagnose no seu artigo "Tempo de pánico" e denuncia que se está xogando para un foxo ao 95% da poboación mundial:
Os governos de vinte e oito países desenvolvidos atuaram de concerto para fazer baixar o preço do petróleo e salvar a recuperação económica mundial. Nestes últimos dez dias, os investidores profissionais, os especuladores e os habituais manipuladores parceiros de viagem conseguiram torcer o braço desses governos, forçando de novo uma alça nos preços do cru. À vista do qual, e do terrível frente de dados económicos procedentes ultimamente da Europa, melhor fariam esses governos em procurar de novo uma via para evitar a especulação sobre os preços dos alimentos e dos combustíveis: caso contrário, a Grande Recessão, Segunda Parte, aguarda-nos à volta do canto.

Xavier Vence é igualmente crítico cos economistas ortodoxos e ataca implacabelmente a austeridade, como o seu artigo máis recente, "Os economistas e a Eurocrise" demostra. Aliás, achega alternativas e medidas concretas para frear a situación, revelando máis unha vez que a saída á crise non é unha cuestión de "apretar o cinto" senón que require unha saída POLÍTICA que só pode darse fóra dos círculos do bo-senso da dereita e o social-liberalismo. É por iso que Ignacio Ramonet fala de "Unha esquerda descarriada". A economía ortodoxa é destrozada por Alejandro Nadal en "O acordar dos magos". Para Antom Fente "A  ortodoxia ultraliberal conduce o Reino de España para o abismo", especialmente con instrumentos tan surrealistas como os credit default swaps ao servizo do fascismo financeiro. De Xavier Vence recomendamos ver tamén "Austeridade ou radicalización". 
A potencia en declive, os EUA, atópanse nunha situación cada paso máis complexa e coas axencias de calificación, instrumentos do terrorismo financeiro, atacándolle por vez primeira, cando os seus "fundamentos económicos" están cada vez máis desgastados e a economía real perde competitividade ao tempo que cae o emprego e o consumo. James Petras analiza como as guerras imperialistas do imperio em decadencia non fan máis que aumentar os problemas da potencia hexemónica e como á URSS de finais dos oitenta imposibilítalle soster o binomio "canóns e manteiga" á vez que ameaza a mesma base da súa economía. É xa que logo, a plasmación da loita de clase onde uns poucos son cada vez máis ricos e a maioría se empobrece, "A millonada dos terroristas e a desaparición da clase media". O diagnóstico de Petras debe completarse coa consideración que fai Giovanni Arrighi no seu libro Adam Smith en Pequín, onde sinala que o grande beneficiado da "guerra contra o terrorismo" non é a potencia en declive (os EUA) senón a potencia en ascenso (China) tal como aconteceu coas guerras liberadas pola Grande Bretaña na etapa financiarizada da súa hexemonía: 
En 1974, o un por cento máis rico de Estados Unidos obtiña o 8 por cento da renda nacional, pero no ano 2008 acaparaban o 18 por cento da renda nacional. E a maior parte dese 18 por cento está en mans dun minúsculo un por cento multimillonario desoutro un por cento inicial; ou, o que é o mesmo, do 0,01 por cento da poboación estadounidense (Financial Times, 28 de xuño de 2011, p. 4, e 30 de xuño de 2011, p. 6).

[...] 

Mentres que os multimillonarios saquean as arcas e intensifican a explotación da man de obra, o número de postos de traballo cunha remuneración media descende en picado: entre 1993 e 2006 desapareceu máis do 7 por cento de empregos de remuneración media (Financial Times, 30 de xuño de 2011, p. 4).
 
[...]
 
Entre os anos 1970 e 2009, mentres se duplicaba o produto interior bruto, o salario medio estadounidense estancouse en termos absolutos (Financial Times, 28 de xullo de 2011, p. 4).

Robert Reich propón como mecanismo de enfrontar o déficit e ampliar o gasto público para reactivar a economía subir a taxación aos ricachóns, que tamén liscan do fisco e se ocultan con moita fortuna no Reino de España, como Daniel Raventós demostra, e sen que o social-liberal goberno de Zapatero (nin moito menos o seu primeiro mentor e agora sucesor - o que son as cousas - Rubalcaba) vaia facer nada para mudalo. 
En Xapón Fukushima afectará seriamente a grande débeda do Estado nipón e confírmase que é o pior accidente nuclear da historia da humanidade, superando con bastante a Chernobil, a pesar do cómplice silencio da prensa occidental. 
Em Eurolandia (con 43 millóns de persoas en risco de probreza alimentar), o bo senso ultraliberal tamén destrúe a economía real e ameaza ao bastardo da burguesía europea: o euro. Para Ana Paula Amaral e José António Dias "O euro vai desmoronar":

o euro foi uma tentativa de unificar os interesses distintos e por vezes contraditórios das várias burguesias europeias face ao imperialismo americano sob a direção da Alemanha e da França. A adoção desta moeda única significou a perda de soberania nacional na emissão de moeda – foi o Banco Central Europeu (BCE) que passou a deter essa prerrogativa – e a imposição de critérios comuns para os défices orçamentais (exigindo-se que não ultrapassem 3% do PIB em cada país) e para as dívidas públicas (que não podem ser superiores a 60% do PIB). 

