30/08/10

Mar adentro... debulhando a palestra de Beiras em Sober.

I Terra Ancha

<< A Índia tem que atingir ainda a independência social, moral e económica para as suas setecentas mil aldeias, que se distinguem das suas cidades e povos. A luita pola ascendência do poder civil sobre o militar terá lugar no progresso da Índia para umha meta democrática>>, Mahatma Gandhi: Draf Constitution of Congress (1948).

<< Fraga [ponde hoje o 'Habichuela'] veu eiquí e está entre nós, os mortais, para iso mesmamente: pra desmontar as vértebras do país peza por peza; pra exterminar os seus sinais de identidade material e cultural; pra extirpar os sectores produtivos que colisionan coa uniformización globalizadora; pra cauterizar os centros ...de decisión empresarial autóctonos; pra valeirar ao cabo de contido a autonomía política de Galiza e convertila no oco sombreiro "bombín" de Magritte co rótulo "pra uso externo" - rótulo que deste xeito cobra un siñificado direitamente comprensíbel sen metáfora surrealista, a saber: a autonomía galega está pra que a usen os poderes públicos e privados de fóra, externos ao proprio país. (...) vostede non veu eiquí pa defender o patrimonio e o benestar dos galegos, senón pra venderlles aos de fóra as terras e as empresas, as vacas e os barcos, as metalurxias, asteleiros, conservas, manufacturas diversas, os montes viciñais e até mesmo os curso dos ríos>>, Xosé Manuel Beiras Torrado, debate do Estado da Naçom 28-9-1999.


Levo já um tempo querendo repasar os meus depoimentos sobre o que dixo, ou sobre o que eu malamente entendim mais bem, Beiras no nosso I Encontro de Verao. Foi nesse lugar onde as irmás e os irmaos do Encontro Irmandinho passamos umha magnífica jornada de convívio da que agora quero fazer um remake para treinar o caletre neste tempo em que a seitura está já rematada e se aproxima o vigoroso tempo outeiriám que ia entre a vendima e a castanheira.

Dizia o nosso irmao que esta ilha sem mar ao Leste que é a Galiza levava séculos sem viver a sua própia história, levava demasiados anos negando-se e sofrendo a história de Espanha na Galiza, na sua fase de mais solera e alienaçom: a da II Restauraçom bourbónica. Vem-se-me à cabeça aquela estampa de Castelao: "- Hay que cuidar España. / - Melhor Espanha tem que nos coidar a nós".

Vai por diante que este marchamo canhí, onde os "galegos coma ti" se disfarçam de gaiteiros para bater com o malho nos galegos de naçom coma Nós, esta aberraçom chamada autonomia tinha como alvo esfarelar, tripar e esganar as arelas dos nacionalistas, de todos os bons e generosos pondaliáns. Descafeinar o autogoverno, a nom-dependência, que democraticamente reside nas cidadás e nos cidadaos galegos como sujeitos políticos e jurídicos da naçom mediante o "café para todos" numha democracia burguesa - umha contraditio in terminis tam funda como a madeira férrea- engalanada para suceder com sucesso a aquela democracia orgánica que espichou de tromboflebite, quando finalmente caiu O porco de pé.

18/08/10

Xenocidio galego: a súa expresión en Sober.


Esta foi a lembranza que o Encontro Irmandiño de Sober tivemos para as vítimas do fascismo na nosa localidade o día 7 de agosto, no marco do I Encontro de Verán do EI. Está escrito un tanto esquematicamente, pois foi exposto a modo de presentación con diapositivas.

* Paula Vázquez Verao

En primeiro lugar, queremos mandar un saúdo para os actos da homenaxe popular a Moncho Reboiras que se está a celebrar neste momento en Imo, no 35 aniversario da súa morte.

Hoxe, en Sober, máis que unha lembranza das persoas que sufriron morte a mans do fascismo no ano 36, queremos aproveitar para falar do que, cada vez máis, se denomina xenocidio galego; queremos intentar dar algunhas claves para entender por qué o sucedido no 36 en Galicia foi un xenocidio - para o cal recomendaremos un libro de recente publicación [MÍGUEZ MACHO, ANTONIO; Xenocidio e represión franquista en Galicia. Ed. Lóstrego, 2009] - e exemplificalo co que sucedeu en Sober.