[...]

Não é a UE uma união das burguesias europeias contra os trabalhadores europeus? Não tem sido uma máquina de guerra contra os direitos sociais e laborais de quem trabalha ou trabalhou? Na verdade, a desagregação do euro e da UE poderia até dar mais força à luta dos trabalhadores contra o capital, que agora estaria mais fraco e, como tal, fragmentado. 

Pouco importa, no entanto, isto aos "grandes" que vendem austeridade para o peixe pequeno enquanto seguem a investir com força no complexo industrial-militar, também em Grécia e Portugal. Precisamente o estado heleno e a súa dívida odiosa son analizados no excelente documentario "Debedocracia" que enterrou e substitúe a democracia. No caso portugués a banca española foi a grande beneficiada ao tempo que as probas de stress no Estado español son unha alavanca máis da bancarización das caixas e un alimento para os que especulan e atacan a débeda do Estado español. Eurolandia, así, nestas crises vive "no conto de nunca acabar", que como ben sabedes, era o conto do "boa pipa".

11/07/11

Reserva a camisola do Encontro Irmandinho!


Reserva a camisola do Encontro Irmandiño para este verán.

Podes mercala cando queiras, ben o 25 de xullo en Compostela, na carpa do xantar do Encontro Irmandiño, ben contactando connosco, pero, para asegurar a túa talla, podes reservar a camisola indicando a talla que desexas (XS - S - M - L - XL - XXL) e que cor che gusta máis, verde ou vermello (a cor decidirase en función das preferencias da maioría).

Prezo: 10 €.

Deseñada por Caramuxo-Camisolas da Galiza para o Grupo de Traballo de Mocidade do Encontro Irmandiño.

Reserva de talla en: mocidade@encontroirmandinho.org
Antes do 13 de xullo!!!

Apertas irmandinhas!

08/07/11

ACTO EN OURENSE - Na defensa dos dereitos humanos.

Ourense

O pasado 14 de xuño tivo lugar na Universidade de Ferro o acto “Na defensa dos Dereitos Humanos” promovido por mozos e mozas irmandiños de Ourense, que contaba coa presenza de Silvia Suárez (Diplomada en Traballo Social) e Natalia Afonso (Estudante de Dereito). Neste acto puxéronse de manifesto os diversos problemas e carencias no referente á inmigración, que veñen motivados polas políticas do estado español, así como a actitude xenófoba amosada por gran parte da sociedade e institucións.
A mocidade irmandiña anunciou tamén a inminente realización de actos co fin de espertar e fomentar a participación da mocidade, tendo como obxectivo unha sociedade máis xusta e igualitaria.

04/07/11

XUNTANZAS ABERTAS DA MOCIDADE IRMANDIÑA (I).

Que?
Encontros para debater sobre a SITUACIÓN DA MOCIDADE GALEGA e as posíbeis ALTERNATIVAS POLÍTICAS dende o nacionalismo e a esquerda.
As propostas serán tidas en conta para a elaboración do programa político para a mocidade galega que o Encontro Irmandiño quere presentar este verán, como base para o futuro.

Quen?
Os distintos encontros comarcais, organizados polo Grupo de Traballo de Mocidade do Encontro Irmandiño, están abertos a toda a mocidade galega.
Non é preciso inscribirse para acudir a título individual, pero recomendámosche que o fagas en mocidade@encontroirmandinho.org, para poder organizármonos mellor. 
Podes presentar comunicacións en nome de asociacións, grupos políticos ou colectivos, inscribíndote en mocidade@encontroirmandinho.org
Se non podes asistir e queres enviar análises e propostas políticas podes facelo tamén en mocidade@encontroirmandinho.org antes do 20 de xullo (haberá máis prazos de recollida de propostas, segundo se vaian definindo máis as ideas).

Cando?
Iº Encontro - Xoves, 7 de xullo de 2011 - 18:00 horas

Onde?
Santiago de Compostela - [Anunciaremos o local de xuntanza o día anterior]

Como?
Esta son asembleas de debate, non de toma de decisións. O Encontro Irmandiño quere escoitar á sociedade galega.

Por que?
O Encontro Irmandiño acordou uns compromisos coa sociedade civil, entre os cales están “desenvolver alternativas, con propostas claras, documentos e estudos, en todos os eidos, partillándoas coa sociedade civil e levándoas ás instancias políticas en que se decida actuar. Alternativas adaptadas á realidade do noso país pero tamén atentas as experiencias de moitos dos movementos sociais mundiais que procuran unha mudanza de sistema.”