10/08/10

Umha jornada de encontro.

* Iolanda Pérez Docampo



O pasado sábado día 7 de agosto, tivo lugar o I Encontro de verán organizado polo Encontro Irmandiño, en Sober, Lugo-Sul. Foi unha xornada lúdico-política aberta na que participaron integrantes da corrente, membros de outros colectivos e persoas que non militan no BNG. 
xornada comezou cunha visita á parroquia de Proendos, onde asitimos á explicación historíco-artística dos petroglifos achados en diversos puntos da zona e á capela románica recén restaurada. Despois da visita, dirixímonos á área recreativa-miradouro de Cadeiras, en pleno Canón do Sil. Alí celebrouse o xantar de confraternidade con productos autóctones da zona e con acompañamento musical. Continuando co programa, o historiador Xosé Lois García aprensentou a Uxío Novoneyra que deu un marabilloso recital co gallo da celebración do ano Novoneyra das Letras Galegas. Tras esta emotiva leitura, a xornada continuou cunha visita a unha adega típica da zona, na que se nos explicaron as características propias do mencía e se resolveron todas as dúbidas de profanas/os e interesadas/os.
Con algo de retraso sobre o horario previsto, deu comezo o acto central da xornada que contou cunha masiva asistencia, tendo en conta as datas nas que nos atopábamos. A conferencia-coloquio de Beiras sobre a crise foi apresentada por Paula Vázquez Verao, membro da coordinadora nacional do EI e do Consello Nacional do BNG, quen fixo unha homenaxe ás víctimas mortais e ás/aos represaliadas/os no 36 no Concello de Sober. Segundo moitas/os participantes na palestra, fíxose breve a intervención de Beiras e posteriores aportacións das/os alí presentes, posto que o público asistente estaba desexoso de escoitar ao economista-sociológo-políco, acreditada voz nestas cuestións e aportar o seu ponto de vista sobre o tema.
A I Xornada de verán do EI retamou cunha cea de peche en Canabal e co desexo de organizar xa o vindeiro encontro noutra fermosa comarca do país.


Encontro Irmandiño en Sober.

* Xosé Lois García


* Publicado no xornal Galicia Hoxe - aquí -.


Sober é un dos territorios do sur da provincia de Lugo que ofrenda a visitantes unha gama de sorpresas inauditas. O concello de Sober conforma esa terra telúrica de entrambas augas do Sil e do Cabe, por onde o río se deita nesa fenda sísmica de rocha portentosa e sacralizada, do denominado canón do Sil, con seus miradoiros cara ó norte de Ourense que remata e do Lugo que comeza. Aí está esa grandeza natural configurando paisaxe panteísta nesa vella Riboira Sacrata, de Santa Cristina e San Estevo de Ribas de Sil, berce e cume de eremitas e cenobitas que poboaran as terras soberinas e delas recolleron aquela tradición sacralizada de tantas mostras figurativas de petróglifos que aínda campan nas rochas de Proendos, ese microcosmos ou escenario dunha rica arqueoloxía milenaria. A presenza romana deixou a súa pegada en varios horizontes desta xeografía excepcional. Aquí está o exuberante presbiterio románico que sustenta as pinturas epifánicas do renacemento. Casas pétreas e soberanas feitas á medida desa vella estirpe labrega que se percibe en Proendos.

Milenarios castiñeiros do souto de Lobios e de Bolmente, testemuñan as antigas convivencias do común que recolleron tradición. Paisaxes dionisíacas de Amandi e Doade, onde Baco ofrenda seus viños con sabor único da impetuosa terra feita á medida de sol e néboa. Nesta terra, de comunal esencia e de irmandiña vocación, o pasado sábado xuntáronse uns douscentos irmandiños e irmandiñas e simpatizantes -cifra emitida por certos medios de comunicación- que tivemos como guía a esa moza chamada Paula, chea de talento intelectual e de plenitude xuvenil, que nos guiou por estes suculentos eidos de Sober e nos descubrir o esencial dunha Galiza inmorredoira que se manifesta nestes territorios.

En Sober detectamos ese sabor a tradición comunitaria que se manifesta nesa banda de música que vai celebrar os seus cento cincuenta anos de existencia. Existe un impagábel traballo feito por un dos pioneiros da comuna irmandiña de Sober, como é Alfonso Campos, o home puntual en recompor ese crebacabezas descomposto e espallado, de múltiples peciñas que particularizan refacer nación. Persoas puntuais nesa amatoria de terra reverenciada, como é o caso de Luís Fernández Guitián, a quen se lle deben certas mesuras e reencontros.
Os nosos mecenas do sábado, foron Paula e Alfonso que en ambas as dúas leccións didácticas constataron exercer primordios nese intenso e inaudito programa de actos que se celebraron coa visita a Proendos. Despois o xantar popular en Cadeiras, nos rentes desas penas pagás e sacralizadas nese amor desbordado que deixaron nestas terras míticas nosos antergos. Na tardiña baixa resoaron os acentos elexíacos de Uxío Novoneyra, na voz de seu fillo, Uxío Novoneyra Rei, foi o contributo dos irmandiños de Sober ao noso gran poeta, sementador de esperanzas e mais de ires por terra liberada. Despois veu unha visita á adega Priscillus, en evocación o eséxeta Prisciliano.

Entre lusco e fusco, en Sober, Paula abriu o acto dedicado aos loitadores republicanos do municipio asasinados polo franquismo. Un acto de recoñecemento aos que foron silenciados pola ditadura. As imaxes en CD e as explicación puntuais de Paula, suxeríronlles aos presentes moitas conformidades para amar esta nosa Terra e descubrir seus avatares.
O remate do programa irmandiño veunos do irmandiño maior, Xosé Manuel Beiras, que pronunciou unha conferencia, baixo o título: A crise: consecuencias e alternativas. A consabida sabenza de Beiras exposta en varios parámetros da súa intervención, tan personalizada na orixe da crise global e esplendidamente matizada no caso galego, revelou varias conclusións no que atinxe a configurar conciencia, loi- ta e perseveranza. Beiras continúa sendo imprescindíbel.

Introdución ao acto do EI en Sober.


Este foi o texto intrudutorio á conferencia de Beiras sobre a crise que tivo lugar en Sober - que comeza a respirar tras calcinarse lentamente durante dous días por "lume forestal" - o pasado 7 de agosto, e que non puido ser lido por falta de tempo, mais, como dixemos alí, colgámolo aquí, reiterando tanto o agradecemento ás persoas asistentes coma o convite a participar na III Asemblea Nacional do EI.


Tendo en conta que isto é un acto político, que nos atopamos en pleno verán e hai mil festas por toda a parte, podemos considerar que estamos hoxe aquí moita xente en Sober participando do acto central do I Encontro de Verán do Encontro Irmandiño, xente que seguramente acudistes por vir escoitar a Beiras, pero non só, ou iso agardamos, senon tamén para informarvos sobre as orixes, manifestacións e posíbeis alternativas a esta crise que vivimos.

Haberá quen pense que a atracción que exerce o irmán Xosé Manuel é suficiente para mover montes de xente polo país adiante, mais todo indica que, ademais do factor Beiras, hai algo no ambiente que fixo que centos de persoas ateigasen as charlas sobre a crise de Bueu, Caldas, Vigo… Sober. Que é iso que está “blowing in the wind”? Pois que as xentes do común xa ventan a que se lles vai caer enriba, a que xa está caendo, algo que as mentes lúcidas xa levan anos advertindo, tamén aquí, na Galiza, como, por exemplo, Xosé Manuel Beiras no debate do Estado da Nación titulado Quince Anos Perdidos, da lexislatura 2003-2004, ou no discurso do Día da Patria de 2000, hai case exactamente dez anos, discurso que lembrou o compañeiro Antom nun artigo publicado no blog revoltairmandinha que recomendamos, por certo, e que dicía, en parte:


08/08/10

Nota breve sobre o Encontro do Encontro en Sober.

Ficará para máis adiante a exposición de todo o que deu de si a xornada do 7 de agosto en Sober, trasladando a este mundo virtual os debates que xurdiron naquela hora calorosa: a ocupación do Sil polo Capital, o desgraciado estado no que se atopan importantísimos elementos patrimoniais, a reflexión sobre o xenocidio galego, o recordo que tivemos para Moncho Reboiras e para a homenaxe popular que tamén se celebraba ese día, a memoria das vítimas do fascismo en Sober, a situación do nacionalismo galego...  "Colgaremos" tamén a maxistral intervención de Xosé Manuel Beiras sobre as orixes e as dimensións desta crise - "unha e trina" - e as alternativas que xa temos que dar a ela, precedida da, maxistral tamén, reflexión sobre o que el denomina a dinámica da "Historia de España en Galiza".
Agora é o momento no que o EI de Lugo-Sul queremos trasladar un profundo agradecemento ás persoas que participastes connosco nesta irmandade, especial para Xosé Lois García, Uxío Novo e Beiras.
Camiñaremos do Courel a Compostela por terras liberadas!

05/08/10

Na revéspera do nosso I Encontro de verao.



Com o I Encontro de Verao o EI continua por um vieiro que tivo neste 2010 assaz actos, voltas e mais reviravoltas próprias da construçom serena, mas contínua, dum novo sujeito político que se ergue na porta Faxeira, como recentemente reclamava Manoel Santos num seu artigo aparecido em Altermundo. Um desses actos centrais em que participou o EI na procura desse um outro referente político foi a Rolda de Rebeldia em que o Encontro Irmandinho se caracterizou por combater por um projecto político, nom por um espaço eleitoral ao jeito de qualquer umha força cought all. Porque "pra nós o poder só val en función dun proxecto político protagonizado por cidadáns libres e vertebrado por unha forza política que incesamente loite por que a nación incesante chamada Galiza floreza cada primavera neste recanto do universo e esperte cada mañán co cantar dunha alborada de groria. Eses cidadáns libres constitúen o pobo galego conscente, non alienado, e esa forza política é o nacionalismo progresista".




Som palavras que tenhem agora, na revéspera dumha palestra do irmao Xosé Manuel, algo mais de dez anos, que concretamente fôrom por pronunciadas por ele em 25 de Julho de 2000 e que continuam, junto a outros trechos daquele discurso a ter umha raivosa actualidade, mália que por entom muitos de nós nem tam sequer eramos ainda nacionalistas. E teimava entom em que "a praxe nom é a simples prática, senón a combinación do discurso e máis a prática, do pensamento e máis da acción: o pensamento modela as pautas de acción, e a acción remodela o pensamento. O pensamento político tradúcese en proxecto, e o proxecto esprésase en discurso" só assim é possível derrotar o deus Moloch dos fascistas "devorador de seres humáns, volve asomar a cabeza co pincho no seu casco prusián".

A contrário, caira-se na eterna cilada em que tropeza a libertaçom das classes populares, a sua emancipaçom, quanto a socialdemocracia é a antítese da emancipaçom social dum povo ao renunciar à mesma e, já que logo, "hai partidos susoditos de esquerda que, a forza de asumir o discurso da direita máis reaccionaria e a retórica dos xendarmes da globalización, suicídanse como os ratos fascinados polo famoso flautista de Hameling do conto". Som a antítese a nossa principal tese de socialismo e república para o século XXI, com ou sempermiso, "a democracia obriga a devolvermos ás institucións políticas o seu sentido xenuino de representaren e respeitaren a vontade democraticamente espresada por tódolos cidadáns e non só por unha maioría, e mais de estares ao servizo de Galiza como nación e das persoas sen discriminacións nos seus direitos e necesidades".

Teimava na Rolda de Rebeldia em fazer fincapé no conceito de cidadania e da fraternidade, evocando ao Robespierre magnificamente estudado por Georges Lavica, que infelizmente nos abandonou em 2008 a causa dum derrame cerebral. Teimará passado manhá em denunciar a bancocracia e os "nazis de arestora", título dum artigo recente de denúncia do sionismo que já se recolhia naquele discurso de hai dez anos, quando aludia à "inestimábel e pezoñenta colaboración: os nazis de arestora non precisan volver inventar as traxicamente famosas Seccións de Asalto de hai dous terzos de século na Europa Central".

Lembrará-se-nos nessa palestra das 20:30 horas do 7 de Agosto em Sober que "Estamos a vivir tempos duros. Tempos de involución. Longas noites de invernía política en pleno vran. Noites de caza de bruxas, de acoso a demócratas, disidentes e nacionalistas nos seus propios fogares como había máis de vinte anos que non se volveran dar. Semella terse levantado outravolta a veda prá caza do traballador, da muller, do mozo, do ancián, do escolar: en suma, do máis feble, ou sexa, ao cabo, da grande maioría dos cidadáns carentes ou desposuídos de poder algún". Fai dez anos destas palavras, repito. Dez anos e seguimos padecendo a peste terrível que desde 1945 esperara numha gaveta, ou em qualquer mala até que as ratas voltárom morrer por milherios como no romance de Camus. Enquanto arde a biblioteca municipal, Dom Celidónio fustiga aos bombeiros para que nom apaguem senom queimem qualquer livro que haja nesta cidade apestada, tal o filme Farenheit 451.

Havia entom também já motivos para falar de recentralizaçom e esvaziamento das autonomias, como teito descentralizador dum estado de planta única e ferreamente centralizado na sua fazenda. As seguintes palavras daquele 25 de Julho de 2000 ecoam ainda sobre do milhom pessoas que marchou polas ruas da dignidade catalá em plena efervescência do espanholismo populista de la roja y gualda:

"Os nazis inventaran a queima do Reichstag polos comunistas pra exterminaren as organizacións políticas e sindicais dos traballadores alemáns. Este goberno español inventou a suposta conxura nacionalistas de galegos, vascos e cataláns contra a integridade de España que lle permita exterminar o pluralismo democrático, reducir a cinzas a Constitución, entrar a saco nas competências das Autonomias históricas, mallar no incauto "centro" do seu proprio eleitorado, botar a paletadas aos comerciantes no voraz bandullo do capital comercial transnacional, destruír o tecido empresarial autóctone, reducir á escravitude aos traballadores, confinar ás mulleres en casa a parir fillos prá fame, erradicar a crítica e a disidencia, borrar do mapa a diversidade cultural e nacional, e acabar reinstaurando o franquismo sem Franco - se o deixamos. Tontos úteis non faltan que lle tiren a ese poder da levita pra que os admita de criados no seu séquito, mesmo dende unha invocación a un progresismo que non se exerce, e por tanto non o é".

Porém confundiriades-vos se teimades em cavilar no terrível destas palavras sem conhecer as duas citaçons que abriam aquele discurso do Dia da Galiza. No abrente daquele dia os mercenários do pensamento único ultraliberal retorcêrom-se de aguda dor intestinal quando ouvírom as duas citas com as que o nosso irmao tingiu de realismo, e de esperança, o abrente daquele dia e com as que nós enlaçamos com a sua pronta diagnose da crise actual do sistema-mundo:

"A sociedade actual abandona-se, deixa que lhe ditem a sua conduta, valeira-se progressivamente do seu conteúdo. O seu rasgo dominante é a passividade. Passividade dos dirigentes políticos, que cedêrom o seu poder aos verdadeiros dirigentes do mundo: os grandes fundos de pensons de reforma, os especuladores e os técnicos da cousa pública. Passividade da sociedade civil, que asume a ideia de progresso, mais atura o rol subalterno que o poder lhe atribui. Passividade da oponiom pública, em grande parte manipulada polos inquéritos e os acontecimentos falsificados. Passividade dos indivíduos, cada vez mais afastados uns dos outros, atomizados num contexto sem contornos, e sem outra perspectiva que tentarem segurar um nível de vida".

"Está a instalar-se um modelo de sociedade que varre aos seu passo aquilo que constituia o fundamento democrático dos nossos velhos países: o controlo cidadao das decisons políticas, controlo que se esvaece ao passo que se esluem as diferenças entre conservadores e progressistas. Esbarrulha-se um mundo sem que as gentes o decidam. Emergulha outro mundo sem que as gentes o discutam. Nom é o final da História, pro semelha ser o final da Política".

A pós-Polt-política e a Pokereconomia... Quo usque tandem abutere, Catilina, patientia nostra? quam diu etiam furor iste tuus nos eludet? quem ad finem sese effrenata iactabit audacia?